Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos

Conversa sobre o galego: En Vigo coa profe Naír

Vigo é asfalto, chuvia e ferro / guindastres, paro e cheiro a mar. Vigo son folgas e tabernas, Vigo es ti. Oes ti, escoita ben amigo / Oes ti, vós tamén sodes Vigo.

KELTOI, Vigo

Arenzano (Italia), 23 de agosto de 2020

Ao persistiren os estereotipos do galego como idioma ‘que só falan as persoas maiores’ ou ‘que só se fala no rural’, quixen darlle voz a unha muller nova que, ademais de ser falante nativa de galego e vivir no centro máis poboado da Comunidade Autónoma, tamén ensina o seu idioma. O. A mediados de xuño, viaxei en tren da Coruña a Vigo para encontrar a Naír García Abelleira, profesora de lingua galega no IES de Teis. Moi amabelmente, veu ela collerme co seu coche a estación de Vigo Urzáiz e fomos conversar sobre a situación do idioma nunha cafetería da cidade olívica. Aquí vos vai a conversa.

Nome:

Eu son Naír, Naír García Abelleira.

Idade

Teño trinta anos.

Profesión

Son profesora de lingua galega, de secundaria e bachelerato.

Alma mater

Universidade de Santiago de Compostela, fixen Filoloxía Galega.

Por que decidiches ser profesora de galego?

Supoño que non é unha decisión totalmente consciente, polo menos no meu caso, é algo que sempre estivo aí, a min sempre me gustou dende pequena, pois, o que é a cultura galega e…. non o sei, un interese pola miña cultura e polo meu país en todos os ámbitos, non só na lingua. Como decidín facerme profe? Estudei galego tamén un pouco animada polos referentes en secundaria, cando cursaba os meus estudos como alumna e logo decidín estudar filoloxía galega e nunca me formulei a opción de ser profe ata que, pois, acabei dando clases nunha academia, así que un pouco por casualidade, e vin que me gustaba, que me gustaba moito o tema de dar clase, así que me animei a preparar as oposicións. E agora, pois, materializouse.

Quen son os teus estudantes? Estudan galego porque deben ou porque queren?

Porque deben, é un ensino obrigatorio co cal sempre é, posto que o galego como materia obrigatoria no ensino. Si que é certo que teño unha parte do alumnado que sono adultos, que son aqueles que non sacaron, pois, o título na súa adolescencia e que voltan agora a introducirse no ensino, como adultos, pero teñen a materia de galego como obrgatoria, non é porque eles a escollan. Así que é deber absoluto.

Como che parece a situación do galego, hoxe? Cal é a túa perspectiva, como profesora de galego que pertence á xeración dos millennials?

Vale, faime graza porque eu nunca me inclúo mentalmente na xeración dos millennials, pero recoñezo que si. Non importa, non imos debater. A miña única experiencia como profe é en Vigo, unha experiencia urbana, na cidade máis grande e máis poboada de Galiza, pois o galego, a situación do galego aquí é practicamente inexistente. Non teño alumnado galegofalante e incluso hai moitos alumnos e alumnas que aínda que teñen pais que si que llelo transmitiron todo por cuestións ideolóxicas, pois non o falan ó mellor nin cos propios pais ou o que si que acontece é que cando chegan ao instituto cambian de lingua co seu círculo social. Así que para min a situación máis optimista coa que eu me atopo son os alumnos e alumnas que teñen algún referente galegofalante no ámbito familiar e que conservan avós ou avoas que teñen a lingua como propia e polo tanto teñen un dominio máis alto do galego. Máis en xeral o que me atopo é cun panorama desolador e en moitos casos xa coa deficiencia no tema do dominio, nenos e nenas que non son quen de falalo con fluidez ou que moitas veces non o comprenden. Non comprenden expresións, estruturas sintácticas e gramaticais, é un pouco grave, non? Tamén é certo que unha vez que saes do núcleo que é Vigo, e visitas un pouco os arredores, iso comeza a mellorar, pero o panorama tal e como o vivo eu é así. E logo tamén é influenciado por xente que chega de fóra que, claro, non trae a lingua nin a tradición do estudo do galego, co cal con esta xente xa tes que partir de cero necesariamente, non? Entón, entre os que son galegos e non o falan e os que son de fóra tampouco, non fai falta que resuma doutro xeito cal é o panorama… Tamén é certo que eu non atopo entre o alumnado demasiada reticencias á hora de recibir o ensino en galego. Eu esperaba pois que a xente protestase por ter que estudar galego ou que se negase a facer actividades, en cambio pois si que é certo que o alumnado que aínda que na súa vida non manexa o galego como vehicular pero tamén é certo que non teñen demasiado prexuízo á hora de expresarse nela, nin teñen unha actitude negativa cara a el. Hai de todo, por suposto, pero falo en termos xerais. Nun sentido creo que pois é algo positivo, porque igual hai máis prexuízo en ambientes galegofalantes que aquí, non? Habería que seguir analizando…

Que opinas sobre o galego normativo?

Mira, eu creo que o debate sobre o galego normativo, ademais que existe un debate bastante profundo sobre o tema, moi vivo e eu creo que nunca deixará que estar aí… eu creo que debemos pensar que a nosa normativa é moi recente, ten moi pouca traxectoria, entón evidentemente hai cousas que se poderían mellorar, tampouco é certo que si que é certo que no pasado se debatía máis sobre isto agora mesmo se me dis ‘que prefires, bel ou ble?’, pois non é que sexa un debate moi vivo en min. Simplemente, eu acepto a normativa como a normativa oficial e con ela tiro para adiante, máis que nada porque coa situación lingüística que che acabo de describir tampouco podo permitirme o luxo agora mesmo de poñerme a pensar se sería mellor unha normativa máis próxima ao portugués ou non, non mo podo permitir agora. O que necesito é gañar falantes, xente en contacto co galego. Con que galego? Pois co galego normativo que é o que eles teñen un pouco de referencia como tal, vale? Despois, como lingüistas se temos que debater a nivel filolóxico eu nunca lle quitarei esta razón que pode ter unha normativa como a reintegracionista, seguimos argumentos puristas pois está claro que deberíamos tirar por aí, pero tamén é certo que a min a nivel estratéxico como estratexia de normalización e planificación lingüística, non me parece operativo implantar unha normativa máis estrita ou máis afastada do que é o galego vivo, o que sobrevive. Entón, esta é a miña opinión. Despois, está claro, o ideal sería un galego depurado de todos os castelanismos, tanto gramaticais como sintácticos, como léxicos, pero debemos pensar se hai contexto para facer isto, que eu creo que entón non é a situación, agora mesmo.

Todos os cidadáns da Galiza ten o dereito e o deber de coñecer o castelán, mais soamente o dereito de coñecer o galego. Cres que coñecer o galego na Galiza debería ser tamén un deber?

A ver, por suposto que si, tampouco quero mergullarme demasiado nisto porque non é algo sobre o que reflexionase. A nivel legal, quizais sería unha aberración o que estaría dicindo, non o sei, por suposto que si, para min o galego é a lingua propia de Galiza; é certo que coexiste co castelán, pero en tal caso se deberíamos ter o dereito e o deber de coñecer un idioma, debería ser o galego. E o castelán, por suposto que tamén, porque nas circunstancias en que estamos, non imos pechar os ollos ante a realidade bilingüe que vivimos, non? Pero por suposto, para o galego os mesmos dereitos. Xa digo: a nivel legal, non sei isto en que se traduciría… ou se isto fose unha aberración. Eu por suposto que si, estaría en favor. Claro.

O galego é bastante presente, na túa opinión, na escola e na universidade?

Non. O contrario. Non sei se nos referimos a nivel legal ou a nivel de usuarios, non sei exactamente. Eu no ensino secundario boto moito máis de menos o ensino do galego co decreto do plurilingüismo reduciuse ao 33% que nalgúns casos nin se queda nisto porque hai cursos nos que o alumnado só ten unha materia ou dúas en lingua galega, é dicir, algo que nun contexto castelanfalante como Vigo non nos podemos permitir en absoluto, porque o alumnado non o fala no contexto da familia, o estuda simplemente en dúas ou tres materias e tamén fala castelán co seu círculo social, isto é… pois digamos que é unha condena absoluta para o idioma, tampouco nos contextos galegofalantes, nos que o alumnado quere vivir en galego, ten o dereito de estudar en galego. Creo que no ámbito da universidade é aínda máis grande esta cuestión porque hai carreiras que podes cursar integralmente en castelán. Eu cursei filoloxía galega, co cal fun unha privilexiada e aínda así cursei materias en castelán, materias comúns como lingüística, pero hai xente que se decide estudar bioloxía, por poñer un caso totalmente imaxinario, pode cursala en castelán sen relación ningunha co galego e iso implica a nivel psicolóxico, para unha persoa que logo cando vai desenvolverse profesionalmente obviamente vai a asumir que a lingua do seu ámbito é o castelán. Co cal, non estamos facendo normalización para nada, con esta situación.

Non pensas que se podería facer máis para fomentar o uso do galego nos medios?

Si, abonda con dicir que carecíamos até poucos meses un diario impreso en galego (Nós)… un problema é que ademais eses medios non só, non é un ámbito máis, porque ademais é o ámbito onde se configura o estándar a un nivel simbólico. Ti cando falas do galego normativo, a xente asóciao co galego da TVG, da televisión. Claro, se o galego está retirado de este ámbito, a mensaxe que chega á poboación é que o galego é secundario, que o galego non está á orde do día, non? Como vexo eu o galego que hai nos medios, como podo analizalo, pois eu creo que temos unha televisión e unha radio galega, pois dunha certa calidade, por que non dicilo? Tamén é certo que hai problemiñas como por exemplo que ás veces sobre todo no oral non é tan desexábel a calidade que hai porque moitas das persoas que traballan na televisión ou na radio galega non teñen o galego como lingua habitual e iso a nivel fonético ten algunhas implicacións. Pero ben, sen meterme demasiado nesas fonduras, pois creo que polo menos conservamos un galego digno na televisión e na radio galega. Eu son un pouco crítica cos medios que temos habitualmente en galego, sobre todo en prensa escrita, porque non creo que a nivel normalizador nos estean facendo moito favor e isto quizais é unha opinión un pouco… que non sei se tampouco procede dicila pero é persoal e vouna dicir. Non me convence moito a liña pola que van os xornais escritos en galego, posto que eu a vexo moi política. Co cal, ao final, pois si, temos un xornal en galego de referencia pero se é politizado isto sempre vai axudar o prexuízo de ‘o galego é para nacionalistas’, que é un prexuízo totalmente en voga e actual e que non digo que se estea afirmando porque xa leva moitos anos pululando pero estamos axudándoo a que o faga. O xornalismo ten que cumprir determinados requirimentos: debe ser neutral, debe ser o máis obxectivo posíbel, non debe ser un voceiro de ningunha parte política, por moito que eu poida concordar con ela. No momento en que sempre representas unha ideoloxía determinada, non chegas á toda a poboación, vale? Entón, pois non sei se nos axuda, eu alégrome de que exista pero creo que debería existir algo máis próximo ao que era o Galicia Hoxe, que desapareceu, ou A Nosa Terra, con todo que, a ver – coidado – eu non era lectora habitual de xornais naquel momento, entón tampouco podo xulgar, pero non creo que se estea avanzando na liña óptima, polo menos.

Agás o BNG, os políticos na Galiza falan galego bastante mal. A Nosa Terra, xa no ano 1979, reportaba exemplos como os seguintes: “Un goberno firme pronha sociedade xusta” e “Se o aforro non emigra e emprégase ben na terra…” Cres que se poderían permitir mostrar tan pouco respecto para o catalán en Cataluña? É o respaldo da forza económica o política dunha metrópole o que lle falta ao galego?

Aquí entra en xogo o nivel de competencias das persoas políticas, se ti non es competente en galego non podes ofrecer unha lingua de calidade. Mira, eu creo que o que, desgraciadamente, o que estamos asistindo en Galiza desde fai moitos anos é que moitas veces teñen unha mellor competencia en galego políticos que non están interesados en defender a causa do galego, que o falan mellor da xente que si teñen a intención de protexer a lingua e ir en favor da cultura galega, non? Entón prodúcese alí unha contradición, que os líderes menos interesados a protexelo o falan fenomenalmente e os que o están intentando e logo van a levar a cabo políticas de proteción non o falan ben ou non o respetan. Neste momento actual, claro, temos un líder que non ten un galego para nada exemplar nin a nivel fonético, nin gramatical, nin a nivel de léxico: non é correcto o seu galego, pero leva moitos anos no poder. Co cal, eu supoño que se interesou en mellorar o seu inglés, non me cabe a menor dúbida, pois tamén debería interesarse en mellorar o seu galego: tivo anos suficientes para facer unha inversión no estudo da lingua pormenorizado, se quixese, así que o único argumento posíbel polo que non ten un galego de calidade é porque non lle interesa e ademais o demonstra coas súas actuacións políticas, coas leis e cos decretos que está sacando. Para min, obviamente é unha falta de respecto á comunidade que representa, que na súa maior parte é galegofalante aínda. Entón, por suposto que é unha falta de respecto, non? E ademais a min tamén me parece aberrante esta estratexia dos últimos anos de facer unha política totalmente bilingüe, non unha política pero unhas aparicións públicas en castelán ás veces inxustificadamente que me parece que da un pouco de medo, porque se esta é a liña que vai seguir a dereita neste país o perigo está claro e… xa non é tan raro ver a Feijoo nos medios falando en castelán e ultimamente co tema da pandemia, isto foi algo porque coa escusa de dirixirse á prensa estatal e non sei que… pois claro isto xa foi… dirixirse máis en castelán que en galego á xente, non? A min, paréceme horríbel, supoño que se deduce por que, pero ademais marca un antes e un despois. Un antes no que polo menos se mantiña un galego come lingua vehicular do goberno e no que pasamos xa, facémolo xa bilingüe e quen sabe o que nos agarda no futuro, non? Está claro que detrás das aparicións bilingüe do líder, do Presidente de Galiza, pode vir a documentación da administración e moitas cousas máis e podemos estar na liña de cargarnos a planificación lingüística que se fixo até agora, co cal xa non é simplemente que sexa unha falta de respecto, é que ademais é moi perigoso a nivel político por onde poden ir as cousas a partir de agora. Agardemos que estea moi equivocada e que todo isto sexa un alarmismo inxustificado, pero… falaremos dentro de cinco anos e veremos.

A Nosa Terra, no 1920, escribía: “Cervantes fala mal de nós, falan mal de nós Lope de Vega, Tirso, Moratín…” de onde orixina este prexuízo tan feroz contra @s galeg@s. Por que este estereotipo d@s galeg@s “palet@s”? Por que?

A ver, porque non o sei, porque coñezo a galegos e galegas, coñézome a min mesma e sei que non somos paletos. Punto número 1: “paleto” é algo que xa non describe ningunha realidade, describe unha man era de mirar. Describe que ti miras cun prexuízo que ademais é económico, imaxino, porque para min “paleto” é unha persoa atrasada, atrasada en que? No ámbito económico. Non o sei, é certo que Galiza sempre foi unha zona que se dedicou ao sector primario, supoño que tamén o feito de ser un país rural, que se asocia como “non progreso”, ou atraso, vale? De acordo, pero ese é un problema de quen mira, non de quen é, non? E logo tamén supoño que é unha maneira de non entender a personalidade dos galegos e das galegas… tampouco é algo do que podo falar con moito coñecemento de causa porque non son psicóloga, vale, simplemente falo un pouco desde o que eu vexo e eu vexo que a personalidade dos galegos e as galegas, sobre todo a personalidade do rural non é fácil de entender porque ás veces se pode interpretar como ignorancia o que non é ignorancia, simplemente é unha maneira de comunicarse, de establecer as relacións sociais, pois de responder as preguntas, o tema de que os galegos e as galegas respondemos con outra pregunta ou de que non se sabe se subimos ou baixamos, pois mira, a mellor non o sabes interpretar ti porque non coñeces a fondo o sentir das galegas e os galegos ou non acabas de entender por exemplo a retranca para min, a ironía, o humor galego é unha expresión de máxima intelixencia porque para ser irónico ou irónica necesitas o dobre sentido que é unha expresión de intelixencia, non é outra cousa. En cambio, pois si que é verdade que temos a fama de paletos e rudos pero ao mellor non é tanto así, se non que hai que ir á profundidade e dende logo, o que é absurdo é dicir que un pobo enteiro é paleto. Porque de trinta persoas pode haber unha persoa ignorante, dúas, tres, dez ou quince pero non podes asociar nin a un idioma nin a un pobo un cualificativo que é en absoluto unha ofensa. Se dicimos que os franceses son moi intelixentes pois haberá de todo: haberá que facer un estudo… eu creo que sempre está por debaixo o tema do prexuízo, non? Galiza nunca foi unha zona economicamente que despuntase, nunca estivemos na avangardia da industria ou de que se asocia co progreso e da bonanza económica; entón automaticamente relegouse no suposto do “son rudos, paletos e parvos” cando non é así. Simplemente somos diferentes do que alguén está vendo porque, ollo, se ti advirtes que toda Galiza é paleta, o que estás advertindo é que hai unha diferencia. Iso é así contigo, non creo que o cualificativo sexa correcto pero si estás vendo que hai una cultura, unha personalidade diferente, un imaxinario colectivo que é diferente ao teu: entón ollo, porque ás veces as cousas se poden dar a volta e dicir cousas que non querías… Hahaha.

Por unha banda, existe este estereotipo do galego como idioma falado soamente no rural. Pola outra, fálano os intelectuais, os profesores nos departamentos de filoloxía… é a clase media urbana a que máis ignora ou mesmo rexeita a lingua propia da Comunidade?

Si, eu creo que esa visión é correcta, o mellor supoño que ademais será apoiada en dados e, si, e creo que se debe un pouco ao do que falabamos antes. A clase media, pois digamos que é unha clase que obtivo un progreso económico ou que en moitos casos é ese o camiño que procura, non? Distanciarse das orixes máis humildes para ir escalando economicamente e socialmente. Entón, iso pode levar venceiado un cambio de lingua por querer distanciarse dunha clase baixa, por querer marcar distancia, porque “mira, foime ben, estou instalado nunha posición mellor da que estaba, entón a miña lingua tamén é outra”. Eu creo que o feito de que os intelectuais e os colectivos que antes mencionabas empreguen o galego é o que o salva, a nivel simbólico, non? Posto que a xente cando abandona a lingua xeracionalmente se pode ter algunha dúbida é porque escoita o galego nas noticias ás veces e porque ve que cando algún escritor sae na televisión para falar do seu libro, faino en galego ou porque hai unha industria da música e do libro que, aínda que pequena, existe, porque hai un interese no fondo pola lingua, se non, creo que estaríamos xa perdidos se poderiámonos… podo ir a durmir un pouco porque os números non nos acompañan aínda así, non? E tamén é certo que eu creo que ultimamente o que acontece é que, igual que se segue abandonando a lingua e se interrompe a transmisión xeracional, tamén creo que hai unha revitalización. Existe como unha dignificación do galego, posto que, pois ti vas á administración, vas buscar un papel de calquera tipo, é certo que maioritariamente estes formularios están en galego. Igual que despois o funcionario ou a funcionaria non te atende na túa lingua, pero o impreso que tes que cubrir está en galego e creo que isto ao final é fundamental porque a xente pois ve que o galego está presente nas institucións, co cal isto da un valor á lingua que non existía, digamos nos anos 50, nos que a administración traballaba en castelán ou que máis podería dicirche, pois… vas ao médico e os impresos do SERGAS están en galego. Claro, vimos dunha situación na que a xente cambia lingua para ir ao médico, como o médico é unha persoa dun ámbito social respectábel e alto, non? Prestixioso, pois automaticamente cambiamos ao castelán, pero que acontece cando a receita está en galego? Pois obviamente hai unha redignificación da lingua. Entón temos alí unha vía de esperanza; claro, todo isto se agora non se inverten politicamente as tornas e non comezamos co bilingüismo do que falabamos antes: isto sería perigoso porque se comezamos a deixar que na administración tamén comece a entrar o castelán, pois igual perdemos esta parte de esperanza que temos para redignificar o idioma. Veremos, veremos.

Castelao falaba de “crime de lesa cultura”. Ao ler un pouco sobre a historia social do galego, creo que cabe falar de cinco séculos, polo menos, de lesa cultura. Cres que a represión lingüística aínda hoxe segue forte na Galiza?

Obviamente vivimos épocas nas que a represión era, pois, moito máis evidente, ou diferente, polo menos. Xa, hoxe non vivimos unha situación na que podes sufrir unha agresión física por falar galego como si se deu en algunha época, na época dos meus pais a mellor non, ou si, é dicir, hai 50 ou 60 anos podías ir ao colexio e que che pegasen por falar galego. Vale, non estamos nos mesmos termos, non che van meter unha impresa por falar galego; o problema é que agora as consecuencias por falar galego son doutro tipo. Non son físicas, nin che cortan a túa liberdade, pero sempre hai unha consecuencia negativa digamos, vale? Por exemplo, que teñas que explicar todo o tempo porque falas galego, dar unha explicación. Se ti tes as ideas claras e o falas por convencemento pois ao final iso acaba por pasarche desapercibido e, entre comas, darche un pouco igual, non? Pero si que é certo que unha persoa que chega a Vigo, provéñente da Terra Chá e ten que todos os días explicarlle á xente porque fala galego e porque decide falar galego, ao final vai cambiar de lingua, probabelmente, non? Por ser igual que os demais e non verse xulgado ou xulgada, entón, que acontece? Xa digo, non vas ter consecuencias físicas por falar galego, ninguén che vai pegar, pero vas ter que explicarte e vaste ver… por exemplo, se foses un adolescente no recreo vaste ver sinalado e ao mellor é un motivo polo cal a xente se afaste de ti. Non son represións do mesmo tipo pero si que existe, claro, ou a min tamén me parece un pouco un acto represivo por parte da sociedade que ti no momento que en Vigo, na rúa Rosalía de Castro das unha palabra en galego, es asociado ideoloxicamente cun sector cando aínda que poida ser certo, non mereces que alguén te xulgue politicamente pola lingua que falas, non? E moito máis grave me parece se esa opción non te representa politicamente, porque imaxínate que ti es unha persoa para nada nacionalista, que decides empregar a lingua galega en Vigo e automaticamente che digan que es nacionalista, pois automaticamente cambiarás a lingua, se non queres verte asociado cun colectivo determinado. É unha represión diferente, pero está claro que é unha represión: é verte xulgada pola lingua que falas. A base é a mesma: hoxe probabelmente non te fusilen como acontecía nos tempos de Castelao pero vas ter outras consecuencias, isto está claro, ou non vas ser nomeada directora dunha empresa porque simplemente ao mellor vas ser ou non vas ser contratada nunha empresa porque se supón que, se ti falas galego, non tes as mesmas capacidades intelectuais dunha persoa que fala castelán e iso, se me permites, cóntoche unha pequena anécdota: no meu caso non foi algo que me impedise acceder a un posto de traballo pero podería acontecer. Eu fai uns anos traballaba como profesora de inglés e se tiña que traducir ou dirixirme ao meu alumnado nalgunha outra lingua, esta era o galego. Pois un neno un día nun determinado momento díxome (en castelán): ‘Qué raro que una profe que habla gallego sepa también el inglés’. Pois este neno está pensando que se a miña lingua inicial é o galego non estou preparada para aprender inglés e dar clases de inglés, non? Pensábao un neno de sete anos, pero igual que o pensa un neno de sete anos podía pensalo a miña xefa cando me contratou. Entón podería perder o meu posto de traballo porque se supón que, se falo galego, non podo aprender inglés.

Pódese salvar o galego no século XXI? Como se fai?

Mira, eu non sei se é unha intención de ser tremendamente optimista – pero non só no tema da lingua, o optimismo para min xa se converteu nunha opción vital, se non, creo que é moi difícil sobrevivir e sobre todo facelo con cordura, entón eu instalei en min o optimismo porque si, con convencemento na filosofía da felicidade porque, se non, paréceme que a vida é horríbel e tremenda, hahaha. Entón, no do galego tamén: eu estou instalada no optimismo. Despois non sei se é algo que se poida analizar en termos científicos, probabelmente veña alguén con datos e me diga “mira, a túa teoría do optimismo está agora totalmente desbancada”, pero eu creo que o galego non chegará a desaparecer. Aínda que efectivamente, nos imos quedar nos números de falantes moi baixiños, non creo que vaia desaparecer, porque… eu creo que hai unha base, ben sexa por concienciación, ben sexa por… non sei moi ben explicar por que pero paréceme que vai haber poboación que non abandone o idioma por motivos sólidos. Hai un alicerce, creo. Entón, con base niso, creo que non chegará a desaparecer de todo. Tamén, se se segue ensinándoo, e iso é algo que non cambia, se seguimos coa estrutura que temos, digamos normalizadora, creo que é imposíbel que en efectos prácticos chegue a desaparecer. Si que é certo que nos imos converter nunha comunidade totalmente bilingüe, iso é así, bilingüe, entendámonos, xa sei que somos unha comunidade bilingüe. Refírome a que haberá moita xente que terá o galego como segunda lingua, non como lingua inicial. Creo tamén que hai un perigo de hibridación, non? Que, obviamente, o galego perde esencia, perde… aínda que non me gusta nada utilizar esta palabra, perde pureza a nivel fonético, cada vez é máis habitual o cambio de código e o das interferencias, non imos pechar os ollos ante iso e… pois si, cada vez é máis habitual que non se distingan as sete vogais, imos perdendo tratos característicos, ou sexa enes velares etc. e moita xente que hoxe fala galego en Vigo… ben, moita non hai, pero a que hai pois non fai as sete vogais, non fai as enes velares e cousas así. Iremos perdendo pureza probabelmente, pero eu non creo que vaia chegar a desaparecer, non. Creo que hai unha base da que non poderemos… non sei como expresalo pero creo que se entende a idea, non? Supoño que máis porque estou instalada na teoría do optimismo que por razóns empíricas científicas. Deixo aí, négome a facer unha análises que me leve a pensar que desaparecerá nalgún momento ou que se chegue a ensinar como lingua estranxeira na totalidade de Galiza. Non o quero pensar, así que non quero velo. Xa está. Obviamente, tamén é o meu amor pola lingua, e o feito de que sexa a miña lingua inicial na que eu vivín, na que desenvolvín, desenvolvo e non podo chegar a pensar que desaparecerá completamente, porque entón tamén dalgunha maneira desaparecerei eu e a miña comunidade e, antes diso, hai moitas batallas que librar e moitas loitas que emprender. Entón non podo situarme nesta perspectiva porque entón estaría dándome por derrotada e négome a facelo. Agora, cos datos na mesa, eu son consciente de que se o galego non chega a morrer, polo menos que se vai quedar nun estado moito máis complicado do no que está agora mesmo, iso si e debemos recoñecelo.

Rematamos coas preguntas, se queres engadir algo…

Creo que xa dixen tantas cousas, non? En fin, non sei se… ao mellor non toquei algún punto ou non expliquei ben… se queres que incida en algo ou que volva a explicalo ou que amplíe calquera punto non teño inconveniente. Simplemente, creo que a entrevista toca un pouco toda as cuestións fundamentais non creo que haxa nada que se esqueza, está falado todo o que concirne a lingua e a situación sociolingüística, non? Está aí todo. O problema é que avanzan os anos e sempre son os mesmos debates e os mesmos puntos, a situación non cambia. O que cambia, en cambio, é que nos quedamos sen falantes. Algo estamos facendo mal e eu creo que a normalización lingüística e a planificación logo que é a súa correspondencia práctica non avanzan e deberíamos quizais formarmos e pensar en como reverter esta situación, non? Sempre estamos dándolle voltas ao por que: por que pasou? E como nos comportamos? E non temos despois nunca unha idea ou unha estratexia para seguir e facer isto diferente. Eu bótoo moito de menos. A min, é verdade que nunca se me deu especialmente ben o de pensar en planificación lingüística, agora son ensinante, pero claro é un centro no meu ámbito, posto que claro as persoas temos un ámbito de dedicación limitado, pero si que é certo que é moi complicado convencer a trinta rapaces que teñen que cambiar de lingua ou polo menos achegarlles ao galego cando despois non lles podes ofrecer un YouTube en galego, ou cando non todos os móbiles están en galego, cando as páxinas web que visitan non están en galego, claro é cada vez máis complicado e bótanse de menos actuacións neste campo. Tampouco creo que sexa tan difícil, creo que hai outros país que o están facendo mellor. Por exemplo Cataluña dedícase a pagar para que todas as páxinas web e os sistemas operativos e todas estas cousas estean dispoñíbeis en catalán, a Xunta de Galiza non o fai. Claro, eu tamén entendo que así é moi difícil se non che abren portas dende ese lado. En fin, agora por exemplo, eu traballo moito no ámbito escolar pois o tema de redes sociais e comunicacións que se fala en galego en lugar de en castelán, vale: como se comunican os nenos e nenas? Pois mediante vídeos de YouTube, poñamos, queren ser youtubeiros ou instagrameiros ou non sei que, vale, se non hai referentes, non temos referentes e estes referentes temos que construílos porque Galiza non é un país que naturalmente, polas súas circunstancias, vaia ter youtubers en galego, pois haberá que construílos. Teño que loar moito a iniciativa, esta que non sei se coñeces de youtoubeiros e youtubeiras, un premios que se convocaron de xente facendo vídeos en galego. Fai falta planificación e non só analizar as cousas que están moi analizadas, hai grandes estudos, hai moitos deles, que estiven vendo. Analizar está moi ben, pero hai que pasar á acción, antes de quedármonos sen nada sobre o que actuar. E nada máis, fundamentalmente, creo que xa falei bastante.

Ben, graciñas, eran moitísimas preguntas.

Están ben, non se fai cansado.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: