Contra vostedes, señores!

Cowardice is worse than violence, because cowards can never be non-violent.

MAHATMA GANDHI

Contro la depressione – HC / Contro l’ipocrisia – HC / Contro il silenzio, sempre – HC / Contro di voi, signori – HC!

KAFKA (band), Hardcore

A Coruña, 29 de maio de 2020

Ao empezar a desescalada, despois da corentena imposta pola Covid-19, volto a dar un paseo polas rúas. E outra vez, na rúa Ramón y Cajal como na rúa Real ou na Ronda de Nelle ou en calquera recuncho da cidade, atópome diante as vidreiras do imperio. BBVA, Abanca, Santander, Sabadell, Bankia… paréceme que o mantra recente “menos é máis” neste contexto non vale… non si? E si que o sei. Seino moi ben que non nos deixan alternativa ningunha: queres un soldo? Necesitarás unha conta. E ás grandes bancas convenlles, iso tamén o sei. Sei que cobran moito menos e ofrecen contas de varios tipos. Claro. Os grandes grupos non necesitan cobrar por cada unha das operacións que facemos co noso diñeiro. Abonda e sobra o que ingresan, por exemplo, co trafico de armas nos países africanos. Porque nos debería importar aquí? Mors tua, vita mea. Así vai o mundo. Porque isto é, o que a xente coma min e os amigos meus non queremos entender: todo isto está na orde natural das cousas. O forte aplana o débil, son as regras do xogo. Cómpre sermos fortes e aplanarmos aos vulnerábeis, ou alguén aínda máis forte vai aplanarnos a nós. 

A verdade é que somos os fracasados, nós. Nós somos os que non entenderon nada da vida, temos traballos precarios a pesar de termos gastado tempo e diñeiro na nosa educación e seguimos a perseguir utopías en lugar de medrar e facérmonos unha vida no mundo real. Somos os que viven improvisando, sen produciren nada. Engadiría que somos os travesos que levan tatuaxes mais hai algúns anos vostedes apropiáronse destes tamén, e fixeron deles outro símbolo do seu status social. Como evidenciou xustamente Manolo Rivas: as agresivas marcas de tinta que decoran xa os brazos dos futbolistas e das modelos é a pegada do seu éxito (“seu” = de vostedes, porque ao cabo o sistema é o mesmo), da súa afirmación sobre os demais, señores. Nós somos os que non entenderon que apampar amabelmente aos demais é a única maneira de conseguir algo. Como o título daquel disco de Jungle Rot de 1998, Slaughter the Weak. Amen. E isto é o noso certo destino: fomos nós mesmos quen escollemos ser o Racing de Ferrol nun mundo que quere ver xogar o Barça e o Madrid. Que dereito temos a queixarnos? Ninguén nos matou: suicidámonos.

Suicidámonos, preferimos sentarnos no lado dos perdedores da historia. O lado dos “débiles”, dos vulnerábeis, dos esquecidos. Categorías de persoas nas que non é imposíbel que nos atopemos nós mesmos tamén, un día nin sequera tan lonxe. Fique claro: a crise económica aínda está a pique de explotar neste vello mundo e non é outra cousa que o resultado dun proceso que empezou, por desgraza , na miña cidade no ano 1407.. E así, mentres nos achegamos a botarlle unha man aos que a súa suposta “selección natural” decidiu botar ás marxes, nos seus ollos desesperados vemos o reflexo da nosa humanidade. Grazas á súa total indiferenza pequeno burguesa, señores, neste mundo non hai espazo para clases enteiras de persoas: os mendigos, os drogadictos… Que envexa sinto de vostedes que só cometen erros “socialmente aceptábeis”. E que nos reprochan que queremos facernos cargo de todo o mundo, cando nin sequera temos recursos para coidarmos decentemente de nós mesmos. Quizais teñan razón vostedes: deberíamos medrar, xa. E calármonos. E deixarmos de pensar no G8 de Xénova e o homicidio de Carlo Giuliani, que ao cabo era un vándalo drogadicto que estaba a atacar os fiados servidores do estado italiano. É dicir, de nós, tamén. Praza Alimonda aínda sangra? Ben, era sangue culpábel. E xa está.

As regras do xogo, xa. Cómpre seguírmolas, nalgunha medida, para sobrevivirmos, isto sabémolo. Pola outra banda, cómpre rexeitarmos outros dos seus aspectos para vivirmos. Somos seres humanos e precisamos de ir un pouco máis alá da mera supervivencia. Nós precisamos da nosa dignidade. Nós precisamos da nosa humanidade. Precisamos de ser imperfectos, de cometer erros, mesmo de caer en contradición as veces, porque si que sabemos que nos pasa a nós, tamén. Ás veces erramos, outras pelexamos entre nós. Outras atopámonos co corazón quebrado a preguntarnos cal será a cousa certa, cal será a opción mellor para nós e os demais. Envexa de vostedes que sempre escolleron o lado certo da historia, que sempre gañan, que sempre se atopan chanceando e sorrindo desfrutando mariscadas, mentres nós nos atopamos a apertar os puños ante as inxustizas e os paradoxos do noso “mundo libre”, lendo con admiración os relatos das barricadas na Cataluña do 1936. Porén, esperen, igual non: ao pensármolo un pouquiño máis, non temos envexa ningunha. Hai, entre as nosas situacións, unha diferenza fundamental que nos permite mirarnos ao espello cada día: nós temos sangue nas veas; vostedes, nas mans.

Finalmente, un pensamento para os que, a partir do principio de que a oposición non violenta é mellor que a oposición violenta, esquecen opoñerse e xa está. Vostedes que, ao veren os fascistas voltaren a mandar nas rúas co permiso explícito da policía, prefiren contarse que “ao non facermos nada, non engadimos agresión ao mundo”, en lugar de lanzaren unha mensaxe clara para dicírenlles claro que o pobo rexeita os seus falsos valores (mensaxe que, preferibelmente, tería que ser non violenta, pero mesmo Mahatma Gandhi prefería a violencia á covardía). Vostedes, aínda que non se decaten disto, son cómplices. Sleepwalking into fascism? Non, non, é moito peor ca isto: están a confundir a non violencia coa inercia. Esta é unha distopia do pacifismo, que o convirte en conivencia. Por favor, régollelo: non hai nada violento en tomar unha posición, a violencia é unha cuestión de métodos. Ao esqueceren isto, poderían atoparse con algunhas pequenas manchas vermellas nos seus dedos, tamén. E, aínda que vostedes sexan tan boas persoas, non se tratará de zume de framboesas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: