Somos víctimas del silencio de nuestros padres e responsables de la ignorancia de nuestros hijos.
DULCE CHACÓN, La voz dormida
A Coruña, 25 de marzo de 2020
Descubrín a existencia do libro do profesor Xosé Álvarez Castro, Pontevedra nos anos do medo (Vigo: Xerais, 2013) no tren, consultando co teléfono a páxina web das Edicións Xerais de Galicia, de volta da propia cidade de Pontevedra. Ao regresar á Coruña, pedino á librería que se atopa xusto ao lado do meu lar. Lin con gran interese a obra do historiador pontevedrés sobre a represión na provincia do suroeste da Galiza nos anos que seguiron o golpe militar. Apreciei en particular o enfoque que o autor adoptou no contar os feitos: trátase dun traballo científico, rigoroso, sen concesións a medias verdades, especulacións ou narrativas enfáticas que as veces se atopan nos ensaios históricos (mesmo algúns de gran calidade). Pontevedra nos anos do medo non nos entretén, infórmanos. Neste traballo, que desenvolve algúns temas tratados no blogue do autor, cóntanse feitos, baseados en documentos ou, ao non existiren estes, nos relatos dos testemuñas. Menciónanse os nomes e cóntanse as historias das mulleres e dos homes envoltos nos acontecementos, tanto das vítimas como dos verdugos. O autor interroga as fontes, busca a verdade e comparte o que atopa. Libre de propósitos propagandísticos e/ou ideolóxicos, Pontevedra nos anos do medo é un libro de lugares, momentos e persoas. Nunha frase, é un verdadeiro libro de historia. O profesor Xosé Álvarez Castro foi tan amable como para aceptar o meu convite a facer esta entrevista que, debido á actual situación de emerxencia sanitaria, tivo que realizarse por correo electrónico. Como verán, non quixen enfocarme demasiado nas cuestións máis xerais relativas ao golpe na zona pontevedresa, senón que preferín illar algúns puntos específicos do libro e deixar que o profesor me contase un pouco máis sobre eles. Agradézolle ás Edicións Xerais o permitirme contactar co autor.
- Bo día, profesor Álvarez Castro. Moito obrigado por aceptar o meu convite. Antes que nada, podería introducirse un pouco aos meus lectores?
Son mestre, licenciado en historia, na actualidade xubilado. Desde hai moitos anos investigo sobre o período da 2ª República e o franquismo centrándome principalmente nos aspectos relacionados coa violencia política exercida polos sublevados. Estas investigacións publícanse regularmente no blogue Pontevedra nos anos do medo, con máis de doce anos de existencia e en diversos libros de autoría individual ou colectiva así como en revistas e a través de charlas divulgativas. - Como naceu o proxecto do blogue Pontevedra nos anos do medo?
Partiu da evidencia do descoñecemento existente na poboación do realmente sucedido nesa época; pouco do que se coñece é información manipulada, terxiversada de distintos xeitos ou contaminada polo relato mítico. Considerei que o formato de blogue permitíame moita liberdade na elección dos contidos e na extensión e facilita a comunicación con lectores e lectoras retroalimentando o coñecemento coas achegas de moitos deles. - Na súa opinión, hai diferencias substanciais nos acontecementos dos anos do medo en Pontevedra e noutras zonas da Galiza?
En xeral non, aparte das lóxicas modulacións na intensidade da represión exercida, que foi máis intensa nas provincias de Pontevedra e A Coruña e tamén variable nas distintas localidades. Os mecanismos represores postos en práctica polos sublevados foron comúns, en esencia, tanto en axentes executores, tipoloxía das vítimas e métodos, en toda a zona na que triunfan os sublevados nos primeiros días… Isto non obsta á existencia de peculiaridades locais de pouca relevancia. - Enfocaríame un pouco na Garda Cívica e, en particular na súa composición. Mentres que é comprensible que a maioría dos membros fosen propietarios, comerciantes e profesionais liberais, moito menos obvio é o que podía empuxar a un obreiro a engadirse a esta entidade…
A presencia de obreiros na Guardia Cívica pontevedresa non foi moi significativa fronte á preponderancia de comerciantes, propietarios, funcionarios e semellantes. Entre as posibles motivacións que podería atopar un obreiro para integrarse estarían as motivacións ideolóxicas como podería ser o caso do famoso Mirón, ferreiro e veterano militante da dereita (Acción Popular), outros buscaban “lavar” o seu pasado en organizacións de esquerdas e sumarse ao carro dos vencedores, tentar favorecer a familiares perseguidos… - Unha figura que me pareceu moi interesante é don Manuel Ogando: poderíamos dicir que el representou un fluxo de luz na xeral escuridade dos anos do medo na zona pontevedresa?
Don Manuel Ogando, cura de santo André de Xeve, pode representar os cregos que adoptaron posturas humanitarias e de defensa dos seus veciños e así é lembrado por todos. Nunha parroquia como a súa, con moita militancia socialista e agraria a represión foi menos cruenta que noutras semellantes. Contrasta con outros cregos do contorno que, cos seus informes ou implicándose directamente nos grupos represores, contribuíron ao terror. - Un “personaxe” controvertido que xogou un papel importante para o bando dos sublevados na comarca de Pontevedra foi Victor Lis Quibén. Porén, vostede no libro menciona o feito que os seus colegas mostraron unha crecente reticencia cara as súas actividades. Podería dicirme algo máis sobre isto?
No rexeitamento dunha figura tan destacada como o xefe “cívico” coido que son determinantes dous factores: por unha banda a necesidade de deixar atrás a represión “quente”, dos primeiros meses logo de que se fixera o traballo sucio, e, por outra banda, a implicación de membros da Guardia Cívica – Lis entre eles – e falanxistas en prácticas corruptas, extorsións, arbitrariedades…que deron lugar á apertura de investigacións e sumarios polas autoridades militares. Unha colaboración miña no libro Os nomes do terror (Ed. Sermos, 2017) titulada “Morte, tortura e corrupción. Os ‘cívicos’ en Pontevedra” achéganos a estas prácticas pouco divulgadas ata o momento. - No seu libro, vostede confronta os dous frontes nos termos da ideoloxía. Interesaríame saber algo sobre o papel que desenvolveu a cuestión da identidade española vs. galega na zona pontevedresa. Como de importante era a identidade galega para os integrantes do bando republicano?
Na zona pontevedresa era importante a presencia do partido galeguista, con figuras tan destacadas como Alexandre Bóveda ou Castelao; tamén había personaxes que se decantaran pola escisión dereitista e que, en maior ou menor grao, colaboraron cos sublevados. Outras forzas políticas como o partido comunista ou partidos republicanos e socialistas tamén participaron con distinto empuxe na campaña a favor do estatuto. O papel de Bóveda á cabeza das forzas que no goberno civil defenden a República foi moi relevante; tanto el como outros galeguistas (Víctor Casas, Luis Poza…) foron executados e outros sufriron cárcere, depuración e outros castigos. - Querería destacar un episodio significativo mencionado no seu libro: os 150 nenas e nenos das colonias escolares que o goberno enviou de Madrid á Galiza. Esas/es nenas/os madrileños naceron de verdade en familias marxistas ou simplemente esa foi unha escusa instrumental á propaganda dos sublevados?
Os nenos e nenas que, debido ao programa escolar de colonias, estaban na zona foron utilizados intensamente pola propaganda franquista: comuñóns, bautismos, confirmacións, foron publicados polos medios de comunicación. A utilización da cualificación de “familias marxistas” non é máis que a consabida denominación do grupo a eliminar “comunistas”, “rojos”, “antipatria” co que os golpistas unificaban a todos aqueles que amosaran ideas republicanas por moi distintas que fosen. - Ata que punto o machismo influenciaba a ideoloxía e as actividades dos sublevados en Pontevedra? Pódese considerar a visión das mulleres do profesor Vallejo Nájera reflexo dunha actitude compartida polos activistas do Movemento?
A represión sobre as mulleres foi dobre: castigadas por ser mulleres xa que son vítimas dunha serie de retrocesos en dereitos e visibilidade social respecto á etapa anterior e castigadas pola súa actuación persoal: política, sindical ou, en gran parte, pola súa axuda a fuxidos ou vínculos familiares ou persoais cos perseguidos. As concepcións de Vallejo Nájera sobre a muller, á que consideraba cunha mentalidade primaria, infantil, moi influenciable, serviu en determinadas ocasións para que as penas aplicadas foran máis leves que no caso dos homes. Porén houbo castigos específicos sobre as mulleres como as violencias sexuais, o rapado do pelo, o gravado con tinta chinesa ou nitrato de prata das siglas UHP e outros que buscaban sinalalas, “marcalas”, diante da sociedade como o exemplo que non se debía seguir. - No seu libro menciona o uso das armas químicas e bacterianas (en particular, no que di respecto ao seu emprego en España polas tropas italianas). Nos anos que seguiron a publicación do libro, descubriuse algo máis sobre a utilización destas armas na zona pontevedresa?
Na zona pontevedresa, ao non existir fronte de guerra non houbo lugar ao seu emprego; o emprego de armas químicas ou bacteriolóxicas na guerra civil, no caso de existir, debeu ser anecdótica. Unha publicación recente sobre o tema atopámola aquí. - Un episodio que me interesa destacar é tamén a historia do Padre Olmedo e os paseados nas zonas republicanas: en que medida atopamos vítimas pontevedresas nestes eventos? Pódese dicir que o fronte republicano fixo un uso da violencia parecido ao que fixo o bando franquista?
O caso do padre Olmedo foi o máis coñecido pero houbo algún máis. Na zona republicana tamén se levou a cabo, sobre todo nos primeiros meses, violencia política e execucións extraxudiciais, sempre condenables. Hai diferencias entre a violencia nunha ou noutra zona pero a fundamental é que na zona republicana foi efectuada por milicias de partidos e sindicatos contra a vontade do goberno republicano e aproveitándose da desarticulación nas forzas da orde e xudiciais motivada polo golpe; na zona sublevada estaba organizada e controlada polas autoridades. - Que lecturas en particular suxeriría vostede a quen estea interesado en saber máis sobre Pontevedra nos anos do medo, ademais do seu blogue?
Aparte do xa clásico Inmolados gallegos de Luis Lamela e a biografía de Aurora Marco sobre Ramiro Paz, non existe bibliografía específica a maiores sobre o tema pero en publicacións como Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo de Ed. Galaxia, Un cesto de mazás de Montse Fajardo ou as publicacións existentes na web Do gris ao violeta (centrada na violencia sobre as mulleres) trátanse aspectos do sucedido. No campo da creación literaria, autores como Xosé Monteagudo en Todo canto fomos ou en obras de Víctor Freixanes ou de Luis Rei recréase a Pontevedra deses anos. - Moitas grazas outra vez por aceptar o meu convite, profesor. Foi vostede moi amable. Ao rematarmos a entrevista, déixolle o espazo para escribir calquera cousa que queira engadir sobre os anos do medo na provincia de Pontevedra.
Só recalcar a necesidade de divulgar de xeito documentado o sucedido naqueles anos porque, como escribiu Dulce Chacón: “Somos vítimas do silencio dos nosos pais e responsables da ignorancia dos nosos fillos.”