Unha fonte de calma e alegría de vivir

A Coruña, 3 de febreiro de 2020

O veganismo significa moito para min: faime estar ben, faime sentir máis en sintonia co ambiente arredor de min. Porén, creo que a maioría da xente non entende o que significa isto. Moitas veces teño a sensación de que a xente cre que o veganismo é o produto dun animalismo extremo, unha especie de obsesión polos animais. Escoitei moita xente diciren que aos veganos lles importan máis os animais que as persoas. Desafortunadamente, algúns veganos (moitos, na verdade) tenden a comportarse de tal xeito que fomenten este estereotipo, vivindo o veganismo como unha loita contra un “inimigo” ao que vencer (os “omnívoros”). Non sei cantos contos escoitei de persoas que, ao se tornaren veganas, renunciaron case totalmente á súa vida social. Ben, isto paréceme moi infantil e moi triste, e creo que é o camiño incorrecto.

Eu non teño inimigos, non os quero. Para min, o veganismo non é enfrontamento. Tampouco se trata de animalismo. Eu nin sequera teño mascotas. O veganismo é algo totalmente diferente; polo menos, para min o é. Encántanme os animais, si, pero máis que nada simplemente respecto a vida de seres que sofren coma min. Ser vegano non significa ser empático cos animais máis ca coas persoas. Pola contra, fíxenme vegano estendendo aos animais a miña solidariedade coas persoas que sofren. Eu sempre dei o meu apoio (por exemplo, no voluntariado) á xente que pasaba dificultades, que sufriu violencia, que sufriu depresión (hai anos, todo isto aconteceume a min tamén). Sempre que ocorre unha catástrofe natural en calquera parte do mundo (como, por exemplo, aconteceu recentemente en Australia), o meu primeiro pensamento é para a xente e soamente despois para os animais. O coidado das persoas e o coidado dos animais non se exclúen mutuamente. Pola contra, ao me tornar vegano, aprendín a me abrir máis ás outras persoas (veganas ou non), non a me encerrar no meu cuarto.

Para min, este é o unico camiño posible cara unha vida máis feliz, máis rica, máis chea de dita. Talvez pode parecer un camiño un poquiño mais difícil, ás veces (polos estereotipos que hai cara os veganos) máis eu non creo que o sexa. Sexa como for, creo que paga a pena: é un camiño real e eu sinto que é o meu. A verdade é que non son vegano polos animais. Máis que nada, son vegano polas persoas e o planeta. O meu veganismo baséase en primeiro lugar no amor polos demais, por min mesmo, e polo ambiente en xeral. En segundo lugar, iso tamén é importante, claro: fágoo pola miña saúde. Ao me tornar vegano, comecei a prestar moita máis atención á miña alimentación e, en breve tempo, comecei a sentirme mellor, máis forte, máis en forma e máis en paz comigo mesmo. Máis importante aínda, síntome máis feliz. Creo que non é un caso que decidín tornarme vegano, despois dalgúns anos de vexetarianismo, ao me achegar ao mundo do mindfulness (máis disto falarei noutra ocasión). Mentres que facer a compra antes era unha fonte de estrés e aburrimento, agora é algo totalmente diferente: é un momento de autocoidado: lembro que estou facendo algo para a miña saúde e para o planeta ao mesmo tempo.

É unha grande alegría ver todas as cores da froita e da verdura no supermercado, e pensar en como me gustaría cociñalos, os pratos me gustaría comer a semana seguinte. O mesmo pasa cos legumes, cos cereais, cos froitos secos, co arroz, coa pasta etc. A miña alimentación fíxose moito máis variada desde que me tornei vegano, mesmo desenvolvín unha paixón por cociñar e, lentamente, me tornei máis creativo na cociña. Sobre todo, a alegría que sinto ao cociñar e ao comer. E, por suposto, faime moi feliz, sempre que puider, compartir as miñas tortas con outras persoas (sexan elas veganas ou non, non fai ningunha diferenza). Normalmente, fican moi ricas e, ao non teren nin ovos nin manteiga, tamén quedan moi lixeiras. Saúde, tranquilidade e alegría: isto é o que veganismo trouxo na miña vida. Non soidade, enfrontamento, combates ou un absurdo sentido de superioridade moral cara aos “omnívoros”. Só a serenidade de pechar o meus ollos para mellor saborear na miña boca os miles de matices do sabor da froita fresca. A dita de cociñar algo rico cada día. A alegría de sentar a unha mesa nun bar e ler un libro ou o xornal, tomando lentamente un rico café con leite de soia. 🙂

One thought on “Unha fonte de calma e alegría de vivir

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: