A poesía urbana dos “non lugares”

A Coruña, 26 de febreiro de 2020

Eu nacín en Xénova, no noroeste de Italia, e medrei nunha pequena vila xusto ao lado da cidade. Os meus pais aínda viven alí, no mesmo piso. Probablemente, a xeración dos baby-boomers foi a derradeira (quizais a única?) que tivo a posibilidade de mercar un piso de maneira bastante sinxela (a miña irmá maior leva vinte anos vivindo nunha casa “de propiedade” da que aínda ten que pagar anos de hipoteca). Trátase dunha vila moi bonitiña, onde é moi lindo medrar: de feito, temos o mar, os montes, o verde, as collinas. Hai un marabilloso parque, bastante grande, con moita vexetación e unha variedade de animais. Con todo, mentres sen dúbida é un lugar estupendo onde vivir, en particular para nenos e xubilados, non hai moito que facer para a xente nova. Por conseguinte, a miúdo atopeime na estación de ferrocarril, esperando o tren que me levaría á cidade ou a outras vilas. As miñas lembranzas do período entre os 15 e os 25 anos están case todas relacionadas cunha estación de trens. Nos anos da universidade, tiña a miña persoal definición de liberdade. Dicía, entre o serio e a broma: “mentres poida pasear na beirarrúa da estación de Xénova P. Príncipe tomando unha cervexa nun vaso de plástico, serei un home libre.” E non sei cantas veces me atopei da devandita estación facendo exactamente isto. Máis tarde, tornaríame abstemio e tomaría máis conciencia dos efectos destrutivos do (abuso de) plástico sobre o medio ambiente, pero deixo estes asuntos para outra vez. 

As estacións non teñen a literatura que merecerían, na miña opinión. Na verdade, creo que son vítimas da súa estrutural natureza de lugares de pasaxe, pola que tendemos a convertelas en “non lugares”. Ou, polo menos, así parece percibilas a gran maioría da xente. Quizais sexa porque teño unha ánima bastante romántica/soñadora, paréceme que isto non lles fai xustiza. Si, claro, as estacións son lugares de pasaxe, onde diariamente traballadores esgotados dunha longa xornada laboral e estudantes que despois de remataren as clases diarias aínda teñen que estudar para os seus exames só esperan un tren que os leve de volta ao seu lar. Trens que, moi a miúdo nos países da Europa meridional (e tamén no Reino Unido de verdade, é dicir, lonxe das luces brillantes da megalópole londinense), chegan cun retraso considerable e/ou en condicións – digamos así – “non exactamente ideais”. Eu mesmo lembro perfectamente que pesadelo era tomar o tren para voltar da universidade a mediados da segunda metade da década do 2000. A pesar disto, ou en parte xustamente por isto, as estacións xogan un papel moito máis importantes do que cremos nas nosas vidas. Persoalmente, lembro con afecto unha variedade de momentos de espera nas estacións de Xénova P. Príncipe, Xénova Brignole, Savona, ou Varazze (con ou sen cervexa, xa que non sempre tomaba unha). Cada unha delas está asociada en particular a un aspecto ou un período específico da miña vida: Varazze – a tenda de discos do meu amigo Luca; Savona – a escola secundaria, os meus compañeiros de clase, a tenda de discos do meu amigo Mirko; Xénova P. Principe – a facultade, os paseos polo centro histórico e o porto antigo, a tenda de discos de Corrado; Xénova Brignole – o estadio “Luigi Ferraris” (fun seareiro do Xénova durante unha temporada non moi longa pero bastante intensa) e os paseos pola parte máis moderna e comercial da cidade.

Todas as experiencias máis importantes e, por conseguinte, as emocións máis intensas deste longo período da miña vida, están relacionadas a unha estación, (nos anos seguintes, a miúdo pasaría o mesmo con outras estacións: Milán Centrale, Pavia, Verona Porta Nuova, Vicenza, Lancaster, Manchester Piccadilly, Manchester Airport, Londres Euston, a mesma Coruña, e – de maneira máis fragmentaria – outras diseminadas polo vello continente). Os primeiros namoramentos, cos primeiros bicos, os primeiros latexos, as primeiras ilusións e decepcións. Os primeiros proxectos “editoriais” independentes e auto-xestionados (é dicir, as fanzines punk sobre temas de música, política e sociedade). As primeiras amizades de verdade, as que seguen fortes aínda que pasaran máis de vinte anos e nos separen moitos km. (e ás veces son realmente miles; por exemplo, un dos meus amigos máis queridos, Giorgio, hoxe vive en San Francisco). As primeiras parvadas dun rapaz con máis corazón que cerebro e – claro, como non? – as primeiras cervexas, os primeiros cigarros (deixaría de fumar soamente en 2012, mellor tarde que nunca, supoño), inclusive algúns porros. O exame final da escola, que marcou a fin do que, ao pasaren os anos, chegara a ser un verdadeiro pesadelo. Os primeiros días de estudante universitario, os primeiros exames (lembro que, despois do primeiro exame oral – literatura italiana contemporánea – tomei unha cervexa na estación para celebrar a nota alta – a pesar de que non eran nin sequera as 10 da mañá – non sei exactamente a data, pero era febreiro do 2005 – quince anos atrás).

As estacións normalmente non son teatros de eventos, mais a miúdo si son parte do día no que o evento acontece. Polo tanto, creo que as estacións merecerían os seus cantores, os seus poetas e os seus narradores. Canta xente pasa pola estación dunha cidade (o mesmo dunha vila) nun día medio? De canta vida, de cantos acontecementos, de canta historia son testemuñas estas vias, estas beirarrúas, estas pantallas que indican os horarios? De canta alegría, de canta dor? Si, claro, trátase de lugares de pasaxe, mais talvez é propio por isto que teñen algo máxico e importante. Cada vez que alguén fai algo tan sinxelo como tomar un tren (vaia onde for), da unha precisa dirección á súa xornada, ao curso dos eventos, á súa historia, á súa vida. Non hai poesía nisto? Para min, negalo sería como dicir que hai momentos insignificantes na vida dunha persoa. Eu creo que non é así: cada minuto conta, cada día conta. A vida é demasiado breve para ignorar o valor do tempo, como dixen nun post que publiquei algúns días atrás. Por conseguinte, hai que recoñecer o papel dos que ás veces etiquetamos como “non lugares”. Son puntos de pasaxe? Si. E, xustamente por isto, por eles pasan infinitos fluxos de vida.    

8 pensamentos sobre “A poesía urbana dos “non lugares”

  1. Olá, será que poderias me dizer que língua é essa? Parece-me uma mistura de português, espanhol e italiano, lembra-me o galego-português, mas gostaria de saber o nome deste idioma. Desde já agradeço a amabilidade em responder-me, abraços!

    Liked by 1 person

      1. Sim, sério: é galego. Eu não sou nativo, mas moro na Corunha, no noroeste da Galiza. Minha língua nativa é o italiano. Se você quiser informações sobre o galego, existem muitos textos publicados por editores como Galaxia, Xerais ou Laiovento. Por exemplo, textos de professores como J.R. Freixeiro Mato, Henrique Monteagudo, Ramón Mariño Paz, Xosé Manuel Sánchez Rei, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, etc. Também podes me perguntar a mim cando quiser.

        Você é português? Parece-me que você está escrevendo em português europeu, né?

        Liked by 1 person

      2. Parece-me bem. Se você estiver interessado no idioma galego, escreva-me um endereço de e-mail para que eu possa te enviar alguns artigos.

        Ah, você è brasileiro/a? Melhor ainda. A maioria das pessoas com quem pratico o idioma é do Brasil. 🙂

        Gústame

Deixa unha resposta a Idiomas e Afins Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: