Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos

Tenrura e nada máis

I’ve told a million lies but now I tell a single truth: there’s you in everything I do.

IMAGINE DRAGONS, I bet my life

A Coruña, 7 de maio de 2020

Este é un día moi especial para min: pola primeira vez dende o comezo do confinamento, volto á estación de autobuses, aínda pechada, para sentarme na escaleira. Sábelo moi ben, do que estou a falar: ficaches atónita a descubrir a miña fascinación polos non lugares. Xa. Saco a libreta e o lapis da mochila. A Coruña e eu, por fin, outra vez. É a primeira vez que me afasto máis de 100 metros do meu lar dende o 12 de marzo. Sentado aquí, vexo o espazo verde da rúa Caballeros: é un momento moi agradábel, nunha linda mañá de sol. Agradezo moito poder saír á rúa en camisola, aínda que levando mascariña e luvas. Ergo os ollos ao ceo e pérdome, por un momento, no seu azul. E, inevitabelmente, a miña mente marcha cara a ti: a túa cara, os teus ollos, o teu pelo solto que voa libre no vento. E o teu sorriso que sempre me deixa sen alento. Até hai algúns anos nunca pensaría que houbese unha fonte tan poderosa de enerxía. Estaba equivocado: demostráchesmo ti, mil e mil veces, dende o día que te coñecín.

Bágoas: unha en cada ollo, pero unha soa. Ráchanme a cara, cálidas como as miñas lembranzas de ti, tenras como as caricias que non che podo dar. Nestes días, os sentimentos son refén das condicións, tal e como somos nós. Entón, encontro refuxio no meu interior: del, ninguén me pode afastar. Así, atópome cun xeito de cinguirte forte e terte preta de min. Volto a acariñar a alegría de terte na miña vida: centos, mesmo miles de quilómetros non poden sacarte do meu corazón. No seu recuncho máis profundo, máis íntimo, ti sempre estás. Sen nin sequera querelo, alí gravaches o teu nome moito tempo atrás. Onde eu vou, ti vas. Levamos connosco miles de flores: os estupendos froitos das sementes que plantaches dentro de min. Palabra tras palabra, xesto tras xesto, mirada tras mirada, sorriso tras sorriso, pintaches un mural de cores nas miñas veas, onde o sangue do meu corazón transporta o eco da túa voz. Sen nunca sabelo, sempre fuches un compás de luz que, brillando dende dentro do meu peito, guiou docemente o meu camiño. Aínda hoxe, indícame as direccións que tomar neste mundo, a miúdo complicado, ás veces controvertido, mais sempre, inevitabelmente, cheo de maxia e beleza.

Forte, forte, forte, sento latir o meu corazón. Respiro profundamente. Pecho os ollos esta vez, e mergúllome en ti. Os meus sentimentos xa deixaron de asustarme hai moito tempo. Con todo, dalgún xeito, ás veces aínda me sorprenden. Si, non é cousa do de cada día, sentir algo tan total, tan absoluto por outra persoa. Non é cousa común un sentimento que, a pesar de anos e anos de distancia, non para de medrar: máis forte hoxe que onte, mais moito menos que mañá. Gustaríame falar dun xeito máis abstracto, usar metáforas máis delicadas, falar de bolboretas, paxariños e do espírito da Nai Natureza: sería máis lixeiro, sería menos intenso, xa sei que che gustaría máis: sería máis “ti”. Porén, sería algo artificioso, demasiado cortical, para describir o que brota dentro de min. É na profundidade de carne e osos, na galaxia de conexións do sistema nervioso central que te vexo e te sinto: na encrucillada entre músculo e ánima, é alí que eu custodio o teu xeitiño de ser. É na profundidade máis visceral da miña existencia que palpita a fonte deste calor que me enche e conmove un pouquiño cada día. Entre o romántico e o místico, a miña esencia deixa o meu peito e voa cara a ti.

Extremo. Sempre me viches como unha persoa moi extrema. A verdade é que creo que tes razón, dalgún xeito: ou son eu que sento as emocións cunha intensidade extraordinaria, ou a maioría dos demais vive a súa vida en branco e negro. Non o sei, pouca diferencia, isto fai. Non é cousa túa, esta, non é cousa de moita xente: espanta, estresa, resulta agresivo, non o sei. Unha poesía demasiado esmagadora, quizais. Que raro, eu nunca o vivín así: soamente deixaba que falase a corazón. Xa, xa: os nosos amigos  comúns en Inglaterra estaban convencidos de que, secretamente, eramos unha parella. Non sei se tamén se metían contigo cos seus comentarios, pero para min era parte da vida cotiá (“pero o xeito en que ela te mira”, “o teu xeito de coidar dela…”). Porén non, non era algo para nós. Para min, todo iso vai moito máis alá. Cada etiqueta sería unha gaiola: somos soamente ti e eu, no mesmo latexo, na mesma pinguiña dun océano infinito, unha fermosa criatura que se desenvolve autonomamente. Constantemente.

Abro os meus ollos e volto a sorrir: penso no agasallo que me fixo a vida. Penso en toda a miña maneira de vivir, de actuar, de sentir. Cantas, das cousas que sei, mas ensinaches ti? Cantas me fixeches ver?  Penso nas miles e miles de veces que me dou conta de que algo que penso, que creo, que fago, na realidade mo inspiraches ti. Bágoas, outra vez. Ao pasar o tempo e ao complicarse a situación do planeta, faise cada vez máis forte en min a vontade de seguir coas miñas batallas (dialécticas e non), de non renunciar ao soño dun futuro mellor. Refórzase cada vez máis o impulso a opoñerme ás cousas que vexo e que non considero certas. Sobre todo a destrución do medio. Cada vez que penso en ti, aperto os puños e síntome cada vez máis motivado. Ao non ter fillos meus, fareino polos teus. Que aínda non tes pero agardo que un día si terás. Porque sempre o quixeches, pero máis aínda porque, ao seres ti a súa nai, sei que serán nenos felices e logo adultos xenerosos e responsábeis. As persoas que o mundo precisa. Sorrío á sorte, a sorte de terte na miña vida. E a tenrura, unha vez máis, éncheme.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: