O Arsenal, para min

49, 49, undefeated / 49, 49, I say / 49, 49, undefeated / playing football the Arsenal way.

Cántico dos afeccionados do Arsenal F.C.

Arenzano, 23 de setembro de 2020

Mentres algunhas veces xa mencionei o meu interese polo fútbol italiano e español, creo que nunca mencionei o equipo ao que apoio en Inglaterra: o Arsenal de Islington, North London. Cheguei a ser afeccionado deste equipo dun xeito bastante aleatorio, aínda que as sementes xa estaban alí cando era neno. Si, porque de neno seguía un pouco o fútbol de toda Europa. En Inglaterra, gustábame o Arsenal, co seu logo ben lindo, a súa elegante camisola vermella coas manga brancas e os seus xogadores que combinaban técnica e determinación, coma David Seaman, Tony Adams, Anders Limpar, Paul Merson, Alan Smith e, sobre todo, o dianteiro Ian Wright. O estadio de Highbury, tamén, parecía ben chulo. E no ano 2004, cando xa eu tiña 20 anos, lembro que gañaron o torneo sen perder nin sequera un partido, batendo o record do Preston North End de 1889 e gañando o título de Invincibles.

De todos os xeitos, na verdade nunca escollín os Gunners como meu equipo inglés ata o día 16 de agosto de 2008. Daquela, estaba en Londres para atender o Summer Course in English Phonetics no University College London. Ben, ese sábado estaba a xantar no Mabel’s Tavern de Mabledon Place, a medio camiño entre Euston e King’s Cross. Non tiña idea de que a Premier League estaba a piques de comezar: de súpeto, como erguín os meus ollos, atopeime rodeado por moitos homes e algunhas mulleres que levaban a camisola ou a bufanda do equipo: no lunch match que marcaría o comezo da estación futbolística inglesa, o Arsenal recibiría o West Bromwich Albion. O estado de Highbury xa non existía: dende un par de anos, o equipo xogaba os seus partidos como local no novo Emirates Stadium, a pouca distancia do estadio anterior. En apenas tres minutos e medio, o centrocampista francés Samir Nasri, que acababa de chegar do Olympique de Marsella, marcou o único gol do partido, batendo o record do gol máis rápido marcado por un xogador ao seu exordio. A muralla humana que poboaba o estadio estalou de ledicia, así como os fans no pequeno pub onde estaba a mirar o partido. Unha vitoria por 1-0 contra un adversario ben modesto foi suficiente para que o entusiasmo dos londinienses me contaxiase: agora tiña un equipo en Inglaterra. Stand up for the Arsenal! (lembrades a canción Go West? A orixinal era de Village People en 1979, mais a min gústame máis a versión que fixeron os Pet Shop Boys en 1993).

Nos dous anos seguintes, os partidos do Arsenal fixéronme moita compañía mentres estudaba lingüística en Pavia e, no ano 2012, ao aceptárenme en Lancaster para facer o doutorado alá, o feito de ter un equipo de fútbol no Reino Unido foi unha razón máis para ficar alegre. Obviamente, levei a miña bufanda do equipo alí. Aínda que no norte de Inglaterra non haxa moitos afeccionados dos equipos de Londres, o primeiro domingo aló vin o partido do Arsenal na televisión dun fast food turco no campus da universidade. Aínda lembro que o Arsenal perdeu 3-2 en campo contrario contra o modesto Swansea City (nesa tempada, mesmo chegaría a perder 8-2 contra o Manchester United). O equipo non conseguiu gañar nada ata o 2014, cando comezou outra vez a gañar algunhas copas de Inglaterra e supercopas. E, na universidade, non coñecín moitos outros afeccionados do equipo, quizais apenas dous (e tampouco eles eran ingleses). Non importaba: era o Arsenal, o meu equipo no Reino Unido, nas boas e nas malas. Algunhas satisfaccións menores sacaríamolas, de todos os xeitos: lembro o Arsenal gañar derbis contra o Tottenham Hotspur marcando 3, 4, ás veces mesmo 5 goles. Good old Arsenal!

No ano de 2015 estaba de volta en Italia mais, como ao pasaren os meses ficaba cada vez máis claro que a miña vida se atopaba nunha situación de impasse, tomei a decisión de voltar a Inglaterra a comezos do ano seguinte (sen unha verdadeira razón, agás as miñas frustracións e inquietudes). Mentres tanto, no outono, comezara a estación futbolística e, nos primeiros meses, o Arsenal xogaba moi ben e parecía poder voltar a ser un serio candidato ao título. Lembro moi ben que seguín a vitoria contra o Manchester City en liña cos usuarios da páxina web Arsenal Mania e tamén lembro o comentario de Eurosport UK: “It’s London ruling Manchester today!”. Como xa estaba listo para voltar a Inglaterra, pensei que, de concretarse a posibilidade de que Arsenal gañase o título, en maio faría un sacrificio económico e tomaría o tren que do condado do Lancashire me levaría a Londres, para ver o partido decisivo nun pub de Islington, tomando cervexa coa xente local. A ilusión non durou moito. En xaneiro, o meu amigo Φώτιος, que me hospedou en Liverpool dúas semanas antes de que voltase a Lancaster, tróuxome a ver o derbi contra o Chelsea nun pub para distraerme das decenas de solicitudes de traballo que estaba a enviar nestes días: a pesar da crise que estaba a vivir o Chelsea nesa tempada, o Arsenal perdeu 1-0 e demostrou claramente non estar á altura de poder gañar o torneo. Ese ano, triunfarían os absolutos underdogs do Leicester City, así que tivemos que conformarnos co segundo posto. Por desgraza, problemas ben máis serios estaban por chegar nos meses seguintes: en xuño, o Reino Unido votaría para saír da Unión Europea e, en novembro, Donald Trump gañaría as eleccións presidenciais en Estados Unidos. Estes desastres políticos, económicos e sociais levaron a miña atención ben lonxe do fútbol.

Nos anos seguintes, por razóns persoais bastante serias, afasteime do Arsenal e o fútbol en xeral, mesmo perdendo o adeus ao equipo do histórico adestrador Arsene Wenger. Con todo, ao comezar a Premier League, este ano voltei a seguir o equipo. Aínda que xa non coñezo ninguén dos futbolistas do equipo e tomará un rato para que aprenda os seus nomes e a súas caras, redescubrín un (non tan pequeno) recuncho de min que tiña descoidado nos últimos anos. Nos primeiros dous partidos, o Arsenal derrotou o Fulham en campo contrario e o West Ham no Emirates Stadium, no triste cadro destes estadios londinienses totalmente baleiros. Non creo que haxa posibilidade ningunha de que o equipo gañe o título, aínda que en agosto gañou a Copa de Inglaterra e a Supercopa. Pero, quizais… parece que, ben devagar, o equipo estea a mellorar… quizais nos vindeiros anos os Gunners voltarán a loitar para gañar o título.

Sobre todo, quizais sexa posíbel, dentro de algúns anos, voltarmos a vivir o fútbol como se facía antes de que o Covid-19 chegase a causar estragos nas nosas vidas. Quizais sexa posíbel un día voltarmos a ver os estadios cheos de xente. Quizais sexa posíbel voltarmos a ver a centos de persoas invadiren as estacións da metro de Arsenal, Halloway Road, Finsbury Park etc. marchando cara ao estadio coas súas camisolas e bufandas vermellas e brancas, tomando cervexa e cantando en voz alta os cánticos da bancada, saltando e bailando con alegría. Quizais voltemos a ouvir a canción 49, 49, undefeated nas estacións do metro e nas rúas arredor do estadio. Quizais, de ser o Arsenal un serio candidato a gañar o torneo… podería aforrar un pouco máis de diñeiro e facer unha viaxiña ao Reino Unido… e finalmente conseguir celebrar o título nun pub de Islington, coa xente local…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: