Locked in Windsor Locks?

Amelia: “Are you coming or going?”

Viktor Navorsky: “I don’t know. Both.”

THE TERMINAL

Arenzano, 26 de agosto de 2020

Estabamos a mediados de xuño de 2014, pola primeira (e, ata agora, a última) vez tiven a oportunidade de viaxar a Estados Unidos: asistiría a unha conferencia na Universidade de Connecticut, a primeira de varias nas que participei naquel ano e a única fóra do noso continente. A viaxe ocorreu no momento adecuado: acababa de voltar de Atenas apenas dez días antes, onde vivín o colapso definitivo dunha relación e o meu humor non era o mellor. Como consecuencia, o feito de viaxar a Estados Unidos aos poucos días permitíame contrapesar un pouco a tristeza pola fin do que eu vivira, realmente, como un soño de amor. A viaxe ía ser bastante longa: sairía de Xénova para París, logo de alí tería outro voo para Detroit e, finalmente, de alí voaría para o Aeroporto Internacional Bradley de Windsor Locks, xusto na fronteira entre Connecticut e Massachussets, no corazón da Nova Inglaterra.

Emporiso, a viaxe comezou bastante mal: ao momento do embarque en Xénova, informáronnos de que o avión tiña un problema mecánico bastante serio. Tivemos que recoller todas as nosas maletas e voltar ao salón do aeroporto para ver como se podía xestionar a situación. Daquela, nin sequera sabiamos se o voo se atrasaría ou cancelaría. O aeroporto de Xénova é ben pequeno, parece máis unha estación de autobús que un aeroporto; así que esta situación totalmente inesperada xerou un pouco de pánico entre os seus dependentes. Por moi absurdo que poida parecer, tivemos que esperar a que chegase un técnico directamente de París para solucionar o problema. Air France, Alitalia e o aeroporto de Xénova non quedaron moi ben, ese día. Ao ficar claro que eu perdería o voo de conexión para Detroit, a empregada do aeroporto cancelou a miña reserva e fixo outra: ao parecer, pasaría por Philadelphia no canto de Detroit (que, na verdade, xeograficamente tería máis sentido). Ao conseguirmos finalmente viaxar, chegamos ao aeroporto Charles De Gaulle con 7 horas e media de retraso: o voo para Philadelphia tamén estaba perdido. Outra vez, tiña que cambiar a reserva. Como non había outros voos no mesmo día, pasaría a noite en París e sairía para Detroit (cambiaron outra vez o segundo voo de conexión) ao día seguinte.

Ao cabo, conseguín chegar a Detroit e, finalmente, ao pequeno (segundo estándares americanos) aeroporto de Windsor Locks. Como non había autobuses, tiven que gastar 90 dólares nun taxi para chegar á pequena vila de Storrs, pero xa non me importaba: ao cabo estaba alí, no marabilloso campus da Universidade de Connecticut, onde coñecín inmediatamente algúns colegas internacionais cos que comín un bocadillo nun gracioso bar preto do campus e pasei unha boa tarde. Os días da conferencia paseino moi ben: encontrei algúns colegas que xa coñecía, coñecín outros, a miña presentación foi moi ben recibida, escoitei contribucións interesantes, a cea social foi moi boa e mesmo tivemos a posibilidade de tomar unha cervexa no pub privado (!!!) na casa de dous profesores de psicoloxía (curiosidade, xa os encontrara o ano anterior noutra conferencia en Portugal). A miña primeira experiencia nos Estados Unidos foi moi boa. Desafortunadamente, a diferenza de moitos colegas, fiquei alí soamente os días da conferencia: parece un crime estar na Nova Inglaterra e non ir visitar cidades coma Boston, Providence, Baltimore e/ou a propia Nova York, mais para min costaría demasiado, así que renunciei. Non fiquei demasiado triste, na verdade. Pensei: “Estados Unidos ficará alí, non si? Haberá outra ocasión”. Daquela, tiña que voltar a Europa.

Non podía imaxinar a sorpresa que me esperaba no aeroporto de Windsor Locks: ao falar coa empregada da Delta Airlines, recibín a nova de que ela non tiña reserva ningunha para min. Ah. Foi bastante doado entender o que pasou: no pánico total da situación, a moza do aeroporto de Xénova cambiou a reserva para o viaxe de ida, mais a do viaxe de volta cancelouna e xa está. “Unha situación interesante”, pensei eu, un pouco divertido, lembrando a película The Terminal con Tom Hanks. Púxenme a rir silenciosamente: “No peor dos casos, procurarei traballo no aeroporto.” Sabía que non sería tan fácil: Estados Unidos non é a Unión Europea e o meu ESTA caducaría xusto nese día, mais aínda así, non estaba demasiado preocupado: é o tipo de problema que pode incomodar durante uns días, mais acaba solucionándose (polo menos, na miña perspectiva privilexiada de persoa europea e branca). Ao cabo, hai consulados de Italia en Estados Unidos e, aínda que a miña tarxeta de débito e a SIM do teléfono non funcionasen, tiña bastante efectivo para tirar uns días. Nese período tiña unha actitude bastate relaxada cara aos imprevistos: “De non ser que deixe de respirar, calquera problema ten solución”. Na verdade, a cousa resolveuse rapidamente sen problema ningún: a señora da Delta Airlines puido conseguirme outra reserva e nunha hora xa tiña as miñas tarxetas de embarque. O único que me deixaba un pouco incómodo era o pouco tempo que tiñamos para o voo de conexión en Cincinnati, mais decidín non pensar niso e fun esperar a hora do voo tomando unha cervexa nun bar do aeroporto. Non houbo máis problemas en América. En París, ao día seguinte, o avión para Xénova tiña unha hora de retraso: non era un gran problema, pero pensei, iso si, que, de ser este un combate de boxeo, o meu comentario sería: “Delta Airlines gañoulle a Air France por KO Técnico”. Algunhas horas máis tarde, xa estaba a dar unha volta polo paseo marítimo da miña vila, reflexionando sobre o feito de que, aproximadamente 24 horas antes, aínda me atopaba noutro continente, sen pensar demasiado na rapaza de Atenas.

Pasaron seis anos, mais parece un século. Nas últimas semanas, están a voltarme á cabeza todas as viaxes que fixen nos últimos oito anos, en particular entre 2012 e 2015, os anos do doutorado. Ao falar con moitas persoas que non coñecen o mundo do traballo na universidade, a miúdo oio comentarios como: “Que ben, viaxas moito!” (percíbese mesmo un pouquiño de comprensíbel envexa, nestas frases). Entendo este entusiasmo, pero creo que está xustificado só parcialmente: a miúdo tiven que pagar persoalmente eu case todos os gastos destas viaxes e, xeralmente, pasaba a maioría deses días pechado nalgunha aula dunha universidade ou nunha sala de conferencia dun hotel. Porén, iso si, teño que dicir que, mesmo nestes poucos días, sempre pasaba algo significativo: encontraba algunhas persoas interesantes coas que interactuar, degustaba algo de comida rara e saborosa ou, simplemente, había momentos inusuais, como no caso do aeroporto de Windsor Locks. Nas viaxiñas de conferencias de Londres, Bangor, Estoril, Sheffield, Storrs, Jyväskylä, Lund, Odense, Ilderøy… sempre, mesmo nun intervalo de tempo tan reducido, pasou algo que non é do de cada día, algo interesante ou raro, algo que logo se conta aos amigos. E, nestes meses nos que as nosas vidas están suspendidas polo tema do Covid-19, penso moi a miúdo nestes momentos. Xusto o día 21 foi o aniversario dunha conferencia que tivo lugar en Leipzig o ano pasado, onde – claro –pasaron cousas interesantes. Especialmente agora que os rebrotes do virus parecen espallarse tan rapidamente en todo o mundo e o futuro parece máis incerto que nunca, para min estes episodios saben a unha liberdade que até hai algúns meses os occidentais dabamos por feito e hoxe paréceme tan lonxe, como algo dun pasado ben remoto. E, sinceramente, bótoa ben en falta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: