O latexo dun mundo subterráneo

Believe – we are right

Believe – we are strong

Believe – in yourself

Believe – hardcore

AGNOSTIC FRONT, Believe

A Coruña, 06 de marzo de 2020

Estou a tomar un café con leite de soia, sentado nun bar da rúa San Andrés, cando ouzo notas moi familiares: é Isreaelites de Desmond Dekker & The Aces, un clásico do reggae, que para min representa moito – non a canción en si, senón a súa relación cun capítulo moi importante da miña historia persoal, que axiña che vou contar. Era a primavera do 1999, ía un clima xenial na Liguria, cun gran sol cada día e un mar de cores que estaba a explotar arredor de min. Sen embargo, para min era un período bastante triste porque acababa de abandonar o instituto, ao darme conta de que non era a escola certa para min. Comezaría outra vez desde cero noutra escola en outono (spoiler: esa foi apenas marxinalmente mellor, aínda que conseguín obter o título, malia cunha nota moi baixa: a miña historia como estudante de secundaria é un conto de fracasos seriais). A aquela altura, tiña 15 anos e unha gran paixón pola música que facía un gran barullo, en particular, gustábame moito o hardcore punk. De feito, os vellos discos de bandas estadounidenses (Agnostic Front, Sick of It All, Youth of Today, Cro-Mags, etc.) e italianas (Indigesti, Negazione, Raw Power, Sottopressione, Kafka, etc.) a miúdo acompañaban os meus días. Nun estanco da miña vila, merquei por 10.000 liras (seis euros e pico) unha revista de música alternativa + compilación de cancións punk inéditas. Unha destas era, xustamente, a versión punk/ska de Israelites que fixo a banda estadounidense Millencolin.


Recibín neses días a chamada do meu ex-compañeiro de escola Giorgio. Levábamos algúns meses sen vérmonos, máis tíñamos unha paixón común pola música non mainstream. Quedamos para ir á tenda de discos do meu amigo Luca, na preta vila de Varazze, que coñecemos algúns meses atrás, cando merquei o álbum Against de Sepultura. Esa chamada representou un dobre comezo. Por un lado, foi o principio dunha profunda, sincera amizade, unha das máis importantes da miña vida, que aínda hoxe segue forte, aínda que el foi vivir en California algúns anos atrás. Por outra banda, unha viaxe de exploración na galaxia da música punk e metal underground. É xustamente desta experiencia que lle vou contar hoxe (vou limitar a miña atención ao lado musical, máis na verdade tamén esta experiencia incluíu o descubrimento dunha serie de valores políticos, ideolóxicos e sociais que me acompañan aínda hoxe, aínda que no tempo se matizaron conforme ó que aprendín a través das miñas experiencias persoais).


No outono do 1999, establecemos o noso webzine, que decidimos chamar C.C.R (Clash City Rockers), en honor á canción de The Clash. Os seus contidos incluían biografías das bandas, entrevistas, críticas de discos, algunha esporádica opinión (lembro un texto contra a homofobía) e un espazo para quen quixese deixarnos unha mensaxe. Internet acababa de espallarse, a aquela altura, e a maioría dos fanzines aínda saía en papel. Comecei neste período a enviar cartas á bandas de todo o mundo e a descubrir unha realidade alternativa á vida de vila, que tan pouco me interesaba. Comecei a decatarme da existencia de auto-producións, distribucións independentes, vinilos de 7” que, normalmente, xiraban a 33rpm aínda que tiñan o tamaño clásico dos de 45rpm. A experiencia foi incrible. Dedicaba case todo o meu tempo libre a escoitar, coñecer e promover esta música, estudando de forma detallada os catálogos das distribucións de discos, para gastar ben os cartos que recibía cada semana da miña avoa Alice, que normalmente se convertían en discos e fanzines (coa excepción dalgúns ensaios políticos). A correspondencia coas bandas foi seguramente o lado mellor desta experiencia, o que máis valoro e levo no meu corazón.


Houbo moitos, moitos episodios xeniais que nunca vou esquecer. O máis peculiar, o que quero destacar, pasou nas vacacións de Semana Santa do 2000. Lembro moi ben ese día soleado de abril no que recibín o paquete do batera da banda sudafricana Groinchurn, que me enviou, xunto a outro material interesante, un CD de 3”, titulado Already dead – nunca vira este formato e creo que nunca o verei outra vez. Impresionoume a humildade dos músicos dunha banda que, aínda que xa tiñan publicados algúns álbums para algunhas gravadoras importantes do underground metal, encontraron o tempo para preparar un paquete con tanto coidado para un modestísimo webzine de dos adolescentes doutro continente. Isto pasaríame outras veces con outras bandas, pero este episodio foi o máis peculiar, ben porque inesperado, ben pola natureza do material que me enviaron.


Alén de C.C.R., traballei noutros proxectos sobre a música independente. No verán do 2001, publiquei o primeiro número dunha fanzine en papel, titulada Encrusted Blood, que contiña entrevistas a cinco bandas, cada unha dun país distinto (Depression – Alemaña, Magnetron – Holanda, Haemorrhage – España, Kontatto – Italia, Grossmember – Polonia), varias críticas de discos e casete demo, un par de artigos de opinións e unha biografía da histórica banda de crust/punk Discharge, coa que me atopei na internet e intentei traducir do inglés ao italiano o mellor que puiden. Publicaría outro número o ano seguinte, que contiña, entre outra cousas, unha serie de tres entrevistas a bandas hardcore punk locais (Kafka, Never Was, Downright) que titulei globalmente Genova per noi (“Xénova para nós”), como a coñecida canción de Paolo Conte, mais o primeiro número é o ao que teño máis cariño. Dende 2004 a 2006, nos primeiros anos da universidade, tiña unha webzine sobre o death metal co meu amigo Mirko (Deathbringer), que tiña un negocio de discos metal en Savona. En 2014 escribín un artigo sobre o hardcore punk finlandés dos primeiros anos 80 para a webzine dalgúns amigos meus (In Your Eyes). Por fin, en 2015, voltei a publicar un número dunha fanzine en papel (Stigma), a miña primeira publicación en inglés, que contiña entrevistas a oito bandas (Cripple Bastards, Skitsystem, Psychotic Despair, Instinct of Survival, Death Toll 80k, Wolfbrigade, Six Brew Bantha, e Simbiose), moitas críticas de discos e unha breve reportaxe dun concerto de Cripple Bastards en Xénova. Diría, que esta foi a miña mellor publicación: a idade e a experiencia axudáronme moito. Con todo, este foi o canto do cisne das miñas publicacións que pertencen a este mundo, polo menos ata agora.


Aínda que, na actualidade, esa época paréceme bastante lonxe, sempre vou levar este mundo no meu peito e, sempre que puider, farei o que poida para axudarlles aos rapaces e rapazas que si seguen traballando moito no seu tempo libre, con entusiasmo e ilusión, para que o mundo das auto-producións e da cultura independente siga vivo. Para que o latexo deste mundo sinxelo e sincero que a meirande parte da xente ignora e, a miúdo, deprecia sen darlle unha posibilidade, xulgándoa con superficialidade dende o exterior (sei do que falo). Na verdade, aos concertos cheos destes mozos e mozas que visten dun xeito raro (“raro” para a maioría da xente, non para min), levan tatuaxes, piercings e pelo de cores particulares, teñen opinións políticas moi fortes e escoitan música barulleira, nunca encontrei un gramo da violencia e do machismo idiota que vin moitas veces nos pubs e nas discotecas e moitos partidos de fútbol (fique claro que non me refiro aos ultras, porque medrei na Gradinata Nord – “Bancada Norte” – de Xénova e sei que a sociedade ten unha visión incorrecta sobre este mundo, proporcionada polos medios de comunicación a miúdo en mala fe). Eu sempre apoiarei este xénero de tipo de actividade culturais e de contra-información, que precisan da paixón sincera e do esforzo constante de moitas persoas, para que siga vivo o latexo deste corazón, o corazón vibrante do mundo da independencia intelectual e cultural.

Bágoas de cinsa en Compostela

…Coup d’état

Military force

Hundreds dead

Why did they disappear?

SEPULTURA, Dictatorshit

A Coruña, 04 de marzo de 2020

Por fin, nun día gris de chuvia e néboa, visitei o Museo do Pobo Galego. Atópase no casco antigo de Santiago de Compostela, xusto a cinco minutos da Catedral. Trátase dun sitio cultural moi ben estruturado que creo que podería resultar de grande interese a quenquera que teña unha paixón pola historia (da Galiza e, máis en xeral, da humanidade). Aproveitei da ocasión para dar unha volta pola capital da Comunidade Autónoma e, ao mesmo tempo, cambiar o meu entorno de traballo (pola tarde, tiven que encerrarme nun bar porque estou no comité de organización dunha conferencia e xusto o día antes recibín dezanove propostas para avaliar). Foi moi interesante informarme sobre a historia da sociedade galega, a súa organización territorial, administrativa e familiar, os seus usos e os seus costumes ao largo dos séculos pasados. Como xa me pasou ao visitar o Museo Provincial de Pontevedra case dous meses atrás, a visita deume a oportunidade para reflexionar un pouco, non soamente sobre a historia e a cultura da miña terra de elección, senón tamén sobre a miña cultura de orixe e a facer comparacións entre as tradición e as características da Galiza e as da Liguria (a miña rexión italiana, da que Xénova é a capital). Máis importante aínda, enfrontarme coa cultura e a identidade doutros axúdame sempre a entender algo máis sobre min mesmo.


Aquí quero falar un pouco do que me transmitiu a sección do museo “As pequenas cousas”, dedicadas as memorias da guerra civil e da ditadura franquista. Nun sintagma, poderíamos dicir, o “sangue dos vencidos”, citando o título dun libro do historiador italiano Giampaolo Pansa, que foi o obxecto dunha intensa polémica (boa parte da esquerda italiana chamouno “revisionista” o mesmo “fascista”). Nesta sección atópanse correspondencia dos galegos condenados ao exilio e tamén obxectos, posesións de persoas que foron perseguidas polo réxime de terror que se instaurou ao fin da guerra. Pódense atopar cartas dirixidas á familia, pequenos obxectos persoais, inclusive paquetes de cigarros, documentos, moitas fotos. É interesante ver como, aínda que a miúdo estas persoas tivesen pouco diñeiro, nas fotos sempre aparecían cun traxe ou vestido moi elegante. Claro, nestes tempos facer unha fotografía era un evento moi especial. Unha parella semellaba incribelmente aos meus bisavós Bernardo e Giuditta (da parte do meu pai, que recibiu o nome do seu avó, mentres que a súa irmá – a miña tía – recibiu o nome da súa avoa).


Entre as moitas cousas que puiden observar nesta importante sección do museo, dúas deixaron unha marca bastante seria en min, das que dificilmente poderei esquecer. Primeiro, un documento que oficializa o cambio institucional do nome dunha nena, que os seus pais chamaran Libertad (en castelán, nin sequera en galego). Claro, un nome “sospeito”, mesmo “subversivo”: de ningún xeito aceptábel para un réxime ditatorial. Polo tanto, a pobre crianza, que se chamaría Libertad Vaquero González vería o seu nome mudado en Máxima. O mecanismo paréceme moi sinxelo: quítase a identidade dunha persoa, mesmo dunha familia a través dun mero acto burocrático. Négase o dereito dos pais a escolleren o nome para a súa filla, por razóns ideolóxicas (de feito, máis que ideolóxicas diría de oportunismo institucional, mais deixo este asunto para outra vez). Négase a unha persoa o dereito a existir cunha determinada identidade. “What’s in a name?”, preguntaba Romeo. Ben, moito. No caso dun nome de persoa, máis aínda. Gran parte da súa identidade. Teñen dúbidas? Parécelles esaxerado? Entón, xa que unha imaxe as veces vale máis de mil palabras, invítolles a botarlle unha ollada ao documento, onde poderán ver as raias trazadas sobre o nome de “Libertad”. Un emblema, o emblema dunha liberdade dobremente negada: o nome da liberdade e a liberdade de escoller un nome. A liberdade dunha nena de vivir a propia existencia levando ese nome, a liberdade dos pais a chamaren a nena co nome que escolleran. Non vou profundar en reflexións metalingüísticas, mais quero destacar a importancia de que haxa un documento escrito para levar a cabo este acto de prevaricación institucional. Sábese moi ben: verba volant, scripta manet. Ou sexa, a proba escrita do que é o Estado, o réxime a ter a derradeira palabra en definir quen ti es. Ao cabo, a túa identidade pertence a el, non a ti. George Orwell aprendera moito da súa experiencia catalá, evidentemente (se nunca leron 1984, ademais de Homage to Catalunya, anímolles a que o fagan).


Un impacto aínda máis forte sobre min tivo un filmado, que recolle breves entrevistas con parentes de vítimas galegas do réxime. Strictu sensu, ningunha nova: quenquera vira algún documental sobre a Alemaña nazi ou a Unión Soviética e outras ditaduras xa ouvira contos parecidos. Sen embargo, isto non o fai máis fácil. Sinxelamente, aceptarmos que pasaron (e aínda pasan, noutras latitudes e lonxitudes) determinadas cousas nunca é doado. Vou mencionar un testemuño soamente, que considero representativo do que acabo de dicir. Un señor de idade tiña una folla cos nomes de todas as persoas que foran asasinadas na súa aldea ao rematar da guerra civil. El cóntanos que soamente o cura fora asasinado durante a guerra e os verdugos franquistas sabían o nome da persoa que o asasinara. Sen embargo, quixeron executar a un gran número doutras persoas que vivían alí. “Porque tiveron todos que morrer?”, preguntábase o señor cos ollos cheos de bágoas. Eu creo que a razón é moito máis sinxela do que nos gustaría pensar: porque a guerra é así , o odio é así, o loita polo poder é así. E, despois da guerra, a violencia brutal dos que gañan, sexan quen foran, maniféstase da forma máis brutal.


Creo que non é cuestión de ideoloxía, aínda hoxe vese pasar isto en todo o mundo. Non hai xustiza na guerra, non hai ética: hai que acabar coa guerra e xa está, non hai outra alternativa. Aprendemos algo do pasado? Como especie humana, aínda creo que non. Podemos aprendelo no porvir? Non sei, quizais a presente ameaza universal do virus Covid-19 nos axudará a abrir os ollos e ver que o que nos une (ao cabo, a nosa vulnerabilidade humana) é moito máis básico e fundamental ca o que nos divide? Sería posíbel, mais temos que deixar atrás as dúbidas: cada un de nós pode facer algo, no seu día a día, para mellorar o seu entorno. Ninguén vai cambiar o mundo só, isto xa o sei. Mais non é unha razón aceptábel para non facermos nada. Cada día temos pequenas ocasións para achegármonos espiritual e moralmente ás outras persoas. Cada pequena acción ten un valor. Cada vez que, nas situacións diarias, escollemos a solidariedade en lugar da indiferenza ou mesmo a amabilidade en lugar da inercia, estamos a dar un pequeno paso adiante.

Nin santas, nin meigas, nin fadas

O sistema me apunta maconheira, heresia,

feminista vagabunda, negra de periferia

SISTAH CHILLI, Babilônia vai cair

A Coruña, 2 de marzo de 2020

Achégase o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. Esta data é moi importante para min, probablemente porque as figuras clave na historia do meu desenvolvemento persoal foron mulleres (agás o meu pai, que tamén é unha persoa xenial, mais dun xeito diferente). Tiven sorte. Ter como exemplo persoas como a miña nai, as miñas tías e dúas irmás (as persoas que máis quero no mundo) permitiume realmente aprender case todo o que sei – ou creo que sei – sobre a vida. Non estou a falar tanto de nocións, senón da actitude cara o mundo (aínda que elas, sobre todo a miña nai, tamén me ensinaron a facer moitas cousas). Malia medrar, como todo o mundo, nunha sociedade estruturalmente machista, aprendín bastante pronto a recoñecer a vacuidade dos estereotipos de xénero perpetuados pola tradición e os medios de comunicación. Dende que era neno, aprendín a moverme polo mundo guiado por un compás esencialmente feminino e creo que iso axudoume moito a aprender valores como a resiliencia (esta foi un factor fundamental nos anos nos que sufrín unha seria depresión), a positividade, a abertura mental. Sobre todo, decateime moi pronto dunha verdade que a nosa tradición cultural sempre intentou falsificar: características como a forza, a decisión e o valor, que sempre nos mostraron como índices de virilidade, son valores máis intrinsecamente femininos que masculinos. Ou, polo menos, isto é o que observei na miña experiencia. Polo tanto, sempre sentín un gran respecto para as mulleres.

Con todo, a miña nai detesta este día, e ela ten a súa parte de razón. Hai moito paternalismo institucional neste tipo de celebracións: é verdade que pouco sirve termos un día da muller cando na vida diaria a paridade de xénero está moi lonxe de ser realidade. A pouco serven, máis xeralmente, as palabras. Facta, non verba. Lembrarmos as mulleres que morreron naquel “accidente laboral” (eufemismo para asasinato de clase, mais profundar nisto nos levaría fóra do asunto deste artigo) é sen dúbida un acto moi importante, así como cómpre lembrarmos todas as mulleres que foron vítimas do machismo sistemático da nosa sociedade; porén, durante décadas todo isto soamente foi unha fazada. Hai que cambiar as cousas ou, como dixo máis de vinte años atrás un slogan nun disco dunha banda hardcore punk italiana (non lembro si foran os Sottopressione de Milán ou os Kafka de Xénova), “a conciencia, ao non xerar acción, é peor que a ignorancia”. Non precisamos dunha pasarela institucional, senón de cambios estruturais no xeito de pensar o mundo e a sociedade. Precísase cambiar as mensaxes que as crianzas reciben desde pequenos. A narrativa das películas de John Wayne, temos que deixármola atrás. Paréceme que a situación está mellorando un pouco, pero dunha maneira extremadamente lenta.

De feito, a nosa tradición cultural, que – no ben como no mal – modelouse en gran parte polo aporte do catolicismo, deunos unha perspectiva bastante polarizada sobre a figura da muller. Por unha banda, temos a virxe María, totalmente pendente do seu froito masculino, e outras personaxes femininas totalmente sometida – quer a unha autoridade divina paterna (por que Deus non podería ser muller, por exemplo?), quer aos homes do seu entorno. Por outra parte, hai figuras que non respectan este guión, que se describen como prostitutas ou persoas da ánima corrupta (nunha entrevista para o canal de YouTube Panelaço, o rapper brasileiro Eduardo Taddeo sostén que a palabra prostituta deberíase substituír con prostituída, movendo a responsabilidade do individuo á sociedade, quitándolle calquera connotado que poida vehicular unha idea de voluntariedade – deixo aquí a ligazón ao vídeo). Non fai falta recordármoslles aos galegos (ou, máis en xeral, aos españois e aos europeos) a figura lendaria da meiga, tanto utilizada pola Igrexa na Idade Media, que fixo un número incrible de vítimas totalmente inocentes, a miúdo recorrendo á tortura.

Outra figura feminina que fai parte do imaxinario cultural da nosa sociedade é a fada: unha criatura fantástica benigna, de natureza etérea, que aparece para axudar por arte de maxia aos protagonistas (sexan este femininos ou masculinos) dun conto a superaren os seus obstáculos. Estas personaxes xogan un papel positivo na historia, pero aínda así a mensaxe que se transmite describe unha figura feminina ao servizo dos outros, dos que está pendente para ter un sentido no mundo. Moi recentes son as personaxes femininas que gozan dunha vida propia, independente. E esta aserción feminina na actualidade non é aceptada por unha porcentaxe moi ampla da sociedade, en particular unha parte considerable (maioritaria?) dos homes. Eu sempre estiven convencido de que o machismo non se arraiga na crenza que as mulleres son inferiores ao homes, senón na incapacidade de aceptar que isto non é verdade. O que move o pensamento e as accións do machismo é o terror de confrontarse dun xeito aberto e saudable coas mulleres. O machista é un pusilánime, nada máis, nada menos: as verdades asústano. E un machismo de sistema convértenos nunha sociedade covarde. É tempo de deixármonos atrás esta herdade maldita de violencia e construírmos un modelo de sociedade baseado na harmonía entre todas as persoas (e, máis xeral, as formas de vida). O modelo pos-capitalista ultracompetitivo de economía (e, por conseguinte, de política e sociedade), é un fracaso porque xera distincións artificiosas, amargando as nosas existencias e levándonos aos enfrontamentos. Esta situación está seriamente ameazando a supervivencia da humanidade como especie. É tempo de mirármonos nos ollos, sorrirmos e dedicármonos ao que podemos facer para axudármonos mutuamente.

A poesía urbana dos “non lugares”

A Coruña, 26 de febreiro de 2020

Eu nacín en Xénova, no noroeste de Italia, e medrei nunha pequena vila xusto ao lado da cidade. Os meus pais aínda viven alí, no mesmo piso. Probablemente, a xeración dos baby-boomers foi a derradeira (quizais a única?) que tivo a posibilidade de mercar un piso de maneira bastante sinxela (a miña irmá maior leva vinte anos vivindo nunha casa “de propiedade” da que aínda ten que pagar anos de hipoteca). Trátase dunha vila moi bonitiña, onde é moi lindo medrar: de feito, temos o mar, os montes, o verde, as collinas. Hai un marabilloso parque, bastante grande, con moita vexetación e unha variedade de animais. Con todo, mentres sen dúbida é un lugar estupendo onde vivir, en particular para nenos e xubilados, non hai moito que facer para a xente nova. Por conseguinte, a miúdo atopeime na estación de ferrocarril, esperando o tren que me levaría á cidade ou a outras vilas. As miñas lembranzas do período entre os 15 e os 25 anos están case todas relacionadas cunha estación de trens. Nos anos da universidade, tiña a miña persoal definición de liberdade. Dicía, entre o serio e a broma: “mentres poida pasear na beirarrúa da estación de Xénova P. Príncipe tomando unha cervexa nun vaso de plástico, serei un home libre.” E non sei cantas veces me atopei da devandita estación facendo exactamente isto. Máis tarde, tornaríame abstemio e tomaría máis conciencia dos efectos destrutivos do (abuso de) plástico sobre o medio ambiente, pero deixo estes asuntos para outra vez. 

As estacións non teñen a literatura que merecerían, na miña opinión. Na verdade, creo que son vítimas da súa estrutural natureza de lugares de pasaxe, pola que tendemos a convertelas en “non lugares”. Ou, polo menos, así parece percibilas a gran maioría da xente. Quizais sexa porque teño unha ánima bastante romántica/soñadora, paréceme que isto non lles fai xustiza. Si, claro, as estacións son lugares de pasaxe, onde diariamente traballadores esgotados dunha longa xornada laboral e estudantes que despois de remataren as clases diarias aínda teñen que estudar para os seus exames só esperan un tren que os leve de volta ao seu lar. Trens que, moi a miúdo nos países da Europa meridional (e tamén no Reino Unido de verdade, é dicir, lonxe das luces brillantes da megalópole londinense), chegan cun retraso considerable e/ou en condicións – digamos así – “non exactamente ideais”. Eu mesmo lembro perfectamente que pesadelo era tomar o tren para voltar da universidade a mediados da segunda metade da década do 2000. A pesar disto, ou en parte xustamente por isto, as estacións xogan un papel moito máis importantes do que cremos nas nosas vidas. Persoalmente, lembro con afecto unha variedade de momentos de espera nas estacións de Xénova P. Príncipe, Xénova Brignole, Savona, ou Varazze (con ou sen cervexa, xa que non sempre tomaba unha). Cada unha delas está asociada en particular a un aspecto ou un período específico da miña vida: Varazze – a tenda de discos do meu amigo Luca; Savona – a escola secundaria, os meus compañeiros de clase, a tenda de discos do meu amigo Mirko; Xénova P. Principe – a facultade, os paseos polo centro histórico e o porto antigo, a tenda de discos de Corrado; Xénova Brignole – o estadio “Luigi Ferraris” (fun seareiro do Xénova durante unha temporada non moi longa pero bastante intensa) e os paseos pola parte máis moderna e comercial da cidade.

Todas as experiencias máis importantes e, por conseguinte, as emocións máis intensas deste longo período da miña vida, están relacionadas a unha estación, (nos anos seguintes, a miúdo pasaría o mesmo con outras estacións: Milán Centrale, Pavia, Verona Porta Nuova, Vicenza, Lancaster, Manchester Piccadilly, Manchester Airport, Londres Euston, a mesma Coruña, e – de maneira máis fragmentaria – outras diseminadas polo vello continente). Os primeiros namoramentos, cos primeiros bicos, os primeiros latexos, as primeiras ilusións e decepcións. Os primeiros proxectos “editoriais” independentes e auto-xestionados (é dicir, as fanzines punk sobre temas de música, política e sociedade). As primeiras amizades de verdade, as que seguen fortes aínda que pasaran máis de vinte anos e nos separen moitos km. (e ás veces son realmente miles; por exemplo, un dos meus amigos máis queridos, Giorgio, hoxe vive en San Francisco). As primeiras parvadas dun rapaz con máis corazón que cerebro e – claro, como non? – as primeiras cervexas, os primeiros cigarros (deixaría de fumar soamente en 2012, mellor tarde que nunca, supoño), inclusive algúns porros. O exame final da escola, que marcou a fin do que, ao pasaren os anos, chegara a ser un verdadeiro pesadelo. Os primeiros días de estudante universitario, os primeiros exames (lembro que, despois do primeiro exame oral – literatura italiana contemporánea – tomei unha cervexa na estación para celebrar a nota alta – a pesar de que non eran nin sequera as 10 da mañá – non sei exactamente a data, pero era febreiro do 2005 – quince anos atrás).

As estacións normalmente non son teatros de eventos, mais a miúdo si son parte do día no que o evento acontece. Polo tanto, creo que as estacións merecerían os seus cantores, os seus poetas e os seus narradores. Canta xente pasa pola estación dunha cidade (o mesmo dunha vila) nun día medio? De canta vida, de cantos acontecementos, de canta historia son testemuñas estas vias, estas beirarrúas, estas pantallas que indican os horarios? De canta alegría, de canta dor? Si, claro, trátase de lugares de pasaxe, mais talvez é propio por isto que teñen algo máxico e importante. Cada vez que alguén fai algo tan sinxelo como tomar un tren (vaia onde for), da unha precisa dirección á súa xornada, ao curso dos eventos, á súa historia, á súa vida. Non hai poesía nisto? Para min, negalo sería como dicir que hai momentos insignificantes na vida dunha persoa. Eu creo que non é así: cada minuto conta, cada día conta. A vida é demasiado breve para ignorar o valor do tempo, como dixen nun post que publiquei algúns días atrás. Por conseguinte, hai que recoñecer o papel dos que ás veces etiquetamos como “non lugares”. Son puntos de pasaxe? Si. E, xustamente por isto, por eles pasan infinitos fluxos de vida.    

Non calarei

Silence means death

stand on your feet

inner fear

your worst enemy

SEPULTURA, Refuse/Resist

A Coruña, 25 de febreiro de 2020

As persoas que me coñecen ben, que talvez non son moitas, están afeitas ao meu xeito de ser. Con todo, as veces aínda fican sorprendidos por un aspecto do meu carácter que lles parece contraditorio. Eu son unha persoa moi pacífica, de carácter tranquilo. Xeralmente, verasme sorrir moito, coa boca e cos ollos. Son unha persoa contenta, contenta de estar viva, malia os problemas que poden xurdir no día a día. Claro, como todo o mundo, teño as miñas preocupacións, hai cousas que me poñen nervioso, etc., mais en xeral, estou moi agradecido coa vida. Creo que ter tido unha experiencia de depresión moi profunda durante anos ten moito a ver con isto: ao veres o mundo en branco e negro durante un período moi longo, redescubrires as cores preséntase como un pequeno milagre diario. Ao saíres dun abismo no que o teu pensamento máis frecuente é “non importa o que fago na vida, de todas maneiras, un día vou morrer”, inclusive a cousa máis banal paréceche máxica e especial. E, a verdade, é que o é. Este asunto merecería un artigo propio; polo tanto, deixo o tema para outra ocasión. O punto en cuestión é que vivo sorrindo e, a pesar de dificultades e problemas, raramente perdo a calma. Por outra banda, pásame bastante a miúdo atoparme involucrado nalgunha polémica.

Ao falarmos disto, a miña irmá galega e eu pasámolo moi ben, lembrando estes episodios como se fosen capítulos dunha historia que levan o título “o teu irmán vs. X”. Parécelle moi divertido que, a pesar de ser unha persoa normalmente pacífica, me atope tan a miúdo neste tipo de controversias. Con todo, creo que a devandita contradición é soamente aparente. De feito, a tranquilidade é un estado interior que prescinde dos eventos que nos pasan; pola contra, as polémicas teñen as súas orixes xustamente nestes. Non me trae pracer ningún atoparme en polémicas, prefiro realmente pasar o meu tempo doutra maneira, dedicándome ao meu traballo, aos meus intereses e aos meus queridos. Ao tornarme polémico, fágoo porque me parece preciso, porque vexo algo que non me parece certo.

No traballo, por exemplo, recentemente un editorial académico acusoume de violación do copyright por cargar un artigo meu, que publicaron nunha das súas revistas no ano 2017, no meu perfil de ResearchGate. Legalmente, tiñan razón. Moralmente, non, en absoluto. Decidín subir o artigo cando vin que máis e máis universidades (sobre todo estadounidenses) deixaban – con razón – de abonarse ás súas revistas, debido ás súas políticas editoriais que se estaban a volver cada vez máis discutibles (cobraban moito dos lectores). Ben, isto fai un dano moi grande aos autores que publicamos os nosos artigos – que son o resultado de meses, a veces anos, de traballo de investigación, que nos custan non poucos sacrificios, nestas revistas. Isto non é certo. Quitei o artigo do perfil, mais subín un borrador precedente (practicamente igual á versión publicada). Algo parecido pasoume hai algúns meses co revisor dun artigo que me pedía unha mudanza inxustificada (entre outras lexítimas, claro) que – aínda que fose moi pequena – empobrecería o artigo. Por suposto, non teño nada contra os revisores de artigos, o seu papel é moi importante, os seus comentarios poden realmente aportar contribucións relevantes que permiten mellorar os nosos textos. Isto é o que tamén intento facer eu ao revisar artigos para revistas. Porén, hai que ler os artigos con atención e pedir modificacións soamente cando sexan realmente necesarias, porque é o traballo doutras persoas do que se está a falar. Ninguén que eu coñeza se tornou rico coa investigación científica: trátase dun traballo que se fai con paixón por amor á disciplina. Como consecuencia, é preciso respectalo: o propio e o dos colegas, aínda que podemos non estar de acordo coas súas opinións.

A palabra clave no devandito discurso é xustamente esta: “amor”. É esta a razón que me leva tan a miúdo a ser polémico cando “o tranquilo vivir” (que, na verdade, non é tan tranquilo e, sobre todo, non é vivir) pediríame quedarme fóra da controversia. E exactamente trátase de amor pola paz e a vida e, como consecuencia, rexeitamento das situacións que percibo como inxustizas. Por exemplo, entre o 2012 e o 2018, vivín na Inglaterra, o que é dicir que, cando o goberno anunciou o referendo sobre o Brexit, eu estaba alí. Vivín sobre a miña pel a campaña que non tardou moito en se tornar tóxica e chea de slogans sen sentido. A miúdo, houbo episodios de intolerancia, agresión verbal e física

Estaba convencido de que había argumentos bastante obvios contra o Brexit e esperaba que algún xornalista británico os presentase nun artigo de algún xornal ou outros medios de ampla difusión. Como ninguén o fixo, en maio de 2016 fíxeno eu – cos poucos medios que tiña a disposición – malia non ser cidadán do Reino Unido: escribín un texto bastante conciso e envieino a un xornalista inglés para publicalo na súa páxina de Facebook. El ficou moi impresionado co artigo e o publicou. Obviamente, os trolls masacráronme. Non sei cantos insultos e acusacións ridículas recibín nos comentarios (alguén chegou a acusarme de ser “EU-funded”… claro, porque a Unión Europea non tería recursos para permitirse un escritor de verdade… nosa señora! XD). Mais non importa: as críticas baseadas en análises, sostidas por argumentos reais, válidos, sempre son benvidas; por outra banda, aos insultos e outras parvadas é preciso dedicarlle a atención que merecen: ningunha. Mais, sobre todo, é preciso non deixarse desanimar. Non calarei. Como no título daquela estupenda canción de Sepultura de 1993,“Refuse/Resist” (álbum Chaos A.D., se quixesen procuralo).

Estes soamente son exemplos moi sinxelos do que quero dicir. Mais, mirando alén dos casos específicos, o punto deste texto é máis xeral: amar a vida, amar as persoas, amar o planeta, significa opoñerse ao que non é certo, na medida en que temos a posibilidade de facelo (claro) e do xeito no que poidamos facelo mellor (no meu caso, escribindo). Non temos moitas opcións para escollermos. Como dixo a famosa oración do clérigo sudafricano Desmond Tulu, “quen quede neutral nunha situación de inxustiza, está a escoller o lado do opresor”. É realmente así, tan sinxelo como soa: se queremos un mundo máis certo para deixarmos aos vindeiros, non abonda con evitarmos facer o mal, non temos tempo para acariñarmos o noso ego admirando como de bos e simpáticos somos e nos levamos ben con todo o mundo. Isto sería, xustamente, escollermos o lado do opresor. Teño as ideas ben claras sobre isto: o silencio non é pacifismo, é conivencia. Non calarei. Por pouca diferencia que isto poida facer, non calarei. Se convencen as miñas palabras unha soa persoa de reflexionar sobre un asunto importante, este xa será un resultado. O pacifismo e o silencio son inimigos mortais. É nos berros de protesta, é neste barullo de hoxe que se arraiga a paz de mañá. Non calarei. Rexeita, resiste.😉

Kronos, kairós e akrasia na galaxia das escolmas

“Recuerda que cuando dedicas un minuto a una cosa, dejas de dedicarlo a otra. Y ese minuto no volverá nunca”

CRISTINA BENITO, Time mindfulness

“Lascio andarmi fuori ora, lascio tutto fuori: la tranquillità dei ruoli, la via lattea degli errori”

ASSALTI FRONTALI, Va tutto bene

A Coruña, 25 de febreiro de 2020

Palabras como “elección”, “escolla”, o “decisións” óuvense continuamente durante o día. Isto é normal porque, ao cabo, cada día tomamos un número incrible de decisións, no que di respecto aos máis distintos aspectos das nosas vidas: que marmelada queremos para o almorzo, si nos convén ir ao traballo en autobús ou a pe, que queremos facer na fin de semana, etc. Cantas veces nun día tomamos decisións? Un montón. Estes soamente son algúns exemplos moi sinxelos e bastante obvios de casos nos que temos de decidir sobre algo. Porén, hai un asunto máis básico no que tomamos decisións moitas veces cada día, a maioría das veces dun xeito inconsciente: a xestión do tempo. A importancia deste asunto simplemente non se pode esaxerar: a nosa existencia desenvólvese no tempo, o tempo é o recurso máis valioso que temos. É un recurso moi limitado, así que sería preciso escoller como utilizalo con moita atención e consciencia. Con todo, a miúdo tomamos decisións pouco sabias sobre a súa xestión. Mellor aínda, renunciamos a decidir como utilizar este recurso, deixándonos levar adiante pola inercia.

Pódense encontrar libros sobre este asunto na sección ‘auto-axuda’ de calquera librería, seino. É una sección moi de moda neste período e, como sempre, ao converterse algo en moda, aparece unha cantidade incrible de publicacións, a gran maioría de valor discutible. Con todo, escondidas nun mar de lixo, sempre hai obras que contribúen boas ideas e reflexións. No seu libro Time Mindfulness, na miña opinión un texto rico de aportes de valor, Cristina Benito recórdanos unha distinción moi importante entre dúas dimensións distintas relacionadas co tempo, que herdamos da Antiga Grecia: “kronos” e “kairós”. Kronos é á dimensión cuantitativa do tempo, a que se pode medir en segundos, minutos, horas, días, etc. (de aí palabras como “cronómetro”, “cronoloxía”, etc.). Kairós, pola contra, refírese á calidade do tempo; en particular, ao sentirse en sintonía co mundo no momento presente. Noutras palabras, estar arraigado no aquí e agora.

Agora ben, podería parecer que estamos a falar de conceptos moi filosóficos, etéreos, de algún xeito afastados da realidade concreta das persoas, pero non é así. Moi a miúdo tardamos en chegar a cumprimento as nosas tarefas diarias, en particular aquelas que precisan dun esforzo particular ou que nos resultan difíciles o aburridas. Sen embargo, canta concentración e atención dedicamos a levalas a cabo? Lembro moi ben que, ao escribir a miña tese de doutoramento, moi a miúdo o traballo progresaba dun xeito extremadamente lento. Ao cabo, creo que case a metade das xornadas as pasaba a controlar a caixa de correo electrónico, o feed de Facebook, ou a buscar outras informacións en internet que non soamente non era urxente, en xeral tampouco eran importantes e, de todos os xeitos, eran totalmente irrelevantes ao capítulos que estaba a redactar. Como resultado, pasaba todas as fins de semana sentado fronte ao computador e, cada vez que me informaban dun evento interesante nos arredores das cidade universitaria onde vivía entón, cerquiña de Manchester, sempre pensaba “que pena, non ter tempo”. A verdade é que o tempo o tiña: simplemente, estaba acostumado a tirar ao lixo boa parte dos meus días, é dicir, da miña vida.

No mesmo libro, Cristina Benito menciona a noción socrática e aristotélica de “akrasia”: a tendencia (tipicamente humana) a actuar contra o que sería mellor para nós mesmos. A miúdo facemos exactamente isto, a pesar de que sabemos que estamos a boicotear os nosos obxectivos ou, mesmo, os nosos soños. Para usar unha palabra máis sinxela e común, estamos a falar da procrastinación, que nos leva a sacrificar os beneficios a largo prazo por unha pequena (a miúdo, ilusoria) gratificación inmediata. No devandito caso, non sei cantos eventos interesantes perdín por estar ao tanto do que pasaba en Facebook. Decisións erradas sobre a xestión dos minutos obrigábanme a tomar decisións desagradables sobre a xestión dos meus días.

Este soamente é un exemplo, mais estas cousas nos pasan a miúdo. Demasiadas veces se ouven persoas queixándose das redes sociais ou de WhatsApp ou non sei que outro recurso moderno por que “nos fan malgastar tempo”. Isto é absurdo e infantil. Antes que nada, a procrastinación sempre existiu e é un hábito ao que todos os seres humanos tendemos, está na nosa natureza, así que hai que acabar con tirarlle a culpa á modernidade. Segundo, e moito máis importante, as ferramentas son tan boas como o uso que facemos delas, nin máis, nin menos. Temos que deixar de sentirnos vítimas de axentes exóxenos e tomar responsabilidades das nosas decisións: a maneira na que xestionamos o noso tempo é unha delas. Por que estou a dicir isto? Ben, pasei máis de trinta anos da miña vida a malgastar o meu tempo e a queixarme e a procurar maneiras de evitar admitir que a causa maior dos meus problemas estaba dentro de min. Unha pésima xestión do tempo é soamente unha das costumes tóxicas na miña existencia. Custábame demasiado admitir que tiña que cambiar algúns (moitos, na verdade) hábitos na miña existencia, porque o cambio sempre comporta una inversión de tempo e enerxías enorme e a nosa mente opón unha resistencia incrible. O que a miúdo non se percibe é que vale realmente a pena de cuestionar estes hábitos e atreverse a comezar un camiño cara unha vida máis organizada, máis tranquila, sen engadir estrés innecesario aos meus días.

A xeito de conclusión, mencionarei unha reflexión que encontrei noutro libro moi interesante no que me atopei recentemente, aínda que se publicou no ano 2013, Que harías si no tuvieras miedo de Borja Vilaseca. O autor, cara o final do libro, recórdanos a importancia do “memento mori”: lembrarnos que un día temos que morrer pode axudarnos a atrevérmonos a tomar decisións guiadas polos nosos valores e a darlles a prioridade ás cousas realmente importantes das nosas vidas, como os nosos obxectivos a largo prazo, as nosas familias e as outras persoas que queremos, aos nosos intereses, etc. Isto implica, dalgún xeito, tomar decisións máis sabias no que di respecto a nosa xestión do tempo, tendo ben claro que cada minuto que pasa ten un grande valor. Precisamos de respectar este recurso, que é o máis valioso que temos, e aprender a reducir as malgastas para que nos quede tempo para as persoas e as cousas que realmente son importantes para nós. Unha mellor conciencia da forma en que pasamos o noso tempo será un compás fundamental que nos axudará a tomar o control da situación e atopar o noso camiño na galaxia das escolmas. Como consecuencia a calidade da nosa vida mellorará. 😊

Os meus arxentinismos adquiridos e perdidos

A Coruña, 17 de febreiro de 2020

Aprendín as bases da lingua castelá durante os tres anos da diplomatura, hai un montón de anos. Tiven profesoras de varios países: españolas, naturalmente, máis tamén latinoamericanas. Outras non eran falantes nativas de castelán, senón que viñan doutros países europeos. De todos os xeitos, todas elas eran doutoras o estudantes de doutorado en Filoloxía Española. Todas eran moi boas ensinantes, mais soamente unha destas deixou unha pegada bastante profunda na miña ánima de estudante de idiomas de vinte e pico anos. Chamábase María Victoria e viña de Bos Aires. Creo que tiña arredor de corenta e cinco anos, era unha muller bastante alta, cun carácter moi forte. Gustábame moito a súa decisión e a súa capacidade de ensinar o idioma de maneira eficaz, mantendo un balance equilibrado entre teoría e práctica. Foi neste período que comecei a sentir simpatía polos arxentinos, procurando de imitar os trazos fonéticos da pronuncia de María Victoria que, aínda que se esforzase moito en falar castelán estándar, tiña un acento porteño bastante forte.

Perdín bastante de vista o castelán nos anos seguintes, non o estudiei durante a licenciatura. O meu plan de estudos tiña obrigatoriamente que incluír un exame de linguas non indoeuropeas, así que decidín que o ano xa ía ser bastante difícil cos exames de inglés e árabe. Anos despois, nun período no cal interesábame particularmente o fútbol suramericano, comecei a conversar en liña con algúns seareiros dos equipos de Bos Aires: en particular, os do Boca Juniors e River Plate. Nese período, aprendín toda unha serie de palabras e expresións que, anos despois, fixeron tolear aos castelanfalantes que encontrei na Inglaterra, nos anos do meu doutorado. A gran maioría deles eran españois e mexicanos e ficaban sorprendidos ao ouvirme usar palabras como “boliche” (bar/discoteca), “ortiva” (“confidente da policía”), “pelotudo” (“estúpido”), “ay che” (“hei”), “mina” (“rapaza”), e outras. Máis que nada, os españois enlouquecían coa miña pronuncia (“¿tenés que shegar ashí? ¿O que é isto? Non sei que idioma estasme a falar, mais castelán non é”, a miúdo dicíanme rindo – por suposto, aínda que agora estou a traducir as conversación ao galego, elas sempre tiñan lugar en castelán).

Lembro divertido como ficou alucinada a miña irmá galega ao ouvir expresións como “chamuyo” (“persoa pouco seria”), “gilada” (“banda de parvos”), “yuta” (“policía). A verdade é que entendo que debe de parecer moi raro a un falante nativo dunha lingua que un falante non nativo da mesma lingua fale unha variante non estándar cun acento tan marcado sen nin sequera ter vivido no lugar onde se fala deste xeito. É máis que normal. E aínda que nunca encontrei arxentinos na Inglaterra, eu creo que eles tamén pensarían que eu falaba un castelán moi raro, mesmo feo ao ser tan híbrido: na verdade, nunca vivira no Rio da Plata e o utilizar o voseo, imitar o acento, substituír o “vosotros” con “ustedes” e introducir algunhas palabras do léxico popular non me convertían nun falante do castelán de Arxentina ou Uruguai, soamente lle daba un pouco de cor a este idiolecto de base castelá que me atopaba a falar. Xa falamos de moitos anos atrás e durante os anos seguintes, ao falar sobre todo con españois (e algúns mexicanos, na verdade), perdín gradualmente todos eses arxentinismos e, hoxe en día, non sabería definir o meu castelán. Seguro, hoxe sigo a borrar moitas “s” dos finais de palabras e a utilizar “ustedes” por “vosotros”. Unha señora de Pamplona, que ensina castelán nunha escola, díxome que o meu acento é bastante neutro, máis ten trazos andaluces e arxentinos. Non sei se sexa unha avaliación acertada, pero sen dúbida paréceme unha definición interesante. 😀

Ben, non sei porque comecei a falar desa forma (María Victoria non falaba así nas súas clases e despois dela tiven unha profesora de Venezuela) e non sei porque deixei de facelo (non é ilegal, aínda, non si?), mais supoño que foi unha evolución natural do meu falar. É probable que a comunidade de seareiros de fútbol tivera unha influencia sobre min, aínda que soamente falaba con eles nos foros en liña. O costume de falar así quedou comigo durante os anos nos que non falaba case nunca con nativos do castelán (no período na Inglaterra, os mexicanos e españois normalmente falábanme en inglés), mais logo a interacción con nativos doutras variedades fíxome afastar da fala bonaerense (lembro con moito pracer a Juan Carlos, un rapaz colombiano que coñecín en Gales e encontrei tempo despois en Suecia: sempre quixo falar castelán comigo, a el o inglés realmente poñíao molesto). Sexa como for, o resultado é que hoxe non falo un castelán porteño, mais tampouco un castelán propiamente peninsular, senón un idiolecto híbrido. Sería interesante, ademais de divertido, ter un gráfico da dirección do meu castelán durante a miña vida e ver a que variedade tira máis nas varias décadas. Non me molesta de ningunha maneira o saber que non falo unha variedade definida (nin estándar, nin local): pódese considerar este curioso idiolecto como outra faceta da miña historia e da miña identidade.   

Un fragmento de pura vida

A Coruña, 15 de febreiro de 2020

Achéganse a min dous paxaros, moi pequeniños. Son criaturas moi lindas, coas súas plumas elegantes, que levan, nun espazo de poucos centímetros, unhas miríade de matices de marrón: da cor das castañas ata tonalidades cada vez máis escuras, antes de perderse no negro. Os seus peitos, en cambio, están pintados de maneira uniforme dun gris bastante claro. Procuran un pouco de comida, aquí aos meus pes. Marabillosos minúsculos seres. Fronte a min, están as árbores. Unhas amosan orgullosas as súas mantas de fermosas follas verdes, dunha cor escura, intensa, chea de forza vital. Outras, mostran unha mudanza de cores que aínda non rematou, así que aínda oscilan entre o amarelo e o vermello intenso, cores que lembran máis o outono ca o inverno. Outras aínda, están en coiro: a estación non é das mellores para elas; con todo, isto non parece molestalas moito: saben que, aínda que estean espidas, seguen tendo moi boas pintas.

A xente pasa, andando de vagariño, a maioría das tendas aínda están pechadas. O ceo está con nubes, o sol non se deixa ver esta mañá. Non importa. Reina a tranquilidade: o lugar e o momento son perfectos para un saudable exercicio de respiración. Praza do Xeral Azcárraga, un recuncho de mundo xenial, moi bonitiño e moi discreto nesta mañá dun sábado calquera. Unha rapaza co pelo moi largo parece padecer moito frío. A verdade é que non vai moito calor, máis tampouco temos vento. Só un pouquiño de ar fresco, para nos enchermos os pulmóns de vida. Pura vida. Na calma firme dun momento, está a pura vida. O milagre de estar vivo. A miúdo non agradecemos a sorte que temos. Estamos vivos. Unha bágoa cruza a miña cara. Nun segundo, na miña mente aparecen todos os meus amigos e os meus queridos que non chegaron a miña idade. Un deles, o caso máis tráxico, foise antes de cumprir os 16 anos. A vida, o mero feito de estar vivos, é un privilexio.

Un home bastante maior dá un paseo co seu can, un lindo cachorriño negro, que xoga con todo o que encontra. Nunca vin este home, antes na miña vida, non sei nada del. Porén, esta persoa de idade que camiña nesta praza tan verde xunto ao seu amigo de catro patas, paréceme a imaxe da tranquilidade, talvez mesmo dunha serenidade sinxela, nun mundo que nos empurra na dirección contraria, cara ao estrés e a confusión. Achégase a min unha rula, ela tamén semella comprometida na procura dun pouco de comida. Aínda lembro cando outras criaturas da súa mesma especie viñan ‘de tapas’ á terraza da miña avoa Alice. Lembranzas dunha infancia e, tamén, mocidade que hoxe parecen tan lonxe. Neste momento de tranquilidade matutina, pasado, presente e futuro xúntanse neste recanto da Cidade Vella. Respiro. Observo en silencio as cores das flores e das follas, escoito a suave voz da Fonte do Desexo. Sorrío. Estou vivo. Síntome vivo. Síntome feliz.

Outro home ancián acaba de chegar acompañado do seu can, un animal que parece moi novo. Lánzase con enerxía a explorar o ambiente con curiosidade, a mesma que teño eu ao andar sen unha meta específica pola cidade. Co meu caderno de peto e o meu fiel lapis para tomar notas. Para estar presente. Para lembrar sempre que a vida é aquí, agora. Para non esquecer nunca a sorte que teño, a sorte de estar vivo. Respiro. Teño sorte. Estou vivo. Marabillosamente vivo. Unha fermosa lección que temos a sorte de recibir cada mañá ao abrirmos os ollos. Respiro unha derradeira vez, antes de poñerme en pé e comezo a deixar lentamente este lugar marabilloso para ir a descubrir a próxima experiencia que a vida me vai regalar. Baixo da rúa Damas cara a praza de María Pita. Sigo cara a rúa San Agustín, logo rúa San Nicolás. Ando de xeito non lineal ata desaparecer no Ensanche, deixándome atrás ese fragmento de pura vida. Sorrío: nas pequenas cousas está a verdadeira maxia.

A balea de Isabel

A Coruña, 11 de febreiro de 2020

Ía moi bo tempo na Punta do Leste, o sol brillaba no ceo azul e a natureza parecía pintada por un impresionista. Ía unha calor incrible pola costa uruguaia: ese agosto foi o mes máis caloroso que Isabel puidese lembrar. Aínda que xa tiña máis de trinta anos, a miúdo ela pensaba na súa nenez. Esa era unha das súas lembranzas favoritas. Axiña cha vou contar.

Isabel quedara con outros nenos para se encontraren na praia e logo marcharen para a casa de Manolo. Había un millón de razóns polas que a ela lle encantaba o verán, mais a máis importante era os novos amigos que facía. Ela nacera en Maldonado e toda a súa familia era de aí, así como os seus compañeiros de clase. Sen embargo, nos meses de xullo e agosto, a Punta do Leste enchíase de turistas de toda América, e cada día podía coñecer a moitos novos amigos. Todo mundo estaba alegre e a cidade era vibrante: a crisis bancaria que cedo axeonllaría o país aínda estaba lonxe.

Mentres marchaba cara a parada do autobús, ouviu a súa nai chamándoa para dicirlle que se esquecera o traxe de baño na cociña. “Un día destes vas te esquecer a cabeza, nena, en serio”. Dona Teresa, que era una persoa moi precisa e cumpridora, tíñallo dito desde había tempo. A nena sorriu. Sabía que a súa nai tiña toda a razón, como case sempre.

Ao perder o primeiro autobús, Isabel chegou á Gorgorita moi tarde e todos os seus amigos xa marcharan. En cambio, había moita xente, moita máis que o usual, mesmo chegara a policía. Resulta que, no abalo, unha balea quedara varada, arremuiñada ao cabo da praia. Como Isabel nunca vira unha balea antes, a súa curiosidade levouna a achegarse para observar esta criatura tan grande. Parecíalle que estivese a sufrir moito e iso púxoa moi triste. Sempre Isabel fora así: auténtica, empática e instintiva. Sentía as emocións das outras persoas dentro de si mesma, queríalle a todo o mundo e desexaba que todos fosen felices. Sen pensar, achegouse ao animal e abrazouno. De súpeto, a balea parecía sentirse mellor. Respiraba, estaba viva. A Protección Civil arrastrouna ao mar aberto e un remolcador do Salvamento Marítimo levouna no alto mar. O día seguinte, Isabel leu no diario local que o cetáceo se salvara e iso púxoa moi alegre.

Esa mesma noite, unha pequena fada apareceulle nun soño. “Entendiches o que pasou, Isabel?”, preguntoulle. “A balea non estaba viva, sabes?”. Isabel ficou paralizada. “Non, non o estaba. Nin viva, nin morta. Non era unha balea na verdade, senón unha ilusión.” A nena poñíase cada vez máis curiosa. “Nai Natureza quixo xogar un pouco con vostedes, os humanos”. “De cando en vez, faino, sabes?” A fada sorriulle á nena. “Iso da balea era un test. Había un animal que estaba a sufrir, e arredor da criatura un monte de persoas que soamente miraban e falaban sobre algúns aspectos técnicos. O pobre cetáceo ía morrer. Logo, chegaches ti, e fixeches o que se precisaba facer. Amosácheslle empatía e, dun xeito sinxelo, décheslle todo o cariño do que ti es capaz. E a sincera luz do teu pequeno corazón abondou para encher de vida mesmo a un animal deste tamaño.

“A balea é un símbolo, Isabel. Isto é o que a Terra precisa dos humanos. A acción de cada persoa ten consecuencias enormes para o planeta. O mundo é moi grande, máis ninguén é demasiado pequeno para facer unha gran diferencia. E a miúdo non se precisa de plans e estratexias, senón só un pouco de coidado, un pouquiño de corazón.” Isabel aínda lembra que, a mañá seguinte, espertouse sorrindo. “Que cousa xenial aprendín onte á noite! Espero que, ao ter fillos, sexa capaz de transmitirllela!”

O barullo dunha chave, de súpeto, interrompeu o seu pensamento. “Ai, Miguel, sempre que voltas á casa, asústasme… Un pouco de delicadeza…” pensou a muller… mais non houbo tempo para as queixas… un pequeno terremoto louro de nove anos chegou correndo e saltando a abrazala. “Coidado, Silvia, vas romperme o pescozo!”, recomendoulle rindo a muller. “¡Mamá, mamá! ¿Sabes o que nos aconteceu na praia? ¡É incríbel!” berrou a nena. “Séntate que axiña cho vou contar: non o vas crer!” Isabel preparou un zume de laranxa natural para que, máis que nada, a nena asumise a súa dose diaria de vitamina C. Pois, as dúas sentáronse á mesa. Isabel puxérase curiosa. “Pois, en canto chegamos á Gorgorita, vimos que había un monte de persoas, era incríbel, nunca vira tantas persoas na nosa praia. Axiña nos chegou a nova: parece que unha balea, hoxe… “Mamá, mamá, por que estás a chorar?” “Non estou a chorar, nena. Teño algo no ollo. Segue, segue a contar”, contestoulle a muller. Unha mentira inocua: por suposto que está a chorar. Da felicidade. Coñece ben o resto da historia. E agora sabe que a súa filla ten o seu mesmo corazón. E mañá pola noite, encontrará a mesma fada que ela coñeceu, hai moitos anos. 😊

Fálame, Lúa

Háblame Luna, te quiero escuchar,

tú cuéntame lo que será…

BASIC CONNECTION, Háblame Luna

A Coruña, 6 de febreiro de 2020

Fálame, Lúa, no inusitado, intenso silencio de esta noite no que xa está a se mergullar o barrio de Catro Camiños. Véxote, escondida detrás de todas as nubes que envolven o ceo, suavizando a súa pinta negra. Non sexas tímida, rógoche. Nesta melancólica noite de febreiro, podo, e quero, finalmente ouvir a túa voz. Sei que tes de contarme verdades e mitos, lendas e segredos da historia do mundo. Non te abstés de facelo, estouche a escoitar, imos pasar esta noitiña xuntos. E aínda máis, déixame descubrir os teus pensamentos, os teus sentimentos. Amósame o que arde dentro de ti, xuro que non che vou xulgar. Cóntame que é que se move dentro de ti, que ficas tan lonxe do meu lar de onde te falo, e con todo, síntote tan preto de min. Eu non sei quen es ti, pequeno disco de mel, porque dás roldas arredor desta terra a miúdo tan tola, e aínda así, cada hora e cada dia quero máis. Eu non sei quen ti es, que nos miras desde fóra, que entras secretamente polas xanelas das nosas casas, para quedarte unhas horas con nós, antes de marcharte e deixar paso á esoutra bola, á calda que xurde e nos quenta os corazóns, borrando dun golpe todos os medos e as inseguridades no seu fluxo de luz branca, amarela, laranxa e vermella. Eu non sei quen ti es, ti que me miras de arriba coa túa mirada que parece tan chea de preguntas, dúbidas e palabras non ditas. Eu non sei quen ti es, mais lembro que, en calquera momento da miña vida, ti estabas aí, e aínda hoxe estás. Non podes negalo, ao botarlle unha ollada ao ceo nocturno, sempre te vexo. Aínda que algúns dias non podía verte, sempre sento a túa presencia. Sei que me estabas a observar, sen dicir nada. Eu non sei quen ti es, pero de algún xeito te coñezo e, moitos máis aínda, sei que ti sabes todo sobre min. E aínda que leve unha vida querendo falar contigo, sempre había demasiado barullo para facelo. Sempre pensei que, ao falarmos, debería ser nun momento máis íntimo. Sen interrupcións, sen testemuñas, sen ninguén que nos puidese molestar. Ese momento chegou, ou así semella, a metades deste inverno tranquilo. Agora, estamos apenas ti e eu: a feble luz do meu cuarto xa está apagada. No escuro fondo desta rara noite ártabra, fálame Lúa.

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos