Non calarei

Silence means death

stand on your feet

inner fear

your worst enemy

SEPULTURA, Refuse/Resist

A Coruña, 25 de febreiro de 2020

As persoas que me coñecen ben, que talvez non son moitas, están afeitas ao meu xeito de ser. Con todo, as veces aínda fican sorprendidos por un aspecto do meu carácter que lles parece contraditorio. Eu son unha persoa moi pacífica, de carácter tranquilo. Xeralmente, verasme sorrir moito, coa boca e cos ollos. Son unha persoa contenta, contenta de estar viva, malia os problemas que poden xurdir no día a día. Claro, como todo o mundo, teño as miñas preocupacións, hai cousas que me poñen nervioso, etc., mais en xeral, estou moi agradecido coa vida. Creo que ter tido unha experiencia de depresión moi profunda durante anos ten moito a ver con isto: ao veres o mundo en branco e negro durante un período moi longo, redescubrires as cores preséntase como un pequeno milagre diario. Ao saíres dun abismo no que o teu pensamento máis frecuente é “non importa o que fago na vida, de todas maneiras, un día vou morrer”, inclusive a cousa máis banal paréceche máxica e especial. E, a verdade, é que o é. Este asunto merecería un artigo propio; polo tanto, deixo o tema para outra ocasión. O punto en cuestión é que vivo sorrindo e, a pesar de dificultades e problemas, raramente perdo a calma. Por outra banda, pásame bastante a miúdo atoparme involucrado nalgunha polémica.

Ao falarmos disto, a miña irmá galega e eu pasámolo moi ben, lembrando estes episodios como se fosen capítulos dunha historia que levan o título “o teu irmán vs. X”. Parécelle moi divertido que, a pesar de ser unha persoa normalmente pacífica, me atope tan a miúdo neste tipo de controversias. Con todo, creo que a devandita contradición é soamente aparente. De feito, a tranquilidade é un estado interior que prescinde dos eventos que nos pasan; pola contra, as polémicas teñen as súas orixes xustamente nestes. Non me trae pracer ningún atoparme en polémicas, prefiro realmente pasar o meu tempo doutra maneira, dedicándome ao meu traballo, aos meus intereses e aos meus queridos. Ao tornarme polémico, fágoo porque me parece preciso, porque vexo algo que non me parece certo.

No traballo, por exemplo, recentemente un editorial académico acusoume de violación do copyright por cargar un artigo meu, que publicaron nunha das súas revistas no ano 2017, no meu perfil de ResearchGate. Legalmente, tiñan razón. Moralmente, non, en absoluto. Decidín subir o artigo cando vin que máis e máis universidades (sobre todo estadounidenses) deixaban – con razón – de abonarse ás súas revistas, debido ás súas políticas editoriais que se estaban a volver cada vez máis discutibles (cobraban moito dos lectores). Ben, isto fai un dano moi grande aos autores que publicamos os nosos artigos – que son o resultado de meses, a veces anos, de traballo de investigación, que nos custan non poucos sacrificios, nestas revistas. Isto non é certo. Quitei o artigo do perfil, mais subín un borrador precedente (practicamente igual á versión publicada). Algo parecido pasoume hai algúns meses co revisor dun artigo que me pedía unha mudanza inxustificada (entre outras lexítimas, claro) que – aínda que fose moi pequena – empobrecería o artigo. Por suposto, non teño nada contra os revisores de artigos, o seu papel é moi importante, os seus comentarios poden realmente aportar contribucións relevantes que permiten mellorar os nosos textos. Isto é o que tamén intento facer eu ao revisar artigos para revistas. Porén, hai que ler os artigos con atención e pedir modificacións soamente cando sexan realmente necesarias, porque é o traballo doutras persoas do que se está a falar. Ninguén que eu coñeza se tornou rico coa investigación científica: trátase dun traballo que se fai con paixón por amor á disciplina. Como consecuencia, é preciso respectalo: o propio e o dos colegas, aínda que podemos non estar de acordo coas súas opinións.

A palabra clave no devandito discurso é xustamente esta: “amor”. É esta a razón que me leva tan a miúdo a ser polémico cando “o tranquilo vivir” (que, na verdade, non é tan tranquilo e, sobre todo, non é vivir) pediríame quedarme fóra da controversia. E exactamente trátase de amor pola paz e a vida e, como consecuencia, rexeitamento das situacións que percibo como inxustizas. Por exemplo, entre o 2012 e o 2018, vivín na Inglaterra, o que é dicir que, cando o goberno anunciou o referendo sobre o Brexit, eu estaba alí. Vivín sobre a miña pel a campaña que non tardou moito en se tornar tóxica e chea de slogans sen sentido. A miúdo, houbo episodios de intolerancia, agresión verbal e física

Estaba convencido de que había argumentos bastante obvios contra o Brexit e esperaba que algún xornalista británico os presentase nun artigo de algún xornal ou outros medios de ampla difusión. Como ninguén o fixo, en maio de 2016 fíxeno eu – cos poucos medios que tiña a disposición – malia non ser cidadán do Reino Unido: escribín un texto bastante conciso e envieino a un xornalista inglés para publicalo na súa páxina de Facebook. El ficou moi impresionado co artigo e o publicou. Obviamente, os trolls masacráronme. Non sei cantos insultos e acusacións ridículas recibín nos comentarios (alguén chegou a acusarme de ser “EU-funded”… claro, porque a Unión Europea non tería recursos para permitirse un escritor de verdade… nosa señora! XD). Mais non importa: as críticas baseadas en análises, sostidas por argumentos reais, válidos, sempre son benvidas; por outra banda, aos insultos e outras parvadas é preciso dedicarlle a atención que merecen: ningunha. Mais, sobre todo, é preciso non deixarse desanimar. Non calarei. Como no título daquela estupenda canción de Sepultura de 1993,“Refuse/Resist” (álbum Chaos A.D., se quixesen procuralo).

Estes soamente son exemplos moi sinxelos do que quero dicir. Mais, mirando alén dos casos específicos, o punto deste texto é máis xeral: amar a vida, amar as persoas, amar o planeta, significa opoñerse ao que non é certo, na medida en que temos a posibilidade de facelo (claro) e do xeito no que poidamos facelo mellor (no meu caso, escribindo). Non temos moitas opcións para escollermos. Como dixo a famosa oración do clérigo sudafricano Desmond Tulu, “quen quede neutral nunha situación de inxustiza, está a escoller o lado do opresor”. É realmente así, tan sinxelo como soa: se queremos un mundo máis certo para deixarmos aos vindeiros, non abonda con evitarmos facer o mal, non temos tempo para acariñarmos o noso ego admirando como de bos e simpáticos somos e nos levamos ben con todo o mundo. Isto sería, xustamente, escollermos o lado do opresor. Teño as ideas ben claras sobre isto: o silencio non é pacifismo, é conivencia. Non calarei. Por pouca diferencia que isto poida facer, non calarei. Se convencen as miñas palabras unha soa persoa de reflexionar sobre un asunto importante, este xa será un resultado. O pacifismo e o silencio son inimigos mortais. É nos berros de protesta, é neste barullo de hoxe que se arraiga a paz de mañá. Non calarei. Rexeita, resiste.😉

One thought on “Non calarei

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: