A volta das negras tormentas

…el bien más preciado es la libertad, hay que defenderla con fe y valor…

A las barricadas, himno da CNT

My mind is clear, I see the light, even alone I will carry on the fight!

TIMEBOMB, When the blood calls

A Coruña, 28 de abril de 2020

Como está a reaccionar o mundo político ante a Covid-19? Tenten dar a súa resposta antes de continuar coa lectura. Eu xa escribín algo sobre o tema da xestión da crise sanitaria no mundo occidental, propoñendo a hipótese de que, ao rematar a emerxencia sanitaria, imos atopar un escenario económico e xeopolítico ben diferente ao que estamos afeitos. Ao ler eu a entrevista ao erudito italiano Elia Rosati no magazine en liña Estreme Conseguenze, esta convicción reforzouse, xunto á crenza de que serán os movementos políticos pretos á dereita radical os que gañarán en termos de influencia. Mentres que en xeral o mundo político parece estar a facer calquera esforzo para evitar o problema, paréceme cada vez máis probábel que o remate da emerxencia sanitaria non representará a fin da crise, senón o seu punto de partida. Quero dicir, eu non son un economista mais, por unha banda, lembro bastante ben os acontecemento históricos das últimas dúas décadas, e pola outra, tiven un par de exames de economía e política do desenvolvemento: gústenos ou non, é ben raro que unha crise sanitaria non xere unha crise económica. Normalmente, non nos damos conta disto porque… ben, cando foi a última epidemia deste tipo en Europa? Exacto, nós non vivimos nada semellante a isto, mais a xente doutros continentes si. Sentímonos tan superiores como para pensarmos que a nós isto non nos pode pasar?

Claro, este pensamento asusta moito; polo tanto, normalmente preferimos evitalo e contarnos que, ao cabo, non o sabemos. É verdade, ninguén pode prever o futuro con certeza absoluta, mais… non me parece unha boa razón para evitarmos o problema. Eu realmente creo que estamos a achegarnos a un límite histórico mais, de ser a crise económica menos grave do que penso, ficaría extremadamente contento. Con todo, creo que as institucións deberían tomar en serio a posibilidade e prepararse para limitaren os danos (exactamente o contrario do que fixeron coa pandemia). Mentres tanto, creo que nos espera unha batalla cultural, ao solpor da emerxencia: os grupos de extrema dereita, arredor do continente, están a aproveitar a traxedia, como fixeron nos anos 30, despois da crise de Wall Street do 1929. A pandemia da Covid-19 quitounos moita da seguridade que sentíamos, cuxo nivel xa non era altísimo, debido as contradicións do neoliberalismo (vexan a miña reseña do libro O colapso territorial en Galiza de Xosé Constenla Vega). A historia ensínanos que, na (ilusoria) esperanza de recuperar a seguridade perdida, a xente tende a renunciar tamén á liberdade. Un artigo aparecido en Nós algunhas semanas atrás xa describía un disparo do nacionalismo/patriotismo en España en reacción á Covid-19. A mesma cousa está a pasar en Italia e noutros países de Europa, en particular en Hungría. Non nos debería sorprender: os movementos de extrema dereita aliméntanse da inseguridade da poboación. Sempre o fixeron.

A maiores, o uso de plataformas tecnolóxicas favorecen a difusión de teorías de conspiracións que, nestes días, se van multiplicando nas redes sociais como Facebook, Twitter e, sobre todo, servizos de mensaxes instantáneas como Whatsapp e, máis aínda, Telegram. A combinación entre ideoloxías de extrema dereita e hipóteses máis ou menos cribles sobre a orixe e a natureza do virus constitúe, nalgunha medida, unha áncora para unha poboación que se sinte vítima de circunstancias difíciles de entender. Cómpre termos moito coidado agora, porque os fascistas, como sempre, se presentan disfrazados de amigos fraternos. Non levan armas, senón comida e xéneros de necesidade básica. Murmuran palabras de confort e prometen axuda para cambiar as cousas. Comprométense a combater as causas da situación actual, a rescatar a poboación do dominio da plutocracia e a devolverlle a dignidade perdida. Asemade, fan fincapé no sentimento de abandono da xente para fomentaren o odio contra os inmigrados, a través da retórica que “o goberno pensa máis neles que nos ‘nosos’”. En Italia, movementos como CasaPound ou Forza Nuova levan decenios facendo exactamente isto. Para eles, a emerxencia sanitaria representa unha ocasión de ouro para medraren.

Entre os varios movementos de dereita radical que lamentabelmente hogano se atopan en Europa, os que máis gañarán forza serán os que saiban aproveitar o sentimento de inseguridade dos cidadáns, adoptando unha imaxe ao mesmo tempo profesional e popular. Noutras palabras, a sociedade en xeral é demasiado pequeno-burguesa para seguir a bandas de skinhead coas esvásticas tatuadas nos pescozos que gritan slogan de estadio coas botellas de cervexa nas mans. Con todo, paréceme lista para recibir as mesmas ideas expresadas nunha linguaxe en xeral máis elaborada e menos directa, por mulleres e homes vestidos de maneira sobria mais non demasiado elegante, que se presentan como “xente do pobo” (aínda que, a miúdo, reciban financiamentos da mesma plutocracia que pretenden combater – a pesar dos disfraces, a dereita fascista e a dereita capitalista criminal son amigos íntimos). Estes partidos saberán tecer relacións tanto con partidos afines máis mainstream como con movementos que expresan a rabia e a indignación popular. Sostén Elia Rosati que, en Italia, este partido probabelmente será Fratelli d’Italia, liderado por unha muller bastante nova e relativamente elegante coma Giorgia Meloni, que se presenta como unha persoa seria mais, ao mesmo tempo, autoirónica e capaz de chancear cos xornalistas. En España, paréceme probábel que sexa Vox quen aproveitar máis a crise.

A xeito de conclusión, cómpre preparármonos para tempos difíciles. Non, non acredito que, ao rematar a emerxencia sanitaria, nos vaiamos atopar con ditaduras militares, pero hai que recoñecer que estes movementos están a aproveitar a situación de crise. A persoa traizoada é vulnerábel e máis fácil de seducir, os fascistas sempre o souberon ben. Haberá que ter os ollos ben abertos para evitarmos que as feridas sanitarias e as dificultades económicas nos leven a un desastre político (os fascistas, ao chegar o momento adecuado, mostrarán a súa verdadeira natureza). Como os partidos e os sindicatos de esquerda perderon a conexión coa poboación dende hai moitos anos, tocaranos a nós, xente común, tomarmos a palabra e contrastarmos a retórica de divisións da dereita radical. Ao mesmo tempo, teremos que facer o que poidamos para desmentirmos os mitos das teorías de conspiracións que informarán a propaganda dos devanditos movementos. Non vai ser nin doado, nin agradábel, pero si necesario. Hoxe máis que nunca, no medio das dificultades económicas, ante esta ameaza política será preciso xuntarmos todo o valor necesario e non calarmos. De escollermos o silencio, ao longo prazo poderíamos pagar un prezo ben alto pola nosa inercia.

O fútbol moderno: a agonía dun sentimento

Per noi il pallone si è sfonfiato. Tenetevi questo baraccone vuoto e, se avete un briciolo di dignità, vergognatevi

Via Armenia 5R (os ultras do Xénova)

A Coruña, 23 de abril de 2020

Estadio Luigi Ferraris de Xénova, estábamos a finais do verán do 2018. Terceira xornada da serie A, a primeira división italiana de fútbol: un gol xenial do atacante polaco Krzystof Piątek permitiunos gañarlle 1-0 ao Bolonia e así sacar tres puntos que serían cruciais para mantermos a categoría. Foi un partido bastante aburrido entre dous equipos de nivel moi baixo, mais non importaba: raramente o Xénova ofreceunos un fútbol espectacular. Polo tanto, a vitoria abondaba para sentirmos satisfeitos. Ficamos máis dunha hora na estación de Xénova Brignole, a esperar o tren que nos levaría de volta aos nosos lares, na zona occidental da rexión. Había grupos de afeccionados con bufandas e camisolas do equipo, mais non moitos: a maioría das persoas que esperaban o tren regresaban das compras e os paseos en via XX settembre e as outras arterias comerciais da cidade, onde a miúdo hai tendas abertas os domingos.


Ao finalmente chegar o tren, foron precisamente estes quen, achegándose con presa ás portas, impedían á xente de baixar. Así que algunhas persoas, incluíndo o condutor do tren, comezaron a gritar “fate scendere!” (“deixen baixar”); neste momento, un grupo de mozos coas bufandas do Xénova puxeron estas palabras na melodía dun cántico da bancada norte: “faaate scendereee, faaate scendereee…”. Axiña, outros afeccionados sumaron as súas voces e durante un par de minutos este cántico de alegre tolemia resoou na estación. Este episodio divertido fíxome reflexionar, unha vez máis, sobre os afeccionados do fútbol na era global e, teño que dicir que a situación é bastante triste. Perdeuse moitísimo do entusiasmo e da espontaneidade de antano. A xente da miña xeración viu a época de ouro, mais non puido vivila, senón indirectamente: éramos crianzas. Porén, eu lembro moi ben a situación que había noutrora e creo que podo trazar dun xeito bastante acertado a involución que puiden observar nas últimas tres décadas.


A finais dos anos 80 e comezos de 90, cando ía ao estadio a miña irmá Marina, as cousas eran ben diferentes. As estacións estaban cheas de afeccionados que ían ao estadio, onde a miúdo se contaban máis de trinta mil persoas. A bancada norte de Xénova era liderada pola Fossa dei Grifoni, que durante vinte anos foi a afección máis admirada en Italia polos espectáculos de bandeiras e cores que ofrecía. Normalmente, tanto a bancada norte como a sur estaban cheas unha hora e media antes do inicio dos partidos e a xente non paraba de cantar, sexa que o Xénova xogase en primeira división, sexa que xogase en segunda. Os veciños de Marassi colgaban as súas bandeiras nás xanelas ou nos balcóns, coloreando o barrio de vermello e azul. Daquela, o outro equipo cidadán, Sampdoria, estaba a xogar a miúdo en Europa e puxérase de moda entre moitos espectadores que antes eran neutrais. A resposta dos afeccionados do Xénova sempre foi a mesma: “a ‘Samp’ é unha moda, o Xénova é unha fe”. Unha afirmación non exactamente obxectiva, máis… non sería demasiado pedirlles neutralidade aos afeccionados dun equipo? 😉


A finais dos anos 90 e comezos dos 2000, cando eu ía ao estadio, a situación xa empeorara moito. O calendario dos partidos estaba cada vez máis ditado polas exixencias das televisións: moitas menos persoas frecuentaban o estadio e xa nunca se cantaba antes do comezo do partido. Mesmo durante o partido, xa non se observaba o mesmo alegre barullo de antano. Iso si, bastante xente aínda ía ao estadio en tren. Isto é máis importante do que se poida pensar: atoparse na estación en grupos, todos levando as cores do equipo, é algo que fomenta un sentimento de colectividade: somos a Bancada Norte, somos o Xénova, somos Xénova. Era estupendo saír no tren con outros afeccionados e, logo, ver os outros fans que se sumaban nas estacións de Xénova Voltri, Xénova Pra, etc. ata chegar á estación de Xénova Brignole e logo andar de pe ao estadio.


No ano 2003, cando ao cabo dunha tempada tremenda o Xénova baixou á terceira división (no mesmo ano que Sampdoria subiu á primeira), houbo un brote de orgullo entre os fans, que resumía ben a mensaxe en lingua xenovesa que o club Ottavio Barbieri imprimiu nunha camisola: “Serie C? Me ne batto o belin” (“Terceira división? Impórtame un carallo”). Aínda así, xa non quedaba moito da alegría, da ilusión dos anos 90 cando, ao ver algúns partidos na tribuna co meu curmán, pasaba a gran maioría do tempo a ollar á bancada en vez do partido, pensando que un día eu tamén estaría alí. Hogano, a bancada énchese (ás veces, nin sequera completamente) cinco minutos antes do comezo do partido, no estadio raramente hai máis de dezaseis mil persoas e o latexo colectivo de antano é unha lembranza moi lonxe e o progresivo despoboamento da cidade non abonda para explicar isto.


Sexa como for, a tendencia xeral é innegábel: o fútbol perdeu a súa ánima. En efecto, a plutocracia é o verdadeiro dono do xogo: as televisións deciden os horarios dos partidos, os equipos cada ano mudan o deseño das camisolas para produciren novo merchandising para os mercados emerxentes. Xa, o fútbol europeo globalizouse e os equipos obedecen aos intereses de espectadores que nin sequera saben onde se atopan as cidades onde se xogan os partidos. Isto, claramente, representa un vantaxe para os equipos ricos e potentes: a ninguén en Asia lle importa un comino o Xénova, o Dépor ou o Cardiff City. Gústanlles os equipos de éxito como o Madrid, o Barça, a Juventus, o Manchester United, o Liverpool e o Bayern. O resultado desta situación é que, co obxectivo de achegaren China, Arabia Saudita e os Emiratos a estas multinacionais do fútbol, conseguiron tamén afastaren Xénova do Xénova e a Sampdoria, Bolonia do Bolonia, Palermo do Palermo, etc. O neoliberalismo quitounos o xogo e o sentimento, así como diariamente nos desposúe de calquera cousa.


Lembro moi ben que, no ano 2003, ao falar cos compañeiros de escola sobre iso, eles non me escoitaban. Case todos eran fans de grandes equipos que xogaban fora da rexión e pensaban que ter a posibilidade de ver os partidos en Sky era estupendo. Esta é unha diferencia enorme entre os fans dos equipos locais como o Xénova, a Sampdoria, o Turín, a Fiorentina etc. e os dos xigantes do fútbol cuxos fans atópanse, na súa meirande parte, lonxe das súas rexións: a paixón. Os primeiros fan sacrificios, aforran diñeiro, procuran tempo para seguiren o equipo en campo contrario, deseñaren bandeiras e organizaren actividades para axudaren a comunidade (por ex., colectas de diñeiro para os hospitais rexionais). Os segundos, simplemente escollen un equipo de éxito e miran os seus partidos sentados nun sofá.


Cando era neno, apenas había dúas maneiras para seguirmos os partidos: irmos ao estadio ou escoitarmos as marabillosas crónicas na radio de Tutto il calcio minuto per minuto, nas palabras de grandes xornalistas como Enrico Ameri, Sandro Ciotti ou Alfredo Provenzali. Logo chegaron as televisións e a presencia dos sponsor fíxose cada vez máis preponderante, ata levarnos ao paradoxo de hoxe: en Italia morreron vinte e cinco mil persoas, moitísima xente está hospitalizada e a poboación leva semanas pechada na casa. A pesar disto, os equipos de fútbol estanse a preparar para voltar ao campo porque xa se perderon bastante ingresos. The show must go on, mesmo se significa faltar ao respecto á enfermidade e á morte (e, por conseguinte, á vida). Chegarán as findes e as campás van dobrar a laio polo noso xogo: señoras e señores, benvidos ao macabro circo da plutocracia internacional.

A importancia dos feitos morais

A Coruña, 8 de abril de 2020

Algúns anos atrás, lin un artigo en USA Today sobre unha escola primaria estadounidense, creo de Nova York. No artigo, un ensinante explicaba que eles lles ensinan aos nenos a diferencia entre feitos e opinións. Había incluso a foto dunha “infografía” que fixeron os alumnos e que os ensinantes colgaron na parede da aula. Nesta ilustración, afirmábase que os feitos teñen o respaldo de evidencia empírica; polo tanto, non se poden poñer en discusión. As opinións, en cambio, simplemente son crenzas, que poden ser máis ou menos compartidas, mais non se poden demostrar empiricamente. Todas as opinións son lexítimas mais ningunha se pode aceptar como verdade. As opinións que contrastan cos feitos seguen a ser lexítimas, pero non se poden considerar válidas. Paréceme unha boa idea ensinarlles aos nenos a tomar conciencia da diferenza entre os feitos e as opinións: esta é moi importante e vai servirlles tanto na escola como na vida en xeral. A xeito de exemplo, que Vigo sexa a cidade máis poboada da Galiza é un feito; entón, non se pode discutir. En cambio, cal é a cidade galega máis linda é unha cuestión de opinión.


Porén, ao reflexionar un pouco máis sobre a ilustración que fixeron os alumnos, decateime de algo que me puxo bastante incómodo: non se tiveron en conta os feitos morais. Se seguirmos as definicións proporcionadas pola ilustración dos nenos, os feitos morais incluiríanse na categoría “opinións”. De feito, os feitos morais non teñen o respaldo de evidencia empírica, senón que se basean na avaliación de algo como certo ou errado. Esta distinción, transmitida culturalmente, non é o resultado de investigacións científicas. De non existir evidencia empírica, a distinción entre opinións e feitos morais a miúdo non é tan ríxida e, en certo modo, pode variar de persoa a persoa. Aínda así, algúns feitos morais representan os elementos máis básicos do noso vivir común e, de matizármolos como opinións, derrubaríamos os fundamentos da nosa sociedade.


Agora vou proporcionarlles un exemplo práctico, probabelmente o máis obvio: non hai evidencia empírica ningunha de que haxa algo malo en matar a unha persoa. Conforme aceptarmos as definicións proporcionadas pola devandita ilustración temos que concluír que a inaceptabilidade do homicidio non é nada máis que unha opinión. Por conseguinte, ao seren todas opinións lexítimas, teríamos que aceptar tamén o punto de vista contrario, é dicir, que matar a unha persoa é aceptábel (deixo dun lado o asunto da presenza ou ausencia de atenuantes, como a necesidade de defendermos a nós mesmos ou a outras persoas). Noutras palabras, deixamos que sexa cada individuo a decidir se o homicidio é aceptábel ou non. Isto é perigoso: ao infravalorarmos a relevancia dos feitos morais, estamos a ensinar aos nenos que as regras máis básicas do noso vivir común, que tamén constitúen os fundamentos do noso sistema xurídico, non son nada máis que opinións.


A xeito de resumo, ao negarmos a diferenza entre feitos morais e opinións, estamos a lexitimar, por exemplo, o homicidio. E o roubo. E a violencia sexual. E moito máis: en xeral, todo comportamento antisocial pódese aceptar, baixo a xustificación de que a súa avaliación se basea en opinións. Deste xeito, as bases do noso sistema xurídico perden valor e o sistema enteiro acaba deslexitimado. É isto o que queremos ensinarlles ás crianzas? Obvio que non. Fica claro que os ensinantes desa escola americana simplemente querían ensinarlles a diferenza entre feitos e opinións, mais perderon de vista a perspectiva moral: de acordo co prexuízo occidental que lle outorga a preponderancia á evidencia científica observábel, cometeron a falacia materialista de definir a verdade en termos exclusivamente empíricos. Aínda que é improbábel que algúns nenos cheguen a pensar que a inaceptabilidade do homicidio e outros actos de extrema violencia sexa unha cuestión de opinións, cómpre evitarmos as ambigüidades, en particular no ámbito da educación primaria. As nocións que os nenos aprenden na infancia son sementes que van medrar con eles: hai que ter presente que froitos queremos coller e coidar moito do sementeiro. Por conseguinte, temos que ter moito coidado tanto co contido e a estrutura lóxica das nocións que queremos transmitirlles aos nenos como coas palabras que imos utilizar.

Ao acelerar a historia…

O capitalismo nega a existencia da única contradición que o podería arrastrar á perdición; unha catástrofe ecolóxica a escala planetaria.

XOSÉ CONSTENLA VEGA, O colapso territorial en Galiza, p. 47

A Coruña, 13 de abril de 2020

Paréceme innegable que a rápida difusión do virus SARS-CoV-2 (coloquialmente, “o coronavirus”), evidenciou algúns trazos problemáticos da situación económica e política internacional, que xa estaban a manifestarse dende hai varios anos. En particular, eu destacaría a insustentabilidade do neoliberalismo, os desafíos que debe enfrontar a globalización e a deriva tecnocrática e plutocrática da Unión Europea que, nos últimos anos, renunciou case totalmente a facer política. De feito, aínda que eu sexa partidario do proxecto europeo, teño que evidenciar que as institucións europeas levan moitos anos fallándonos a todo o mundo. Basicamente, hoxe en día a UE pódese considerar unha entidade económico-financeira ao servizo dos intereses das bancas, que deixou dun lado o seu compromiso cos cidadáns do vello continente. Esta non é a “Europa” de Altiero Spinelli, Eugenio Colorni e Ernesto Rossi e os seus compañeiros antifascistas que, nos anos do confinamento de Ventotene, escribiron o manifesto para un mundo novo, o que debería ser a Europa libre. Ademais, parece que a identidade europea nunca realmente penetrou na alma dos pobos europeos, que seguen a percibirse como distintos. Peor aínda, os países que son parte da UE seguen a ver os seus veciños máis en termos de competencia que de cooperación. Por conseguinte, ven a pertenza á Unión soamente en termos de conveniencia. Como dixo o meu pai nunha das nosas conversacións escritas en Skype, hoxe a UE parece “unha xuntanza de países egoístas e oportunistas”.


Por certo, creo que é innegable que a UE fixo cousas positivas; de feito, a nosa identidade europea outórganos dereitos que non teríamos como cidadáns dos varios estados nacionais, aínda que pouquiñas persoas parecen decatarse disto. Como escribín noutra plataforma, eu percíbome ante todo como europeo e só despois como xenovés e italiano. Con todo, en xeral, ao adoptaren un enfoque tecnocrático que privilexia os intereses da plutocracia, as institucións da UE fracasaron no seu dobre obxectivo de, por unha banda, derrubaren as barreiras culturais e, pola outra, construíren un mundo novo centrado nas necesidades dos cidadáns. Dende a crise económica do 2008, en todos os países da Unión xurdiu un forte sentimento de rexeitamento cara a UE, que se difundiu bastante rápido. No Reino Unido, isto culminou co Brexit. Aínda que non creo que a saída da Gran Bretaña represente un perigo enorme para a sobrevivencia da UE, creo que a pésima xestión da emerxencia sanitaria si o é. En xeral, os estados nacionais responderon á situación incriblemente mal, tardando moito en tomar medidas para conter os contaxios e mostrándose moi pouco solidarios reciprocamente. As institucións supranacionais da UE basicamente non fixeron nada, revelando toda a súa fraxilidade. Agora, a UE está chamada a enfrontarse con varia ameazas: é preciso adoptarmos un radical cambio de curso se quixermos evitar que chegue a hora dos epitafios para o proxecto europeo.


Con todo, sería un erro considerarmos o problema como algo exclusivamente europeo: paréceme que a crise sanitaria está a evidenciar (probablemente mesmo acelerar) o solpor do mundo occidental e das democracias occidentais que saíron gañadoras da guerra fría (a definitiva pedra tombal sobre a teoría da “fin da historia” de Francis Fukuyama). Os Estados Unidos tamén foron moi lentos en tomar medidas para conter a pandemia e os outros países do continente americano tampouco se mostraron particularmente brillantes nesa circunstancia. Noutras palabras, ao chegar unha ameaza global, ao noso “mundo libre” non o colleu ben preparado. Un país como China, por exemplo, deunos unha verdadeira lección, tanto en termos de organización como de solidariedade. Foi sen dúbida o país que respondeu á crise de maneira máis efectiva, a pesar de que a epidemia se orixinou alí. Asemade, ao difundirse o virus en Italia, cunha rapidez que sorprendeu totalmente as institucións, China interveu con rapidez para enviar axudas. De feito, foi o país que se mostrou máis solidario. Cuba, Rusia e Albania tamén axudaron a Italia a enfrontarse á emerxencia, enviando médicos e materiais sanitarios. Estados Unidos e os países europeos non fixeron nada e, nunhas semanas, acabaron na mesma situación. Esta mellor xestión da crise por parte de países que a miúdo criticamos (non sen razón, fique claro) por teren gobernos autoritarios presenta desafíos importantes para as democracias occidentais e, ao mesmo tempo, pon preguntas sobre a eficiencia do noso sistema económico e político.


Eu nunca fun partidario de sacrificar a liberdade en favor da seguridade e sigo a crer que non é unha boa idea. Ao renunciarmos ás nosas liberdade estamos a delegar ao goberno a responsabilidade das nosas vidas, algo que se debería limitar ás situacións de extrema emerxencia, como é a presente pandemia. En canto deixamos os nosos destinos nas mans das institucións, expoñémonos ao risco dunha deriva cada vez máis autoritaria. Quenquera lera a novela 1984 de George Orwell sabe perfectamente do que estou a falar (quen aínda non lera o libro, anímoo a que o faga). Porén, ao xurdir unha verdadeira emerxencia, os países pos-comunistas, caracterizados por gobernos máis autoritarios e un sistema económico máis controlado polo estado, demostraron unha mellor organización e, por conseguinte, unha mellora capacidade de xestionar a situación racionalmente. Quizais máis importante aínda, ofreceron axuda aos outros países, mentres as democracias do “mundo libre” actuaron de maneira tanto torpe como egoísta. É inevitable que todo isto nos invite polo menos a reflexionar sobre a suposta superioridade do noso sistema económico e político: o mundo occidental terá que facelo.


A xeito de conclusión, creo que a Covid-19 nos vai deixar un escenario político internacional profundamente diferente daquel ao que estamos afeitos. Os equilibrios van cambiar e, todo deixa supoñer, isto vai ser en favor de China, un país que xa hai moitos anos comezou a emerxer como un líder económico e político. Ao mostrar a crise sanitaria os límites dos países occidentais, paréceme inevitable pensar que a posición de China se vai reforzar mentres o solpor de Estados Unidos e Europa acentuarase. Noutras palabras, creo que, a esta altura, nos atopamos nun momento no que a historia está a acelerar (aínda que nun sentido un pouco diferente do indicado por Nietzsche ou mesmo Marx no século XIX). Os cambios no mapa das esferas de influencia, que xa comezaron dende hai moitos anos, parecen progresar máis rapidamente. Preguntas importantes están a emerxer. Imos ser testemuñas, nos próximos anos, da fin do soño europeo? Cederán Estados Unidos o liderado internacional a China? Imos asistir a unha limitación do libre mercado e un reafirmarse do proteccionismo? Os países europeos abandonarán o libre movemento e voltarán ao concepto de estado-nación? O tempo diránolo. Na actualidade, cómpre tomarmos consciencia de que nos atopamos nun momento (polo menos, potencialmente) crucial da historia: creo que, ao rematar a emerxencia, nos encontraremos cun mapa económico e xeopolítico bastante transformado.

Un colega que se foi mociño

Voglio però ricordarti com’eri / Pensare che ancora vivi / Voglio pensare che ancora mi ascolti / e come allora sorridi.

FRANCESCO GUCCINI, Canzone per un’amica

A Coruña, 1 de abril de 2020

Era o 1 de abril de 2002, xa pasaron dezaoito anos. Era a segunda feira de semana santa, lembro moi ben ese período. O sábado 30 de marzo fun a Salerno para ver o Xénova, foi unha viaxe bastante estresante: once horas de autobús. Porén, un gol nos primeiros minutos deunos a vitoria en campo contrario, o que, debido á contemporánea derrota dos nosos rivais históricos de Sampdoria ante o Nápoles, significaba chegarmos ao derbi a semana seguinte con pares puntos. Por iso, a mañá do domingo voltei a casa satisfeito e boteime na cama para recuperar as horas de soño perdidas. Non sabía que chamada ía recibir o luns. Era un dos tíos cos que ía ao estadio normalmente, que me daría unha nova tan inesperada como destrutiva: “morreu o Dask”. Dask era o pseudónimo co cal firmaba os seus murais Davide, o fillo da miña ensinante de matemáticas no derradeiro ano da escola primaria. Faltábanlle tres meses para cumprir dezaseis anos (naceu o día 30 de xuño de 1986), estudaba no Instituto Náutico co obxectivo de perseguir logo a carreira de enxeñería naval e, como todos nós, era un gran afeccionado do Genoa C.F.C. 1893 (este é o nome oficial do Xénova, en inglés porque o fundaron os ingleses, no consulado británico da rúa Palestro, no barrio de Castelletto). As dinámicas do accidente nunca se aclararon, o único que sabemos é que se atopaba nas vías do tren da estación da nosa vila no momento peor: o tren para Milán atropelouno. O día do funeral, a igrexa estaba chea e, o día do derbi, os dous equipos entregáronlles flores á súa familia. O ano seguinte, o noso grupo de afeccionados realizou unha bufanda para lembralo, entregándolle un exemplar aos seus pais, eles tamén grandes fans do equipo.

Dask e eu non éramos amigos íntimos. Simplemente, viviamos na mesma vila e iamos ao estadio co mesmo grupo de persoas, na meirande parte estudantes de secundaria ou primeiros anos de universidade. Falabamos de fútbol e, sobre todo, de cousas que tiñan que ver coa “vida de bancada”: bandeiras, bufandas, cánticos, outros grupos, anécdotas, cousas así. Sobre todo, a el fascináballe o mundo dos ultras e, mentres no grupo tíñamos en xeral opinións políticas de esquerda bastante radicais, a el gustáballe o movemento apolítico dos skins (iso é o significado de “Dask”: “Da” = Davide, “Sk” = Skinhead). Era un rapaz normal da súa idade: moi bo estudante, afeccionado á náutica, coñecía a todo o mundo na vila e tiña moitos amigos. Sorría, sorría moito, coa boca e cos ollos. Creo que a aquela altura estaba a saír coa súa primeira moza. O mesmo día no que eu me atopaba en Salerno para seguir o Xénova, el estaba no estadio “Luigi Ferraris” de Xénova cos afeccionados do Nápoles, nosos irmandados dende o ano 1982 (e ata o 2019). Así que o último partido que el viu non foi nin sequera un do noso equipo. Está claro que ninguén esperaba que pasase algo así. Claro, quen pode prever que a última vez que viches a alguén sería a derradeira? Creo que teríamos que lembrar que estas cousas pasan: ao facérmolo, creo que viviríamos as nosas vidas dun xeito diferente, probablemente máis pleno, máis intenso e, ao mesmo tempo, máis relaxado.

Aquí volto a un dos temas moi importantes para min: a fraxilidade da vida. Estamos acostumados a vivir como se o noso destino fose quedarmos aquí eternamente. Ben, claro, sabemos que todos imos morrer un día, pero cremos (ou queremos crer) que se trata dun día moi lonxe e, de todas as maneiras, non nos gusta pensar nisto. Incriblemente, aínda que estamos no ano 2020, a morte segue a ser un tabú na nosa cultura. Un pouco como no caso do diñeiro, é algo do que non está ben falarmos: a idea de morrermos moléstanos e queremos tela lonxe de nós. Sabemos, obviamente, que a xente ás veces morre nova, cada día os medios cóntannos historias de accidentes, enfermidades, mesmo de suicidio e homicidio. Porén, dun xeito, tendemos a pensar que estas cousas sempre lle pasan a outra xente, coma se fose unha película, a nós isto non nos pode pasar. Oh, non, mes chers, si que nos pode pasar. Claro, isto é debido ao ambiente cultural no que nacemos e medramos e, de todos os xeitos, resultaríanos algo raro se cada vez, ao despedírmonos de alguén, pensásemos “quen sabe se nos imos encontrar outra vez”. Ben, téñolles que dicir que eu xa si o fago e a historia de Dask é unha das razóns. Digo “unha das razóns” e non a única porque varios entre os meus amigos e seres queridos non chegaron á miña idade, Dask non foi un caso illado (iso si, el foi o que morreu máis novo). Por exemplo, na miña clase de escola primaria, éramos soamente 15 nenas e nenos. Aínda así, dous deles xa se despediron do mundo: algúns anos atrás un rapaz morreu de sobredose e, hai tres anos, unha rapaza suicidouse botándose á auga fría do Mar Ligur nunha noite de Noitevella, aparentemente tras unha discusión co seu mozo.

Xa noutros textos mencionei a importancia de darlle valor a cada día da nosa vida, porque o mañá non o temos garantido, así que non o vou repetir outra vez. Iso si, invítolles a todo o mundo a tomar consciencia, a despedírense dos seus seres queridos, de que non temos garantías de que esa última aperta non sexa a derradeira. Polo tanto, ao rematar este textiño, anímolles a lembrar que, ao pensaren que “non teñen tempo” para tomar un café cun amigo ou escribirlle un correo á súa familia, poderían non ter outra ocasión. E que, cada vez que aprazamos algo importante porque hai outras cousas que consideramos máis urxentes, estamos a tomar un risco concreto (sobre este específico punto, vou escribir outro texto nas vindeiras semanas porque hai algo que profundar).

Ao derrubarse todo… temos unha oportunidade

En último términos, todo se reduce a la cuestión de hasta qué punto estamos dispuestos a aligerarnos y soltar nuestros apegos. ¿Hasta qué punto estamos dispuestos a ser honestos con nosotros mesmos?

PEMA CHÖDRÖN, Cuando todo se derrumba, p.33

A Coruña, 31 de marzo de 2020

Tomando inspiración do libro When things fall apart de Pema Chödrön (non se traduciu ao galego, mais si se pode atopar en castelán co título de Cuando todo se derrumba), adopto o presente momento de caos debido á pandemia como punto de partida para propoñer unha reflexión sobre a mesma condición existencial dos momentos de crise, coas súas características intrínsecas. Saben, unha desas situacións de vida nas cales todas as nosas certezas parecen derribarse, derrocadas por algo máis forte ca nós. Os momentos nos que temos que mirar na cara o feito – que normalmente preferimos esquecer (ou, na verdade, ignorar) – de que non o temos todo baixo o noso control. Momentos que nos constrinxen a recoñecer a incerteza da existencia e, por conseguinte, os nosos límites. É dicir, a nosa intrínseca, estrutural vulnerabilidade. Ou, para utilizarmos termos menos negativos, un momento no que hai que ter a coraxe de deixarmos saír unha bágoa dos nosos ollos, quitármonos a armadura, e sermos finalmente honestos con nós mesmos. Non sei para vós, máis para min sempre foi unha das tarefas máis difíciles. Con todo, esta é parte integrante do noso camiño cara o autocoñecemento. Non que sexa obrigatoria, claro, mais negarse a facelo implica renunciarmos a medrar. Persoalmente, creo que isto é un prezo demasiado alto para pagarmos.


En liña teórica, creo que todos sabemos que o sufrimento e a incerteza son parte da vida. Na práctica, non obstante, moi a miúdo nos atopamos a loitar contra a dor, a facer todo o que podemos para minimizarmos o sufrimento e maximizarmos o pracer, procurándonos algunha áncora material para reducirmos a incerteza. Isto normalmente implica apegármonos dun xeito desesperado a algo ou alguén, caérmonos dependentes dunha ou outra cousa, persoa, ou actividade. De aí que nos encontremos ás veces ocupados a facer cousas como fumarmos un montón de cigarros, ou mercarmos dunha maneira compulsiva obxectos superfluos, ou pasarmos a semana a esperar o botellón do sábado noite, ou aínda ficármonos atrapados en relacións de parellas infelices. Todas estas son situacións paradoxais que, aínda que a curto prazo poden darnos un pouco de alivio, a longo prazo vannos facer sentir peor, traendo infelicidade ás nosas vidas. Xustamente o oposto do que desexábamos, non si? Por conseguinte, cómpre liberármonos dalgúns dos nosos costumes máis arraigados, para non vivirmos toda a vida nesa condición bastante penosa. Un destes costumes é, exactamente, intentarmos cun gran afán afastarnos da dor. Nisto, estamos condenados ao fracaso; polo tanto, cómpre adoptarmos unha perspectiva diferente. É doado? Como a meirande parte das cousas que merecen facer, non, non o é. Para nada. A min, sempre me custa moitísimo.


Nunca é fácil, aínda que sexa necesario, mirarmos nos ollos a nosa fraxilidade, á nosa vulnerabilidade, ós nosos medos máis profundos. É quizais unha das cousas que máis nos asusta en absoluto. Non hai redentores aquí, xa. Ninguén nos vai botar unha man, e está ben que sexa así, ten que ser así: alternativas non hai. Estamos ante a nós mesmos, temos que mirar dentro de nós. Isto pode ser moi doloroso e non é un proceso que se pode levar a cabo unha soa vez para sempre. Sempre hai que volver a iso, así como un futbolista sempre volta a adestrarse a tirar os saques de esquina ou os penaltis. Non nos aportará certezas e non nos converterá en persoas mellores. Tampouco nos dará a felicidade. A palabra clave aquí é, xustamente, “aceptación”. Esta é a gran lección que cada un de nós pode aprender, o que pode facer unha gran diferencia na nosa maneira de reaccionarmos aos eventos, positivos e negativos, que acontecen na nosa vida. Estamos totalmente afeitos a empregar moitas enerxías para intentarmos cambiar o que nos pon incómodos e, xeralmente, o único que obtemos é una solución provisoria. De feito, estamos a facer o que en inglés se chama papering over the cracks: silenciamos os síntomas dun problema, mais nin sequera nos achegamos á súa raíz e, entón, á súa solución.


As nosas reaccións, como nos recorda Pema Chödrön, débense á incapacidade de aceptarmos o concepto de impermanencia. Aínda que saibamos que un día imos morrer, preferimos vivirmos como se fósemos inmortais, como se o noso destino fose ficarmos aquí para sempre. Isto vese particularmente no xeito de que a miúdo tiramos o noso tempo ao lixo coa procrastinación (como xustamente evidencia Cristina Benito, isto é moi humano, ata un xenio como Leonardo da Vinci o facía). Recoñecermos e aceptarmos a impermanencia é moi importante desde un dobre punto de vista. Por unha banda, axúdanos a poñer en perspectiva os acontecementos diarios (por exemplo, é realmente un problema tan serio termos que renunciar a unha determinada cousa?). Por outra banda, axúdanos a vivir os nosos días enfocándonos nas cousas importantes das nosas vidas (por exemplo, se temos trinta minutos de tempo morto, en lugar de pasar media hora a mirar a bitácora de Instagram, poderiamos limitarnos a dez minutos e, nos outros vinte minutos, chamarmos a algún dos nosos seres queridos).


Aceptarmos a nosa impermanencia permítenos ver os problemas, mesmo nos momentos de crise, dunha maneira máis destacada. Podemos ver que as condicións que nos rodean, aínda que ás veces sexan moi serias, non son parte de nós. Non temos que identificarnos con elas. Como escribín no textiño sobre as tatuaxes, a persoa que dixo que “nada che pertence de verdade, agás o que podes perder nun naufraxio” dixo a verdade. Aceptarmos realmente que nada fica eternamente axúdanos a aceptar o que nos pasa e permítenos vernos como o que realmente somos: unha criatura de pasaxe neste planeta. Isto non significa non valorarmos o significado da nosa vida, en absoluto. Pola contra, significa entendermos o que realmente é a nosa presencia no mundo e apreciarmos a súa verdadeira esencia. E deixármonos atrás o desexo de cousas fatuas, a ilusión de sermos diferentes ou as expectativas esaxeradas sobre un ou outro evento. Nunha palabra: aprendermos a aceptarnos a nos mesmos querernos así como somos, hoxe, neste momento. Apreciarmos a vida e o que nos está a pasar agora, a pesar de posibles problemas e dificultades. Isto non significa abandonar proxectos e tomar unha actitude indiferente cara o mundo. Non significa renunciar a loitar contra as inxustizas, en absoluto. Pola contra, significa seguirmos adiante coas nosas actividades e perseguirmos os nosos obxectivos, mais permanecendo ancorados ao momento presente, evitando apegármonos desesperadamente a eles e recordando que, ao fracasar un proxecto, sempre poden xurdir novas oportunidades. Ao despedirme, convídovos a lembrar que na palabra crise (do grego krisis) tamén está a raíz de crisálida, momento de transformación, de evolución… a todo o mundo nos gustan as bolboretas, non (E cómpre destacarmos que, ao viviren elas un só día, as bolboretas tamén son un emblema da impermanencia)? 😉

A intersección corpórea entre ánima e arte

“I’ve got my tribe, it’s my own right, and I don’t have to tell you why, it’s been like that from the start and you can’t break it apart”

SEPULTURA, Born stubborn

A Coruña, 31 de marzo de 2020

Concluíno un día do verán do 2013: a tatuaxe normalizárase definitivamente. Máis aínda ca iso: ao dar un paseo pola beira do mar, notei que as tatuaxes se puxeran de moda, unha tendencia que se pode observar incrementando aínda nestes días. Honestamente, non vexo ben o feito de que a tatuaxe agora estea de moda, aínda que por razóns diametralmente opostas a polas que normalmente non o ve ben a xente da xeración dos baby-boomers. A min, gústame moito a arte da tatuaxe: creo que hai algo moi nobre na práctica de gravar escritas e debuxos baixo a pel das persoas, algo que non se atopa noutras formas de expresión artísticas. Creo que a profesión do tatuador ten algo misterioso, case esotérico, que lle entrega unicidade. De feito, para min hai algo místico no preparar o debuxo sobre unha folla de papel (ou, hoxe en día moito máis frecuentemente, a pantalla dun computador ou dunha tablet) e, a partir deste punto, trasladar a idea baixo a pel dunha persoa. Creo que o momento no que o artista che corta a pel para transferir – dun xeito definitivo – un debuxo ou unhas letras dentro de ti ten un significado ritual caracterizado por unha profundidade que raramente se pode atopar noutras actividades (inclusive nas artísticas). Coma cada obra de arte, trátase dun traballo de amor; máis que outras, baséase na confianza entre o artista e o cliente.


Xustamente por iso, déixame perplexo o feito de que agora as persoas sen tatuaxes se convertiran nunha minoría. Claro, hai un aspecto positivo neste feito: permite a artistas extraordinarios cobrar moito mellor que noutrora, aínda que tamén hai moita máis competencia e non todos os tatuadores son profesionais serios (cómpre escollermos ben o artista a quen entregar a nosa confianza e ser xenerosos coas propinas: esta xente meréceo). Con todo, creo que algo que ten unha dimensión tan íntima, tan persoal (porque cada un de nós ten un corpo que é soamente o seu, e ninguén ten máis que un) nunca debería escollerse por moda (o feito de ser un fin en si mesmo é unha característica intrínseca do concepto de moda). Esta é unha regra bastante xeral: ao poñerse de moda, calquera cousa tende a perder moito (aínda que, claro, non todo) do seu sentido orixinal. Claro, claro, ao cabo cada un ten o dereito a facer o que quere coa súa vida e iso no que atinxe ao seu corpo como a calquera outra dimensión. Porén, paréceme que, deste xeito, prácticas que teñen unha historia moi longa en moitas culturas distintas (e, a miúdo, sen que haxa conexións directas entre a unha e a outra) tenden a banalizarse e, desta maneira, perden gran parte do seu valor antropolóxico tradicional. Permítome usar un adxectivo un pouco culto como “antropolóxico” porque cada vez que oio a alguén (e aínda hai moita xente que “razoa” deste xeito) que di que as tatuaxes van contra a natureza humana, contra a lóxica, ou algo parecido, non podo evitar pensar que lle faría ben a lectura dalgún manual de introdución á antropoloxía cultural, para decatárense eles da falacia deste punto de vista.


A min sempre me fascinou a arte da tatuaxe, a idea de gravar as cousas máis importantes da miña vida (quer en forma explícita, quer simbólica) baixo a miña pel, a pesar de que estas marcas de identidade poidan sangrar bastante ou, ao curto prazo, causar unha dor que, nalgúns puntos do corpo, pode chegar a ser moi intensa (por exemplo, quixen que a flor de loto coas letras iniciais das miñas irmás ficasen nun punto moi sensible como a cadeira: elas son unha marabilla na miña vida e, quixen que o sangue e a tinta se encontrasen, a encrucillada entre a dor física e a alegría espiritual). É algo que, dende a miña infancia, tiña claro que un día comezaría a facer, a condición de estar convencido ao cen por cento de que nunca me iría da miña decisión. De feito, cando fixen a miña primeira tatuaxe, xa tiña 28 anos e estaba a pasar un período moi crítico na miña vida. Unha mañá, lembro moi ben, decidín ver un vídeo-clip que non vía dende ía moito tempo: Roots Bloody Roots de Sepultura. O primeiro fotograma do vídeo amosa a seguinte frase do escritor nixeriano Chinua Achebe: “Suffering should be creative, should give birth to something good and lovely”. Unha chispa acendeuse na miña mente: esa si era unha ensinanza que debería levar comigo toda a miña vida. Non quixen facer a primeira tatuaxe na Inglaterra, onde me atopaba a aquela altura: para a miña primeira tatuaxe, decidín esperar a pausa do verán e facelo na miña vila, en Italia. Porque? Bo, supoño que o título Roots sexa unha boa suxestión (e a filosofía da mesma banda de Sepultura atópase na raíz do meu xeito de ser: se non me atopara con aquel disco, sen dúbida non me decataría de moitas cousas, e hoxe sería unha persoa distinta – Roots Bloody Roots, de verdade). Fíxeno na única tenda de tatuaxes que había na vila (tivo que pechar pouco tempo despois, non sei por que, quizais a miña vila non é un lugar bastante metropolitano para unha cousa como as tatuaxes). Nunca me arrepentín de levar estas palabras na parte alta das miñas costas. Nunca me arrepentín de ningunha das que fixen máis tarde, tampouco, en tres diferentes países: dous na Inglaterra, un na España e o último (quizais o derradeiro, quizais non) outra vez na Italia.


Trátase de algo moi profundo, aínda que poida resultar difícil de entender. A tinta, claramente, é soamente skin-deep, mais o seu sentido é moito máis profundo, é unha conexión que se leva dentro, porque é unha decisión que brota de alí (aínda que a inspiración poida atoparse no ambiente físico e/ou socio-cultural, claro). A tinta é cortical, mais o seu significado é nuclear. As escritas e os debuxos que levo baixo a miña pel teñen historias, cada unha delas diferente. É algo que está na miña mente e na miña ánima e a tinta, a través do traballo destes artistas extraordinarios que, aínda hoxe, non teñen recibido o recoñecemento que merecerían. E, contrariamente ao que pasa coas cousas feitas por moda, non me interesa amosalos. Como non frecuento ni praias nin piscinas ou centros deportivos, as outras persoas soamente poden ver apenas dúas das miñas tatuaxes – e soamente no verán (agás, claro, en situacións de intimidade). Eles teñen todos un sentido ben claro para min, son partes de min. Unha vez, ao falar coa miña nai (unha persoa moi aberta e progresista, especialmente ao considerarmos que ten 74 anos), díxenlle que, despois de moitos anos, ao pensar no meu brazo esquerdo sen a tatuaxe, non o recoñecería como o meu. No meu brazo esquerdo atópase unha escrita, así como no meu brazo dereito atópase un debuxo (esta última unha obra de arte de verdade, na miña opinión) e estas xa son partes de min.


Seino, claro, claro. Xa sei que a permanencia non existe: un día ireime, como todo o mundo, e as miñas tatuaxes desaparecerán comigo; porén, ata aquel día, as miñas tatuaxes acompañaranme a través de toda a miña vida. Non lembro quen dixo que non nos pertencen máis cousas que aquelas que non podemos perder nun naufraxio, mais creo que ela/el dixo a verdade. E, que eu saiba, ningún naufraxio poderá levar as miñas tatuaxes consigo (claro, nun caso moi extremo podería atoparme un día sen brazos, e entón perdería tamén as tatuaxes que levo aí, mais vostedes entenderon moi ben o que quero dicir, non si? 😉).

"Pontevedra nos anos do medo": Entrevista co autor

Somos víctimas del silencio de nuestros padres e responsables de la ignorancia de nuestros hijos.

DULCE CHACÓN, La voz dormida

A Coruña, 25 de marzo de 2020

Descubrín a existencia do libro do profesor Xosé Álvarez Castro, Pontevedra nos anos do medo (Vigo: Xerais, 2013) no tren, consultando co teléfono a páxina web das Edicións Xerais de Galicia, de volta da propia cidade de Pontevedra. Ao regresar á Coruña, pedino á librería que se atopa xusto ao lado do meu lar. Lin con gran interese a obra do historiador pontevedrés sobre a represión na provincia do suroeste da Galiza nos anos que seguiron o golpe militar. Apreciei en particular o enfoque que o autor adoptou no contar os feitos: trátase dun traballo científico, rigoroso, sen concesións a medias verdades, especulacións ou narrativas enfáticas que as veces se atopan nos ensaios históricos (mesmo algúns de gran calidade). Pontevedra nos anos do medo non nos entretén, infórmanos. Neste traballo, que desenvolve algúns temas tratados no blogue do autor, cóntanse feitos, baseados en documentos ou, ao non existiren estes, nos relatos dos testemuñas. Menciónanse os nomes e cóntanse as historias das mulleres e dos homes envoltos nos acontecementos, tanto das vítimas como dos verdugos. O autor interroga as fontes, busca a verdade e comparte o que atopa. Libre de propósitos propagandísticos e/ou ideolóxicos, Pontevedra nos anos do medo é un libro de lugares, momentos e persoas. Nunha frase, é un verdadeiro libro de historia. O profesor Xosé Álvarez Castro foi tan amable como para aceptar o meu convite a facer esta entrevista que, debido á actual situación de emerxencia sanitaria, tivo que realizarse por correo electrónico. Como verán, non quixen enfocarme demasiado nas cuestións máis xerais relativas ao golpe na zona pontevedresa, senón que preferín illar algúns puntos específicos do libro e deixar que o profesor me contase un pouco máis sobre eles. Agradézolle ás Edicións Xerais o permitirme contactar co autor.

  • Bo día, profesor Álvarez Castro. Moito obrigado por aceptar o meu convite. Antes que nada, podería introducirse un pouco aos meus lectores?
    Son mestre, licenciado en historia, na actualidade xubilado. Desde hai moitos anos investigo sobre o período da 2ª República e o franquismo centrándome principalmente nos aspectos relacionados coa violencia política exercida polos sublevados. Estas investigacións publícanse regularmente no blogue Pontevedra nos anos do medo, con máis de doce anos de existencia e en diversos libros de autoría individual ou colectiva así como en revistas e a través de charlas divulgativas.
  • Como naceu o proxecto do blogue Pontevedra nos anos do medo?
    Partiu da evidencia do descoñecemento existente na poboación do realmente sucedido nesa época; pouco do que se coñece é información manipulada, terxiversada de distintos xeitos ou contaminada polo relato mítico. Considerei que o formato de blogue permitíame moita liberdade na elección dos contidos e na extensión e facilita a comunicación con lectores e lectoras retroalimentando o coñecemento coas achegas de moitos deles.
  • Na súa opinión, hai diferencias substanciais nos acontecementos dos anos do medo en Pontevedra e noutras zonas da Galiza?
    En xeral non, aparte das lóxicas modulacións na intensidade da represión exercida, que foi máis intensa nas provincias de Pontevedra e A Coruña e tamén variable nas distintas localidades. Os mecanismos represores postos en práctica polos sublevados foron comúns, en esencia, tanto en axentes executores, tipoloxía das vítimas e métodos, en toda a zona na que triunfan os sublevados nos primeiros días… Isto non obsta á existencia de peculiaridades locais de pouca relevancia.
  • Enfocaríame un pouco na Garda Cívica e, en particular na súa composición. Mentres que é comprensible que a maioría dos membros fosen propietarios, comerciantes e profesionais liberais, moito menos obvio é o que podía empuxar a un obreiro a engadirse a esta entidade…
    A presencia de obreiros na Guardia Cívica pontevedresa non foi moi significativa fronte á preponderancia de comerciantes, propietarios, funcionarios e semellantes. Entre as posibles motivacións que podería atopar un obreiro para integrarse estarían as motivacións ideolóxicas como podería ser o caso do famoso Mirón, ferreiro e veterano militante da dereita (Acción Popular), outros buscaban “lavar” o seu pasado en organizacións de esquerdas e sumarse ao carro dos vencedores, tentar favorecer a familiares perseguidos…
  • Unha figura que me pareceu moi interesante é don Manuel Ogando: poderíamos dicir que el representou un fluxo de luz na xeral escuridade dos anos do medo na zona pontevedresa?
    Don Manuel Ogando, cura de santo André de Xeve, pode representar os cregos que adoptaron posturas humanitarias e de defensa dos seus veciños e así é lembrado por todos. Nunha parroquia como a súa, con moita militancia socialista e agraria a represión foi menos cruenta que noutras semellantes. Contrasta con outros cregos do contorno que, cos seus informes ou implicándose directamente nos grupos represores, contribuíron ao terror.
  • Un “personaxe” controvertido que xogou un papel importante para o bando dos sublevados na comarca de Pontevedra foi Victor Lis Quibén. Porén, vostede no libro menciona o feito que os seus colegas mostraron unha crecente reticencia cara as súas actividades. Podería dicirme algo máis sobre isto?
    No rexeitamento dunha figura tan destacada como o xefe “cívico” coido que son determinantes dous factores: por unha banda a necesidade de deixar atrás a represión “quente”, dos primeiros meses logo de que se fixera o traballo sucio, e, por outra banda, a implicación de membros da Guardia Cívica – Lis entre eles – e falanxistas en prácticas corruptas, extorsións, arbitrariedades…que deron lugar á apertura de investigacións e sumarios polas autoridades militares. Unha colaboración miña no libro Os nomes do terror (Ed. Sermos, 2017) titulada “Morte, tortura e corrupción. Os ‘cívicos’ en Pontevedra” achéganos a estas prácticas pouco divulgadas ata o momento.
  • No seu libro, vostede confronta os dous frontes nos termos da ideoloxía. Interesaríame saber algo sobre o papel que desenvolveu a cuestión da identidade española vs. galega na zona pontevedresa. Como de importante era a identidade galega para os integrantes do bando republicano?
    Na zona pontevedresa era importante a presencia do partido galeguista, con figuras tan destacadas como Alexandre Bóveda ou Castelao; tamén había personaxes que se decantaran pola escisión dereitista e que, en maior ou menor grao, colaboraron cos sublevados. Outras forzas políticas como o partido comunista ou partidos republicanos e socialistas tamén participaron con distinto empuxe na campaña a favor do estatuto. O papel de Bóveda á cabeza das forzas que no goberno civil defenden a República foi moi relevante; tanto el como outros galeguistas (Víctor Casas, Luis Poza…) foron executados e outros sufriron cárcere, depuración e outros castigos.
  • Querería destacar un episodio significativo mencionado no seu libro: os 150 nenas e nenos das colonias escolares que o goberno enviou de Madrid á Galiza. Esas/es nenas/os madrileños naceron de verdade en familias marxistas ou simplemente esa foi unha escusa instrumental á propaganda dos sublevados?
    Os nenos e nenas que, debido ao programa escolar de colonias, estaban na zona foron utilizados intensamente pola propaganda franquista: comuñóns, bautismos, confirmacións, foron publicados polos medios de comunicación. A utilización da cualificación de “familias marxistas” non é máis que a consabida denominación do grupo a eliminar “comunistas”, “rojos”, “antipatria” co que os golpistas unificaban a todos aqueles que amosaran ideas republicanas por moi distintas que fosen.
  • Ata que punto o machismo influenciaba a ideoloxía e as actividades dos sublevados en Pontevedra? Pódese considerar a visión das mulleres do profesor Vallejo Nájera reflexo dunha actitude compartida polos activistas do Movemento?
    A represión sobre as mulleres foi dobre: castigadas por ser mulleres xa que son vítimas dunha serie de retrocesos en dereitos e visibilidade social respecto á etapa anterior e castigadas pola súa actuación persoal: política, sindical ou, en gran parte, pola súa axuda a fuxidos ou vínculos familiares ou persoais cos perseguidos. As concepcións de Vallejo Nájera sobre a muller, á que consideraba cunha mentalidade primaria, infantil, moi influenciable, serviu en determinadas ocasións para que as penas aplicadas foran máis leves que no caso dos homes. Porén houbo castigos específicos sobre as mulleres como as violencias sexuais, o rapado do pelo, o gravado con tinta chinesa ou nitrato de prata das siglas UHP e outros que buscaban sinalalas, “marcalas”, diante da sociedade como o exemplo que non se debía seguir.
  • No seu libro menciona o uso das armas químicas e bacterianas (en particular, no que di respecto ao seu emprego en España polas tropas italianas). Nos anos que seguiron a publicación do libro, descubriuse algo máis sobre a utilización destas armas na zona pontevedresa?
    Na zona pontevedresa, ao non existir fronte de guerra non houbo lugar ao seu emprego; o emprego de armas químicas ou bacteriolóxicas na guerra civil, no caso de existir, debeu ser anecdótica. Unha publicación recente sobre o tema atopámola aquí.
  • Un episodio que me interesa destacar é tamén a historia do Padre Olmedo e os paseados nas zonas republicanas: en que medida atopamos vítimas pontevedresas nestes eventos? Pódese dicir que o fronte republicano fixo un uso da violencia parecido ao que fixo o bando franquista?
    O caso do padre Olmedo foi o máis coñecido pero houbo algún máis. Na zona republicana tamén se levou a cabo, sobre todo nos primeiros meses, violencia política e execucións extraxudiciais, sempre condenables. Hai diferencias entre a violencia nunha ou noutra zona pero a fundamental é que na zona republicana foi efectuada por milicias de partidos e sindicatos contra a vontade do goberno republicano e aproveitándose da desarticulación nas forzas da orde e xudiciais motivada polo golpe; na zona sublevada estaba organizada e controlada polas autoridades.
  • Que lecturas en particular suxeriría vostede a quen estea interesado en saber máis sobre Pontevedra nos anos do medo, ademais do seu blogue?
    Aparte do xa clásico Inmolados gallegos de Luis Lamela e a biografía de Aurora Marco sobre Ramiro Paz, non existe bibliografía específica a maiores sobre o tema pero en publicacións como Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo de Ed. Galaxia, Un cesto de mazás de Montse Fajardo ou as publicacións existentes na web Do gris ao violeta (centrada na violencia sobre as mulleres) trátanse aspectos do sucedido. No campo da creación literaria, autores como Xosé Monteagudo en Todo canto fomos ou en obras de Víctor Freixanes ou de Luis Rei recréase a Pontevedra deses anos.
  • Moitas grazas outra vez por aceptar o meu convite, profesor. Foi vostede moi amable. Ao rematarmos a entrevista, déixolle o espazo para escribir calquera cousa que queira engadir sobre os anos do medo na provincia de Pontevedra.
    Só recalcar a necesidade de divulgar de xeito documentado o sucedido naqueles anos porque, como escribiu Dulce Chacón: “Somos vítimas do silencio dos nosos pais e responsables da ignorancia dos nosos fillos.”

Cara un novo paradigma

Por más que la tendencia general sea ridiculizar o rechazar lo diferente, lo alternativo, lo desconocido, es imposible detener el avance y el progreso de la sociedad.

BORJA VILASECA, Qué harías si no tuvieras miedo, p. 203

A Coruña, 11 de marzo de 2020

“Tomade notas durante a chamada, non despois dela”, nunca esquecerei esta recomendación. No agosto e setembro de 2016, traballei como operador de call center en Preston, no noroeste da Inglaterra, a 45 km (unha hora e media de autobús) ao sur de Lancaster, a cidade onde vivía. Non era un bo traballo, non. Porén, o soldo non estaba tan mal, considerando que a aquela altura alugaba unha habitación nun piso compartido coa dona da casa, o seu fillo menor e outra persoa. Isto permitíame aforrar algo máis ca calquera traballo esporádico que tiven na universidade no ano precedente, ao rematar o meu doutorado en Lingüística. Asemade, xa sabía que só traballaría alí durante seis semanas. De feito, un profesor da universidade foi contratado para un traballo co presidente da facultade e, ao ter que darse de baixa do ensino, pediume que me encargase do módulo English grammar: A cognitive approach para os estudantes de posgrado. Era un traballo de apenas tres meses pagado moito menos que o do call center, mais era moito menos estresante, máis interesante e máis beneficioso para o meu CV académico. Ademais, deixábame moito tempo libre para procurar outro traballo e, encima, estaba literalmente a tres minutos do piso da miña (agora ex) moza. Polo tanto, sabía que a experiencia do call center duraría pouco.


Como ían as cousas alí? Axiña llelo conto. Traballaba nunha empresa “líder” (ou, polo menos, así din eles) no sector do outsourcing da asistencia aos clientes. No meu caso, tratábase da organización do goberno británico que prestar diñeiro aos estudantes. De feito, o goberno británico no ano 2010 subira os impostos anuais para rexistrarse nos cursos de licenciatura a 9000 libras, e cortara as bolsas de estudo, que substituíra con préstamos aos estudantes (non vou comentar, paréceme mellor). Basicamente, o meu traballo consistía en coller as chamadas de clientes de toda Inglaterra e Escocia para atender as súas necesidades. Ben, o problema é que, ao remataren as dúas semanas de “formación”, que deberían proporcionarnos as ferramentas necesarias para axudarmos de forma efectiva a todos os que chamarían, quedábamos moi pouco “formados”. É dicir, neste período de “formación”, non se facía nada de nada que fose minimamente parecido ao que sería o traballo real.


Non vou falar demasiado en detalle do meu caso persoal, máis cómpre destacarmos a contradición de facer un traballo no que deberíamos axudar aos demais e non estarmos nas condicións adecuadas para facelo. Alí si coñecín a verdadeira frustración (e, claro, a lexítima impaciencia dos clientes). Non sei cantas veces as chamadas non levaron a ningunha parte. Moitas veces, despois de chamadas de trinta ou corenta minutos non tiven outra posibilidade que dar instrucións aos estudantes de faceren algunha acción tan sinxela como probablemente inútil (encher un módulo e envialo á non sei que oficina en Darlington, por exemplo) e voltaren a chamarnos máis tarde. O número non era gratis e non era posible contactarnos doutra maneira (violencia institucional, non si?). Ao rematarmos cada chamada, tíñamos que destinar un par de minutos a deixarmos algunhas notas sobre o que o estudante quería e as accións que se produciron. Este serviría como resumo da situación para os colegas que voltarían a ocuparse do caso máis tarde. Como dous minutos representan unha xanela de tempo ridícula para resumir estas chamadas, tardábamos máis en levar a cabo esta tarefa. Polo tanto, a decisión que os xerentes da organización foi… repetirnos ata o aburrimento que escribísemos as notas xa durante a chamada. O problema é que, no tanto, xa tíñamos que consultar cinco software distintos. De feito, cómpre comentar que o mito da “multitarefa” é a última (aínda que, claro, non será a derradeira) falacia do neoliberismo. A economista rioxana Cristina Benito díxoo moi ben: non vas ser eficiente, simplemente vas facer zapping entre varias actividades sen enfocarte en ningunha. Non se pode abarcalo todo. Porén, para eles, é preferible ofrecer servicios á cidadanía dun xeito totalmente ineficaz que proporcionar ferramentas axeitadas e unha formación mellor aos dependentes. Non fai falta dicir que se trataba dunha posición cun turnover altísimo. Na verdade, era un bo traballo para os estudantes que acababan de rematar a escola e querían conseguir un pouco de cartos antes de comezaren a universidade, mais para os operadores que xa tíñamos máis de trinta anos coma min, a situación era moi diferente. Non había moito para estarmos alegres.


Un dos problemas principais con este tipo de traballos – e co mundo do traballo máis en xeral – é a persistente falacia lóxica que pon en relación a produtividade co número de horas pasadas sentados ao escritorio e o proveito co corte dos gastos. A esta altura, fica bastante claro que a empresa non vai gañar máis porque os seus empregados se senten máis horas ante un ordenador saltando dunha aplicación a outra, para xestionaren problemas sen disporen dos recursos adecuados. E a verdade è que non se trata de ningunha nova. Para mencionar un exemplo famoso, xa o filósofo galés Bertrand Russell rexeitaba esta mentalidade que, mentres podía entenderse durante o amencer da era industrial, comezaba a mostrar os seus límites no século XX – e hoxe fica claro que non pertence ao século XXI. Ao botárenlles unha ollada ás empresas de maior éxito de hoxe (se relacionas a palabra “éxito” ás empresas do grupo Inditex, están mirando no lugar errado – para comezar, mellor dirixir a mirada cara Google e Virgin), verán vostedes que elas non traballan deste xeito. Pola contra, procuran persoas de talento e trátanas ben, para que fiquen motivados e sigan a aportar beneficios á empresa. A miúdo, os seus empregados nin sequera precisan dun horario de traballo ou de estar fisicamente presentes nunha oficina. Non se mercan as súas horas, senón que se contratan os seus resultados. Asemade, páganse as súa achegas base aos beneficios que contribúen, en lugar de intentar aforrar cada céntimo.


Os devanditos resultados non se orixinan de obrigar os empregados a pasar un gran número de horas ao escritorio, senón de traballar con eles nun común compromiso a proporcionar un beneficio á comunidade: o empregado aporta a súa contribución, libre de desenvolver o seu talento e a súa creatividade ➡️ o servizo ofrecido á sociedade é de nivel alto e prezo non esaxerado, así que xera ingresos para a empresa ➡️ a empresa incrementa ás súas entradas ➡️ o empregado recibe un soldo adecuado á calidade do seu traballo e está motivado a mellorar. A empresa de éxito no século XXI é a que traballa en equipo cos profesionais que contrata e o seu entorno social e coida do medio ambiente. Como destaca dunha maneira moi efectiva Borja Vilaseca no seu brillante libro Que harías si no tuvieras miedo, a Era Industrial xa se acabou e, ao entrarmos na Era do Coñecemento, é preciso levarmos a cabo un poderoso cambio de paradigma. Pídenolo o progreso da especie.

Ollarmos a Dante para desmentirmos mitos lingüísticos

A Coruña, 9 de marzo de 2020

Acabo de rematar a primeira unidade do curso MOOC titulado Corrección, estilo y variaciones de la lengua española, proporcionado polos profesores Santiago Alcaba e Cristina Buenafuentes da Universidade Autónoma de Barcelona. Despois de seguir as primeiras clases e aprobar os cuestionarios, vin as entrevistas que o profesor Alcaba fixo con dous importantes académicos españois. Na primeira, o profesor Leonardo Gómez Torrego do Instituto de Lingua, Literatura e Antropoloxía do CSIC, falou sobre a natureza das normas lingüísticas e o papel de todas as academias da lingua española arredor do mundo castelanfalante; na segunda, o profesor Juan Carlos Moreno Cabrera da Universidade Autónoma de Madrid, opinou sobre a relación entre a lingua estándar e as linguas vulgares. Aínda que ambas contribucións son moi interesantes, aquí vou enfocarme máis na segunda. Creo que o profesor Moreno Cabrera realmente merece unha ovación de pe, ao derrocar os mitos do imperialismo lingüístico dun xeito realmente efectivo (e dificilmente alguén pode acusalo de ser “antiespañol”, “independentista” ou parvadas parecidas, porque el naceu e medrou en Madrid e é catedrático de lingua castelá na mesma capital española).


Na entrevista, o profesor explica, de xeito claro e sinxelo, que algunhas das crenzas máis comúns sobre os conceptos de “lingua culta” e “lingua vulgar” se basean en suposicións totalmente erróneas. Unha destas é a idea de que a fala vulgar é algo pobre, que non ten a capacidade de vehicular mensaxes que poderíamos definir “altos”. Por exemplo, existe a convicción de que a fala popular non teña os recursos expresivos adecuados para abarcar temas de natureza científica o filosófica. Para contrastar esta falacia, o profesor Moreno Cabrera menciona unha das maiores autoridades da literatura italiana de todos os tempos: Dante Alighieri. En particular, a argumentación do profesor madrileño fai fincapé no ensaio De Vulgari Eloquentia, no que o poeta florentino sostén que a fala vulgar se pode desenvolver ata chegar a un nivel cualitativo comparable ao do latín. De feito, o mesmo Dante escribiu en lingua vulgar o texto que se considera a base da literatura italiana, a Divina Comedia. No século XIV, autores como Dante Alighieri, Francesco Petrarca e Giovanni Boccaccio escribiron obras que deron unha contribución enorme para a dignificación da lingua vulgar, trazando o camiño que, na idade contemporánea chegará a ser o italiano estándar, que se pode considerar unha evolución da fala vulgar da cidade de Florencia.


En consecuencia, o profesor Moreno Cabrera invítanos a reflexionarmos sobre outra crenza bastante común sobre as linguas, ou sexa, o mito de que as falas vulgares emerxerían dun proceso de “corrupción” da lingua culta. Isto, claro, non ten sentido ningún. De feito, a lingua estándar é o resultado dun proceso de fixación de normas, levado ao cabo por unha autoridade lingüística para dar estruturas comúns a toda a poboación que fala unha determinada lingua nun determinado territorio (no caso do castelán, este é o papel da Real Academia Española en coordinación coas outras academias da lingua que se atopan no mundo castelanfalante). Por suposto, cómpre destacarmos a importancia deste traballo normativo, que nos permite termos unha lingua que todos entendemos: o rexistro culto que aprendemos na escola e que cada día encontramos nos medios de comunicación. Ao mesmo tempo, cómpre lembrarmos que esta lingua, strictu sensu, non é o idioma nativo de ninguén. Ao tratarse do resultado dun traballo de estandarización, a variedade estándar non é una lingua natural e, polo tanto, é absurdo concibir as linguas vulgares como os resultados dunha “corrupción” da lingua culta (curiosamente, sempre ouvín a moita xente allea aos estudos lingüísticos matizar o inglés americano como unha corrupción do “verdadeiro inglés” – un ano atrás tratei este tema nun artigo sobre o concepto de “verdadeiro inglés” que escribín en inglés para a miña páxina web e logo traducín ao castelán para o sito web Globedia).


É verdade, evidencia o profesor Moreno Cabrera, que hai una xerarquía entre a lingua culta e lingua vulgar, está claro que a primeira ten moito máis prestixio e se utiliza en todos os contextos formais, e isto é normal. Por outra parte, con respecto ao desenvolvemento histórico da lingua podemos observar xustamente o contrario: a lingua estándar orixínase dun xeito parasitario da evolución natural das falas vulgares: é a emerxencia (seguida pola difusión) de novas palabras e construcións gramaticais na lingua popular que define a dirección do proceso de estandarización. Como dixo tamén o profesor Gómez Torrego, ao introduciren innovacións na lingua estándar, as academias da lingua están simplemente a ratificar as tendencias que se poden observar no uso actual do idioma. Non é casual que, nas últimas décadas, os dicionarios publicados pola Real Academia Española sexan dicionarios de uso, xa non ex auctoritate. Trátase do recoñecemento dende arriba para abaixo (é dicir, da parte da autoridade lingüística) dun proceso levado ao cabo dende abaixo para arriba (é dicir, polos falantes do idioma). A ratificación da innovación ten lugar cando un cambio lingüístico introducido na fala da poboación se estende ata ser adoptado polos medios de comunicación. Polo tanto, mentres a variedade estándar dunha lingua é fundamental para que esta non se fragmente nunha multiplicidade de variedades que a longo prazo perderían a intelixibilidade mutua, está claro que a relación xerárquica entre a lingua estándar e a fala vulgar é o contrario do que a miúdo a xente pensa: a fala vulgar é o amo que dirixe as mudanzas na lingua culta.


A xeito de conclusión, cómpre evidenciarmos que hoxe hai un montón de fontes dotadas de autoridade que desminten dun xeito claro, aínda que sinxelo, os mitos sobre a “pureza” da lingua culta e a súa suposta “corrupción” na fala do pobo (a partir dos estudos de Uriel Weinreich e William Labov nos anos 50 e 60, na segunda metade do século XX apareceu unha ben ampla literatura sociolingüística que demostra a vacuidade desta crenza). Reiterando unha metáfora xenial usada polo profesor Moreno Cabrera, a fala vulgar é a pedra e a lingua culta é a escultura: alguén diría que a pedra representa unha “corrupción” da escultura? Claro que sería unha tolaría monumental. Como a pedra é o material do que os artistas forxan as súas esculturas, a fala vulgar é o material da que as autoridades lingüísticas dan forma á lingua estándar. Afirmar a “superioridade” da lingua estándar sobre as falas vulgares non é síntoma do amor pola lingua, senón dunha abismal ignorancia da súa esencia. En consecuencia, o desprezo polas variedades vulgares equivale ao odio polas orixes mesmas da lingua estándar. Escollemos entón a civilidade en lugar da ignorancia: respectemos todas as variedades lingüísticas e mesmo todas as distintas linguas e culturas. Como escribiu o mesmo Dante no canto XXVI do seu Inferno, “fatti non foste a viver come bruti” (“non vos fixeron para vivirdes como brutos”), aínda que as accións deste autor non sempre foron coherentes coas súas palabras. 😉

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos