Un día de alegría na megalópole

When the light started it out, they don’t know what they heard / Strike the match, play it loud, giving love to the world…

ELLIE GOULDING, Burn

Grab your heart and I’ll show you the way / hold your head up high…

GAMMA RAY, Land of the Free

Arenzano, 6 de setembro de 2020

Ao marchar do Reino Unido en febreiro de 2015, prometín á miña amiga Γεωργία que, ao voltar ao Reino Unido para entregar a versión corrixida da miña tese de doutoramento, quedariamos. Era importante para min cumprir a promesa. Así que, cando finalmente puiden programar a miña viaxe á illa a mediados de novembro, escribinlle. Daquela, ela mudara temporaneamente a Ipswich, onde estaba na casa da súa irmá. Inicialmente, pensaba ir visitala aló, máis a loxística non mo permitiría: ir de Lancaster a Ipswich e voltar no mesmo día sería imposíbel. Como consecuencia, propúxenlle quedarmos na estación de Londres Euston e pasarmos o día no centro da capital. Ao cabo, habería máis cousas interesantes que facer en Londres que en Ipswich, non? Escollemos o día 16, un luns.

O meu tren chegou un pouco tarde. Efectivamente, daquela, Virgin Trains tiña bastante problemas. De todos os xeitos, ela aínda non estaba. Boteille unha ollada á estación: a pesar dos tremendos ataques terroristas de París do día 13, que causaron bastante ansiedade nas principais cidades europeas, en Londres todo parecía bastante tranquilo. Ao vérmonos dende lonxe, corremos a abrazarnos, ben forte. Estabamos realmente contentos de vernos. “Desculpa a demora, pensaba que quedaramos en vérmonos en Liverpool Street. Non sei por que”, díxome rindo. Sorrín con moita alegría e acariñei o seu longo pelo negro. “Isto é 100% Γεωργία”, pensei. “Guapa coma Rita Hayworth e torpe coma Fethry Duck.” Fomos dar un paseo en Bloomsbury, contándonos as nosas novas, alternándoas con chistes parvos. O máis divertido de nós era que, ao falarmos, a miúdo tiñamos malentendidos. Aínda así, había unha conexión que ía máis alá das palabras. Era, creo, a primeira vez que a encontraba nun lugar que non fose o Gradbar, o pub do Graduate College da Lancaster University. Aló, encontrabámonos con outros rapaces, mais sempre houbo algo particular entre nós: strictu sensu, nunca fomos íntimos, mais había un sentido de compañeirismo ben raro entre persoas de sexo oposto. É algo que non sei describir, séntese e xa está.

Nalgún momento, mentres andabamos, ela preguntoume “Sabes onde nos atopamos?” Contesteille simplemente: “Si, Londres.” “Podes ser un pouco máis específico?” “No centro de Londres.” Respostas tremendamente idiotas mais tiña ganas de xogar un pouco. O momento e os personaxes eran perfectos para este tipo de conversas: ás veces serias, ás veces lúdicas. Fomos tomar un caféciño a un pequeno bar onde traballaba un rapaz que descubrimos ser español: declaramos os tres, entón, que unha conspiración mediterránea estaba a piques de tomar posesión de Londres. Falabamos un pouco do que estabamos a facer: ela traballaba de camareira nunha cafetería en Ipswich. Eu, estaba en Italia, enviando solicitudes de emprego planeando voltar a Gran Bretaña (que daquela chamaba simplemente, en italiano, l’Isola “a Illa”) a comezos do ano seguinte.

Decidimos marchar cara aos mercados de Camden Town, aínda estabamos un pouco lonxe. Non lembro como nos veu a idea, mais unha vez discutimos a posibilidade de atravesar a rúa saltando á maneira dos canguros. “Faise?” “Claro que se fai!” O semáforo virou verde e, deixando os outros peóns abraiados, dirixímonos á outra beirarrúa saltando coma canguros. Alguén parecía divertido, outros comprensibelmente molestos, todos os que nos notaron deberían pensar que estabamos tolos (ou totalmente idiotas). E terían toda a razón: para a xente local e (quizais máis aínda) os traballadores desprazados que viven todo o día o estrés da vida da megalópole, creo que ver forasteiros divertíndose a facer cousas raras e/ou parvas polas rúas da cidade lles pode resultar bastante molesto. Como no caso de moitas outras metrópoles, a idea que os londinienses teñen da súa cidade é bastante diferente da que teñen os turistas: Lily Allen ilustrouno cunha maxistral ironía na súa canción LDN. Porén, que importaba? Ao cabo non estabamos a facer dano a ninguén, só eramos dous amigos que tiñan ganas de pasar un día xuntos divertíndose un pouquiño. Era unha actitude máis childlike que childish.

Antes de ir aos mercados, parámonos a comer algo nun pub. Gustábame mirar a Γεωργία aos ollos e, en particular, facelo cunha expresión interrogativa (totalmente inxustificada). Ela sempre se sorprendía e me preguntaba “Que?”. “Nada, por que?”. “Mírasme así”. “Así como?” Seguía unha breve conversa sen sentido ningún. Fique claro que, por suposto, non todas as nosas conversas eran un disparate total. En absoluto. Falabamos tamén de cousas serias e mesmo das lembranzas da Lancaster University e, claro, dos nosos amigos comúns.  

Pola tarde, pasamos o día botando olladas ás tendas dos mercados e mesmo sacamos unha foto enmascarados na Camden Old Time Photos de Stable Market. Levamos traxes no estilo das parellas dos tempos de Foise co Vento, mais… mentres ela podería ser críbel no papel de Scarlett O’Hara, eu de ningún xeito podía ser Rhett Butler. Con todo, foi moi divertido sacar esta lembranciña do día que pasamos xuntos. Pasamos un pouco máis tempo alí e logo voltamos a Londres Euston co/no metro. Tomamos un caféciño no Caffé Nero xusto fóra da estación de trens, sentamos nunha mesa ao ar libre. Estabamos ben cansos, os dous. Γεωργία apoiou a súa cabeza sobre o meu ombreiro. Eu sorrín e biqueina lixeiramente na cabeza. O día estaba a concluír. O seu tren sairía un pouco antes do meu. Despedímosnos con agarimo, agardando que nos encontraríamos outra vez cedo. No entanto, voltaría a Lancaster moi contento.

En contra do que se poida pensar, esa foi a última vez que encontrei Γεωργία. Como me pasou tamén con moitas outras persoas, as nosas vidas tomaron outras direccións e perdémonos. Teño que admitir, iso  si, que é unha pena. Porén, polo menos aínda temos a foto e as lembranzas dese día que pasamos xuntos en Londres (que, por certo, foi tamén a última vez que eu estiven na capital británica). Eu gardo, ben agradecido, a memoria dun día feliz, lixeiro e despreocupado. Quizais o único (ou, polo menos, o último) día totalmente así que eu lembre. Xusto onte, decidín contactala en Facebook e falamos con cariño dese día e da foto. Agora ela vive e traballa en Cambridge e falamos sobre a posibilidade de voltarmos a ver en Inglaterra ou en Italia (ou onde sexa). En canto for posíbel, gustaríame moito facelo, de verdade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: